XXVIII MOSTRA CORAL VILA DE AS PONTES

47

Con motivo das festas do Carme e A Fraga, este sábado, 13 de xullo, celebrarase no auditorio municipal Alovi, de As Pontes, a vixésimo oitava edición da mostra de música coral “Vila de As Pontes”, que un ano máis organiza a Agrupación Coral Endesa As Pontes baixo o patrocinio do Concello de As Pontes. O concerto comezará ás oito do serán (20,00).
Neste xa veterano festival de corais pontés participarán nesta ocasión tres agrupacións corais, a Coral Polifónica Via Sacra, de Sobrado dos Monxes, a Coral Polifónica Neria Costa da Morte, e a anfitrioa, a Coral Endesa As Pontes.
A Coral Polifónica Neria-Costa da Morte, aínda que realiza os ensaios en Cee, non se enmarca en ningunha vila desta comarca costeira coruñesa. Foi creada en 2008 con cantantes de varios concellos e hai uns días sacaron o seu primeiro disco “Amencer na Costa da Morte” con cancións de variados estilos. Está dirixida por Isidro Caamaño Trillo e na actualidade conta con 38 membros.
A Coral Polifónica Via Sacra, de Sobrado dos Monxes, é tamén de moi recente creación (2008), sendo impulsada pola Asociación de Mulleres Rurais “A Maristela”. Recibe ese nome na honra do paseo que vai da Casa das Audiencias ata o Mosteiro de Sobrado dos Monxes. Está formada por 25 integrantes e está dirixida por Malena Pazos Pintor.
Moito máis antiga é a coral anfitroa, Endesa As Pontes, xa que foi fundada en 1974, polo que o vindeiro ano cumprirá 40 aniversario. Ten un amplo repertorio de máis de 200 obras de polifonía clásica, música sacra, panxoliñas, habaneiras, música popular e folclórica. Nestes case corenta anos ten ofrecido máis de 500 concertos por diversas cidades da xeografía española, ademais de Suiza, Portugal e República Checa. O seu primeiro director foi Alfonso de la Torre Piñeiro e actualmente está dirixida por Olga Vigo.
Mostra-Coral-As-Pontes.jpg


Nova cortesía de A.F.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios