CLUB DEPORTIVO AS PONTES: RESULTADOS DA FIN DE SEMANA 24-26 DE MAIO DE 2013

47

FASE DE ASCENSO A PRIMEIRA AUTONÓMICA
S.D.C. San Cristóbal das Viñas – C.D. As Pontes B (0-1)
Despois do empate a un gol no Poboado diante do Carnoedo na primeira xornada da fase de ascenso á Primeira Autonómica, o As Pontes B acadou este sábado unha importante vitoria a domicilio ante o San Cristóbal das Viñas coruñés por 0-1. Os tres puntos permiten ó equipo que adestra Iván Rodríguez situarse de líder do seu grupo de ascenso á espera de que acabe a primeira volta a vindeira fin de semana co partido entre o Carnoedo e San Cristobal.
O único gol do partido chegou antes do descanso, no minuto 39, nunha xogada na que Fermín aproveitase dunha mala cesión dun defensa para roubar o balón e marcar de tiro cruzado. Tiveron moitas ocasións os azuis, pero non chegaron a marcar e nos últimos minutos houbo algunha xogada local de certo perigo pero o resultado non se moveu e os ponteses sumaron tres importantes puntos nesta curta fase de ascenso.
No encontro xogado no campo de Elviña ante uns 200 espectadores o As Pontes B aliñou a Iván Parapar, Ferreiro, Nando, Palas, Carlos, Totti, Vila, Vicente (Moyá, min. 70), Púas, Borja (Narciso, min. 80) e Fermín (Marcos, min. 72).
cdaspontesb.jpg


LIGA GALEGA XUVENIL (derradeira xornada)
S.D. O Val – C.D. As Pontes (3-5)
Sacou o orgullo o equipo xuvenil e no derradeiro encontro venceu no derbi comarcal ó terceiro clasificado, O Val, e non lle veu mal, porque nin máis nin menos a última praza de descenso saíu dun triple empate a 50 puntos, que sería entre catro equipos de perder onte os azuis; aínda que nesa fatídica situación tamén se salvarían. Finaliza a competición de liga co Galicia de Caranza con 72 puntos como campión e ascendido a Liga Nacional, Residencia 67, ascendido, O Val 58, Orillamar 57, Vilalbés e Lugo B 54, As Pontes séptimo con 53, Milagrosa 52, Bergantiños e Atlético Fátima 51, Negreira e EF Lalín 50. Descendido con 50 puntos Boiro, un equipo que descende con máis partidos gañados que perdidos, algo insólito, e xa descendidos hai unhas semanas, Conxo B e Montañeros B con 42, Viveiro 35, Brexo Lema 27 e Eume Deportivo 10.
xuvenil.jpg
COPA ASOCIACIÓN DE CLUBS CATEGORÍA CADETE
Eume Deportivo – C.D. As Pontes (3-2)
Os cadetes perderon por 3-2 no seu encontro de ida de semifinais da copa da asociacións de clubs disputado no campo da Gándara diante do Eume Deportivo, con goles ponteses de Brais Blanco e Roberto; pero aínda poden remontar no choque de volta. No outro enfrontamento sentenciou O Val ó vencer a domicilio ó Perlío en Fene por 0-3.
cadete.jpg
COPA ASOCIACIÓN DE CLUBS CATEGORÍA INFANTIL
Eume Deportivo – C.D. As Pontes (1-3)
O equipo infantil venceu en Pontedeume 1-3 ó Eume Deportivo, con dous tantos de Ayrton e un de Alberte, co que encarrila a súa clasificación para a final. No outro partido o Maniños venceu por 3-2 ó Narón BP. Un equipo infantil pontés que xa coñece rival para a fase de ascenso, será o Ciudad Jardín da Coruña os días 2 e 9 de xuño, e de clasificar enfrontaríanse os días 16 e 23 ó vencedor do Xallas de Santa Comba contra o Villestro de Santiago. Pola súa banda o Racing de Ferrol tamén enfrontará cun coruñés, Santa María del Mar, e de pasar ó vencedor do Sporting Estrada-Racing Vilalbés.
Infantil.jpg
COPA DELEGACIÓN DE FERROL DE CATEGORÍA BENXAMÍN
O Val campión
O Val proclamouse este domingo campión da Copa de Benxamíns no torneo disputado en Narón, co que fai dobrete tras gañar a copa en categoría alevín, e podería non ser a última copa que se leva o equipo valexo antes de que remate a tempada. Comezou con pleno de vitorias avultadas no seu grupo, pero pasou a rolda de oitavos ante o Amistade de Meirás e a de cuartos ante o Caranza C pasando na quenda de penaltis. No derbi de semifinais venceron ó Narón (2-1), mentres o Ortigueira se desfacía do Portuarios B por penaltis tras empatar a 2-2. A final foi máis doada do previsto e os valexos gañaron ós do Ortegal por 6-1.
No tocante á participación pontesa, ningún dos dous equipos pasou á rolda final. O Benxamín A perdeu 0-2 ante o Amistade de Meirás e polo mesmo resultado ante o Rápido de Neda, que se vingou da liga perdida. Xa eliminados venceron ó Animas (3-1). Pola súa banda, o Benxamín B perdeu ante Cedeira B (0-1), Eume B (0-2) e Galicia de Caranza C (0-4), para rematar cun empate diante do Perlío B (1-1).
benxaminA.jpg
benxaminB.jpg
Nova cortesía de Xosé A. Ferreiro e A.F.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios