O CPR Lestonnac e o CEIP Santa María das Pontes súmanse á rede de centros plurilingües

43

[Diario de Ferrol] A rede de centros plurilingües da comunidade galega, formada por aqueles que poden impartir ata un 33% do horario lectivo nunha lingua estranxeira de forma continuada ao longo de toda a escolarización, verase incrementada o vindeiro curso académico con 35 novas incorporacións. Entre elas figuran dous da comarca de Ferrolterra, o CPR Santa Juana de Lestonnac de Ferrol e o CEIP Santa María das Pontes de García Rodríguez. Así figura no listado provisional de admitidos publicado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
Segundo os datos desta área, o vindeiro curso 2013/2014 contará cun total de 183 centros plurilingües, grazas aos que case 23.000 alumnos e alumnas poderán ter, salienta a Administración, un ensino plurilingüe (galego, castelán e unha lingua estranxeira, que maioritariamente é o inglés).


Oito colexios
Coa integración do CPR Santa Juana de Lestonnac e do CEIP Santa María das Pontes, serán oito os colexios de Ferrolterra embarcados no programa, no que xa veñen participando os CPR Jesús Maestro (Discípulas), La Salle, Cristo Rey e Sagrado Corazón (Mercedarias), todos de Ferrol, o tamén ferrolán San Xoán de Filgueira, e o CEIP A Magdalena das Pontes.
Ademais, haberá 445 seccións bilingües máis –materias non lingüísticas que se imparten nunha lingua estranxeira–, ata sumar un total de 2.818 en 704 centros educativos, dos que se beneficiarán 47.000 estudantes.
Participación
Os centros que desexan adherirse á rede plurilingüe deben solicitalo nas convocatorias que de xeito anual fai a Consellería de Educación, que fai a selección final. Os aspirantes deben presentar, entre outros documentos, un proxecto de desenvolvemento do programa plurilingüe así como a relación de áreas ou materias que se impartirán na lingua estranxeira.
O programa foi implantado de xeito experimental durante o curso 2010/2011 “como parte do proceso de fomento da diversidade lingüística e cultural da súa política educativa”, tal e como se apunta desde a propia administración educativa.
Os centros plurilingües teñen, entre os seus obxectivos, “formar en linguas estranxeiras á vez que en contidos non lingüísticos mellorar o dominio efectivo do alumnado galego noutras linguas; fomentar a pluralidade lingüística e cultural nos centros para lograr a plena integración do alumnado nun contexto cultural e económico globalizado; e promover o desenvolvemento dun currículo integrado das linguas para favorecer a transferencia dos coñecementos e as competencias”, tal e como figura na orde que desenvolve o plan.
Para poder desenvolver os seus respectivos proxectos, os centros integrados nesta rede teñen que dispor de profesorado cualificado para impartir as materias nunha lingua estranxeira en toda a etapa.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios