RIBADEUME CELEBROU AS FESTAS PATRONAIS DA ASUNCIÓN DE MARÍA E SAN ROQUE

116

Un ano máis a parroquia de Ribadeume celebrou as súas festas patronais na honra á Asunción de María e San Roque, que por mor do calendario un ano máis adiantáronse á fin de semana anterior ó 15 de agosto, día no que máis de 250 vilas, parroquias e aldeas de Galicia celebran a festividade da Virxe de Agosto, o mesmo que tamén fixo a parroquia do Deveso (da que se dá información aparte), polo que nesta fin de semana dúas parroquias pontesas celebraron as súas festas patronais
A boa climatoloxía acompañou a estas tradicionais e populares festas ribadeumesas, que comezaron o venres 9 cunha verbena cos grupos Ceniza e Enclave. O sábado, despois das bombas de palenque, celebrouse a misa na honra da Asunción de María, seguida da procesión e a sesión vermú coa orquestra Fin de Siglo, que tamén estivo na verbena da noite xunto a Fusión.
Na derradeira xornada do domingo tamén houbo actos relixiosos con misa e procesión, para despedir os festexos deste ano coa sesión vermú a cargo do grupo Bumerang.
ribadeume


A PARROQUIA DE RIBADEUME (Santa María)
Ribadeume, ata 1983 parroquia do concello da Capela, recibe o seu nome pola súa situación sobre o Eume, río que rega o leste da parroquia, ademais do de Maciñeira e os regos do Castro, Porto do Liño e Pena de Traste. Ocupa uns 14 quilómetros cadrados de terreo montañoso, destacando o pico de Montouto (566 m), agás unha pequena meseta na parte norte que fai de atalaia cara o río e o val do Eume, onde viven á maior parte dos seus 201 habitantes, segundo o censo de 2012.
Comprende as aldeas das Seixas, O Cameleiro, Espá, A Folla Branca, A Fraga dos Cregos, As Gañidoiras, Pena de Traste, Roidiz, Alto das Seixas, Vilarmouro, Os Ucedos e O Campo, considerado como núcleo de poboación (con 148 veciños), que agrupa os lugares da Villerma, A Carreira, O Cachopal, O Castiñeiro Dacó, O Castiñeiro Dacolá, O Cotillón, Os Castros, A Corredoira, O Petouto e A Pedra do Couto. Están deshabitados os lugares da Graña, O Raque e Viador.
É unha parroquia con abundancia de castros, os chamados de guarnición común moi abundantes na comarca. A igrexa parroquial tivo varias reformas e a súa espadana de dúas campás é do século XVIII. Á carón súa hai un cruceiro e un sartego paleocristián. Na praza principal do lugar hai un interesante cruceiro construído no ano 1863. É de plataforma, pedestal e capitel cadrangular e cruz octogonal, levando no anverso o Cristo crucificado e no reverso a Virxe en actitude de orar.
A PARROQUIA DE BERMUI (Santiago)
A parroquia de Santiago de Bermui está dende moi antigo vencellada á de Ribadeume, da que é parroquia anexa e coa que comparte moitos aspectos sociais, culturais e veciñais.
Segundo a lenda, o nome de Bermui ven do rei Bermudo II, quen no ano 982 foi coroado en Santiago pola nobreza galega. Ante a chegada de Almanzor fuxiu cara Betanzos e despois a Oviedo pasando por As Pontes. Bermui, terra de castros, é hoxe unha próspera parroquia que vive principalmente da agricultura e gandería. Ten 82 habitantes repartidos nunha superficie de dez quilómetros cadrados (10,42), nos lugares habitados de Campoverde, O Carballo, O Castro, O Caxado, Os Currás, A Graña, A Ermida, Bermui-Igrexa, O Mariñao, Sesulfe, Sobrevila e A Torre. Están deshabitadas as aldeas do Cordal e Murazoso. É unha meseta duns catrocentos metros de altura, aínda que ó oeste supera os cincocentos, como no monte da Fonte Vella (521 m).
A Igrexa parroquial é de construción recente (1972). No lugar da Ermida está a capela de Santo Antón, que, aínda que foi limpada da maleza, atópase en mal estado. Nesta parroquia hai unha fervenza situada no treito final do rego das Painceiras antes de chegar ó río Eume, cunha altura de preto de trinta metros.
Ribadeume, 12 de agosto de 2013 (AF)
ribadeume
ribadeume
ribadeume
ribadeume
ribadeume
ribadeume
ribadeume
ribadeume
ribadeume
ribadeume
ribadeume
ribadeume
ribadeume
ribadeume
ribadeume
ribadeume
ribadeume
ribadeume
ribadeume
ribadeume
ribadeume
ribadeume
ribadeume
ribadeume
ribadeume
ribadeume
ribadeume
ribadeume
ribadeume
ribadeume
ribadeume
ribadeume
ribadeume
ribadeume
ribadeume
ribadeume
ribadeume
ribadeume
ribadeume
ribadeume
Nova cortesía de A.F.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios