Resultados moi positivos para o Clube Sílex no LXIV Campionato de España Absoluto

66

Celebrado na localidade tarraconense de Cambrils a fin de semana pasada (11 ao 14 de xullo9, o LXIV Cto. de España de tiro con arco ao aire libre absoluto nas modalidades de arco olímpico e arco composto, tivo unha pequena representación de deportistas galegos, todos eles de clubes das comarcas de Eume e Ferrolterra. Do Clube Sílex eras tres os representantes, Xaquín Mira en arco composto home; e o cadete Daniel Castro e o xuvenil Miguel Alvariño, tamén compoñente do equipo nacional, na modalidade de arco olímpico.
O xoves foi o primeiro día de competición no que se tiraron as distancias curtas da ronda FITA para a modalidade olímpica. Miguel estivo a un bo nivel manténdose nos postos de cabeza; pero a sorpresa deuna Daniel que sendo esta a súa primeira participación neste campionato remataba a xornada preto dos 10 primeiros da clasificación. Xa na mañá do venres os mesmos arqueiros e arqueiras tiñan que completar a ronda clasificatoria coas distancias longas. Miguel Alvariño, por un erro na cumplimentación da táboa sumou 100 puntos menos dos que fixera. Isto relegouno ata a viséxima posición da clasificación de cara ás eliminatorias. Por outra parte Daniel Castro seguíu a un bo nivel amosando o seu saber estar en competición. 1229 puntos e a duodécima praza da clasificación supuxo un gran debut na categoría absoluta aínda sendo cadete.


Antes de xantar comezou a fase de eliminatorias na que Daniel caeu en 1/16 de final acadando así o 17° posto no Campionato. Miguel foi quen de pasar tanto esa primeira ronda coma a segunda e tamén a de 1/4 de final na que venceu a Elías Cuesta compañeiro da selección nacional e con quen se desputa o terceiro posto do equipo para a participación a nivel internacional. Reservábanse para o sábado as eliminatorias de semifináis e finais.
Pola tarde, as arqueiras e arqueiros da modalidade de arco composto saltaron ao campo para facer a ronda FITA de 72 frechas a 50 metros, e ao igual que os recurvos, desputar ata os cuartos de final. Xaquín Mira, cunha actuación regular mantívose na zona media alta da clasificación, e con 665 puntos pasou ás eliminatorias no posto 19º. Gañou o enfrontamento de 1/32 de final e no de 1/16 non lle foron suficientes os 139 puntos para superar ao contrincante que sumou 142. Con isto remataba mellorando a clasificación da ronda previa e quedando no 17º posto.
Xa na xornada do sábado a vista estivo posta na posibilidade de obter medalla por parte de Miguel Alvariño, que na semifinal se vería as caras co primeiro clasificado da fase previa, Juan Ignacio Rodríguez. Pero non foi doada a misión, e perdeu 6-2, quedando a única opción da medalla de bronce contra Jose Carlos Olandía. Pero neste caso o pontés non deu opcións gañando a súa primeira medalla nun Campionato de España Absoluto por 7-1. Un bronce que lle deu un bo sabor de boca polo traballo que fai semana a semana.
E non rematou aquí a actividade na fin de semana, xa que na tarde do sábado comezaba o VIII Campionato de España de Equipos Autonómicos no que Galicia se presentaba en arco recurvo homes e en arco composto homes. O equipo de arco recurvo estaba formado polos arqueiros do Clube Sílex Daniel Castro e Miguel Alvariño, e o arqueiro de Arco Narón Rodrigo Fernández. Mentres que o de arco composto tiña ao naronés Alberto Blázquez, a Guillermo Rodríguez de Arco Ferrol e a Xaquín Mira do Clube Sílex.
A primeira fase do campionato foron dúas rondas de 24 frechas, para logo coa clasificación en cada unha das modalidades repartir os 8 mellores equipos en dous grupos de 4. O equipo de recurvo clasificou de 4º e o de composto de 2º empatado a puntos co primeiro. Na segunda fase, a de grupos, se desputaban enfrontamentos directos con 2 puntos por victoria e 1 no caso de empate. Os rapaces de recurvo gañaron dous enfrontamentos ao igual que os de arco composto. Nos dous casos quedaron segundos de grupo. Entre os primeiros de grupo pelexaríanse o ouro e a prata, mentres que os segundos, como os equipos galegos, desputaríanse as medallas de bronce.
Galicia contra Baleares foi a loita de Miguel, Dani e Rodrigo. Eliminatoria que non foron quen de gañar quedando co mel nos beizos de traer unha nova medalla para terras galegas.
Pola outra banda, os xa experimentados homes de arco composto, loitaban as medallas co equipo do País Vasco. E a misión acadaron levala a bo porto, facendo así que Galicia acadara por primeira vez unha medalla por equipos nesta modalidade en aire libre. Medalla de bronce coa que completar unha boa fin de semana a rentes do Mediterráneo.
Nova cortesía do Clube Sílex

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios