O CONCELLO DE AS PONTES HONRARÁ Á SÚA PATROA CON MÚSICA, ACTIVIDADES DEPORTIVAS E MÚLTIPLES CITAS CULTURAIS

123

[RTVEume] En menos de tres semanas As Pontes vestirase de festa. De feito, xa están en marcha, dende hai varios meses os preparativos dunha nova homenaxe á patroa: a virxe do Carme que, coma sempre, se vivirá con actividades de todo tipo e para todos os gustos. Música, espectáculos infantís, citas relixiosas, competicións deportivas e sobre todo moita diversión serán as principais liñas de varios días de festa que arrincarán coa publicación, a finais da vindeira semana, dunha nova edición da revista das Festas do Carme e a Fraga 2013. De feito xa esta fin de semana poderemos desfrutar do tradicional maratón de fútbol sala festas do carme ao que se unirán, unha nova cacería do raposo, e citas coma o Seven de Rugby, diferentes competicións de tiro, padel ou baloncesto . Nembargantes, un dos eixos centrais serán as actividades litúrxicas e que arrincarán o 12 de xullo coa tradicional novena da Virxe do Carme. Por suposto, non faltará a ofrenda floral á nosa señora o 13 de xullo e as procesións de baixada e subida os días 20 e 21, ao que se sumará a Misa de Cofrades e de Santa María Magdalena o día 22 ou a misa na Capela do Carme o mesmo 25 de xullo.
Para os máis pequenos tamén se contará cunha interesante oferta lúdica cunha nova edición do parqueactivo entre os días 18 e 22 de xullo ou o mundoxogo que ateigará de xogos do máis diverso as dependencias do Mercado Vello e arredores. A eles uniranse espectáculos infantís coma a obra Jiñol e diferentes actividades vencelladas coa música, a maxia ou os xogos tradicionais. Pero non nos podiamos esquencer tamén de actividades para os máis entrados en anos, de feito, un dos actos con maior participación é o tradicional pregón das festas que terá lugar o día 19, diante da Casa do Concello. Nesta ocasión decidíase homenaxear ao sector sanitario que estará representado polos doutores Pilar e Guillermo Baamonde, a Pura Seco e o pediatra José Ramón García López que serán os encargados de dar o pistoletazo oficial de apertura a estas festas. Asemade, non nos podiamos esquencer doutro tipo de citas xa clásicas coma o Certame de Corais que terá lugar o día 13 ou o de Bandas, programado para o día 21, con eles o Festival Folclórico Internacional que se celebrará o día 22 ou unha nova edición do espectáculo de percusión e danza Latexos, o día 12 de xullo.
Por suposto un dos pratos fortes destas festas serán as verbenas onde non faltarán a Sintonia de Vigo, a orquestra París de Noia ou a Olimpus, entre outras. Así as cousas, para o mesmo venres das festas a formación Sintonía de Vigo que lidera Arturo Sabugueiro compartirá noite coa Costa Oeste, na Praza do Carme, namentras que o sábado, trala procesión será posible desfrutar das formacións Filadelfia e Combo Dominicano. A verbena do domingo estará protagonizada polas míticas Gran Parada e París de Noia e o luns contarase coa Olympus e a orquestra Charleston. Asemade, durante a semana de festas tamén teremos outro tipo de actuacións musicais xa que a Banda Cultural e Recreativa protagonizará varios concertos ao igual que o grupo tradicional Faltriqueira, a Agrupación Cultural Alende e incluso teremos nas Pontes á formación de mariachis Los colores de México. E para a celebración da Festa da Fraga nada mellor que todo un cartel de luxo para unha nova edición do Festival Folk, desta vez coas formacións Güezos, Bastards on parade, Quempallou ou a cantante Mercedes Peón. Xa para o día 25, contarase coa orquestra Cinema coma responsable da sesión vermú que repite trala boa experiencia do pasado ano. Asemade, e tras moitos rumores xa se pode confirmar a visita o día 25 á fraga da formación los Suaves, nun concerto que arrincará ás 20.30 horas. Xa á noite novamente a orquestra Cinema repetirá actuación para pechar este programa de actividades do máis variopinto e que tan só esixe unha cousa: o desfrutar del con todas as ganas posibles.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios