O océano da miña casa é particular

39

[El Progreso] Como luz de agosto brillan as ondas no lago das Pontes, nese océano interior a carón da casa. Unha barbaridade de cifras para convertilo nunha marabilla de récord: 547 hectómetros cúbicos de auga (ao redor dun 63% procedente do río Eume), un perímetro de 17,5 quilómetros, 5 quilómetros de longo, 2,22 quilómetros de ancho, 865 hectáreas de lámina de agua (equiparable coa totalidade do termo municipal da Coruña) e unha profundidade de 206 metros.


Enchido no lugar que antes ocupaba a mina de carbón (espazo xa anegado para a paisaxe de ciencia ficción), empeza a deixar a súa pegada húmida no futuro dun municipio vencellado á produción fabril, á central térmica de Endesa e a unha cheminea que non se pode agochar debaixo da alfombra.
O lago rexenérase (co Eume) e vén rexenar unha historia medioambiental non sempre exemplar, ao tempo que regala aos veciños e visitantes unha praia de case cincocentos metros de lonxitude ideal para a práctica de deportes como a vela ou o piragüismo.
AGROMA XUÑO
Lorenzo peta con ganas tras a inverneira e os que poden aproveitan para deitarse á raiola.
Jesús, prexubilado de Endesa, contribuiu, como di el, a esta magna obra. Traballou durante moitos anos coa excavadora, «facendo o burato» da mina inundada, «así que…», deixa caer.
É mediodía e achégase con paso apurado, espido de cintura para arriba, coa camiseta na man e os cascos na orella. Comenta que como el, moitos veciños aproveitan isto de ter nova praia para estirar as pernas.
«Ademais, a temperatura da agua é moi boa, duns 22 graos, e o nivel de pureza é perfecto», asegura. «O ano pasado eu estiven bañándome ata outubro».
Jesús, home activo na comunidade cultural pontesa, onde toca en dous grupos -The Dylan Sessions e Súper Efe-, contempla este gran azul como «unha cousa beneficiosa para o pobo», aínda que ao seu xuízo habería que facer moitas cousas. Para empezar, uns mellores accesos, e logo, unhas pistas deportivas, «xa que hai moita xente deportista nas Pontes e sería un xeito de pasar todo o día na praia».
Outro paseante, Luis Antonio, confesa que a súa visita, a primeira, está motivada pola insistencia da súa parella, que xa estivera antes. Curiosamente, é natural de Cedeira, unha localidade costeira da Coruña moi visitada polos ponteses no verán.
Malia que foráneo, non escatima eloxios para o lago, «aínda que iso de bañarme, non, non sei; estando acostumado ao mar…».
NA AREA
Parellas facendo a típica postal de namorados ante o horizonte, grupiños de mozos e mozas con atuendo urbán, mamás cos pequenos de merenda. Ata un chiringuito, atendido por Elvira, abre as súas portas coa chegada da luz e da calor.
Este será o primeiro ano na praia para Elvira e, claro, espera que o negocio lle saia redondo, aínda que fai un aceno de pesimismo. Normal, como están as cousas. «Para ir tirando si que dá», afirma tendo en conta eventos e celebracións recentes no areal. «Onte, por exemplo, estivo aquí un grupo de rapaces tomando algo e dixeron que hoxe ían volver».
Pouquiño a pouco, como ela di, vai quentando os ánimos esta praia de fina area branca: para ser ocupada e gozada.
Os nenos pásano ben con todo, e preto da auga, máis. Lucía e Vanesa, naturais da vila, baixan moi a miúdo cos seus pequenos, David e Marina, respectivamente.
Polo de agora, co vento que vai, o do baño ten que esperar, pero decláranse fans do humidal. «Venimos siempre que podemos y, en invierno, también, con tal de que no llueva…». Para Vanesa tamén supón un espazo onde poder relaxarse.
A piques de cumprir un ano, o lago artificial das Pontes, o máis grande de España, é un mar de posibilidades (para o turismo, para o ocio), pero iguais que as que ofrecen unha vila e un concello cunha longa historia e recunchos encantadores, algúns deles sorprendentes e únicos.
O café, por exemplo, pode vir acompañado de biscoito e dunha guía da biblioteca coas últimas entradas -a iniciativa Café con Libros-, como ‘O gardián invisible’, de Dolores Redondo.
A arquitectura indiana revive en cores eléctricas. Os xardíns da Praza do Concello acaban de ser sementados e a herba está vetada temporalmente para o xesto pracenteiro de deitarse riba dela.
Con baño primaveral ou sen el, as praias, ata as artificias, alimentan o apetito. Na zona vella, preto da Ponte do Ferros, presume de fachada o restaurante Casa Ana.
Do fondo vermello, a xeito de mural, compoñen un bodegón vexetal ducias de prantas e flores. Dentro, clientela traballadora, prato do día (carta se se quere) e troitas do tamaño de tiburóns.
Na barra, dende hai seis anos, traballa Emilia Pena, lucense de Xermade, aínda que residente en Cospeito. Polo de agora non ten visitado o lago pontés, unha paisaxe que ve «de lejos» cada día de que vai e vén das Pontes.
«No, no he puesto aún el pie», sonríe, e formula a xeito de promesa, non moi convencida, que o fará: «Aunque yo no soy de agua, yo soy de tierra adentro».
Sinala que son moitos os lucenses os que teñen o seu posto de traballo na localidade coruñesa, malia a non vivir nela.
É o caso de Luis, de Vilalba, que leva máis de tres décadas na mesma carpintería: «Empecei a traballar aquí pero funme quedando», explica. Pero nunca se mudou porque «sigo sendo de Lugo», presume con orgullo.
Luis tira para a terra, pero recoñece que o humidal é e vai ser un «grande cambio» para As Pontes. Un cambio a mellor do que xa dá conta Emilia dende a barra de Casa Ana.
Así, nos últimos tempos, percibiu un maior número de visitantes que se achegan a visitar o lago «y después se quedan por aquí a comer y a visitar el pueblo».
É outra opción na hora da sesta, a de visitar a vila, que loce como Central Park a súa Fraga, a que xunta árbores centenarias a carón do Eume. Cada verán é invadida por milleiros de persoas que a honran cunha festa.
A Fraga é un anticipo das Fragas do Eume, ese gran bosque europeo, un soño en verde, pero non o único paraíso natural da zona. Están as fervenzas de Somede e Bermui, e mesmo a vila pontesa murmuria con son zen, arrodeada polo paso do Eume e do Chamoselo.
Trala inevitable fachada industrial das Pontes -repintada agora de azul mar- hai estancias interiores das que gozar e aprender.
Cara adentro, a uns 18 quilómetros da vila, atópase a parroquia de San Pedro de Eume, cunha igrexa e un cemiterio único no interior galego.
As orixes e porqués deste lugar son case un misterio, en parte pola escasa información existente. Xosé María López, presidente da Plataforma na Defensa do Patrimonio das Pontes, suliña ademais a existencia, no adro da igrexa, dunha pedra no chan co escudo do antigo reino de Galicia esculpido. «Imaxinamos que pode ser o soterramento dun noble, aínda que son hipóteses».
Sobre as tumbas adornadas de vieiras, Francisco Xavier Martínez, actualmente párroco de San Sadurniño e cura nas Pontes durante catro anos, indica que «responden ao soterramento clásico da diocese de Santiago», á que pertenece San Pedro de Eume.
O concello do lago azul é tamén o de igrexas, do crecemento industrial-hai tours turísticos que percorren a central-, o da natureza, o do patrimonio artísico e cultural, o das rotas de sendeirismo, o dos deportes náuticos ou o da gastronomía.
Hai que espelirse os prexuízos e achegarse, mergullirse, coma nese novo lago que xa é metáfora e promesa. Cruzar as pontes que tanto teñen que ver coa súa toponimia e admiralas con perspectivas.
As Pontes suma agora un lago ao seu mapa xeográfico, unha lámina de agua de futuro na que un presente e pasado de interiores empezan a arrimarse para ter, como espello, o seu reflexo.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios