Nota de prensa do BNG: A INACTIVIDADE E A PASIVIDADE CÓMPLICE DOS CONCELLOS PODEN AGRAVAR O PROBLEMA DOS VERTIDOS.

88

O BNG denuncia que nos depósitos paralizados cautelarmente existe actividade.
As Pontes, 21 de agosto de 2013.- As denuncias realizadas por veciños e organizacións ecoloxistas foron quen de obrigar á Xunta a actuar, o que motivou a paralización dos vertidos e depósitos de materiais que se estaban a desenvolver en distintos lugares, fundamentalmente dos concellos das Pontes e das Somozas. Mais o problema ambiental e social está lonxe de seren solucionado; aínda hoxe, despois de máis dous meses, continúan sen auga potábel en zonas das Somozas.
Porén, a situación aumenta a súa gravidade. Por unha banda, á xa coñecida e criticada lentitude administrativa, vense a engadir a paralización case que absoluta do mes de agosto, o que motiva casos como o de Espá, nas Pontes, onde o procedemento sancionador por dúas faltas graves aberto no mes de xuño, está aínda na súa fase inicial.
Mais para o BNG é tanto ou máis alarmante a pasividade cómplice cos intereses empresariais dos Concellos.
Nas Pontes, o BNG ten solicitado, dende o mes de xuño e de xeito reiterado até a actualidade, a convocatoria dunha comisión, o que non se ten feito. Pola contra, e segundo consta nos expedientes municipais, os depósitos non teñen licenza, o Concello non ten comprobado a veracidade das denuncias nen as posíbeis afeccións ás captacións de augas –como lle indicaba a Consellaría de Sanidade o 13 de xullo-, e tampouco ten informado á Consellaría de Medio Ambiente do incumprimento da paralización inmediata dos traballos no lugar de Espá. 12 concellerios e concelleiras, 3 con adicación exclusiva, unha persoa de confianza e non son quen.
O das Somozas xa non ten cualificativos; a actitude do seu Alcalde parece máis a dun socio empresarial que a da persoa elixida polos veciños para, entre outras, a defensa dos seus intereses e dereitos. En xuño, a Fiscalía de Medio Ambiente resolvía a práctica de dilixencias polo posíbel delito de vertidos no lugar de Cargas, onde as análises da denuncia sinalaban a existencia de valores elevados de metais pesados e hidrocarburos, moi superiores aos legais; nesas datas, os depósitos estaban amontoados, concentrados en zonas das fincas, o que se ten modificado dende o día 15 de agosto pola noite, data na que os materiais foron espallados por toda superficie, o que aumenta o problema e dificulturá a súa solución, non só para a retirada, mais tamén para a recuperación do solo contaminado. E o Alcalde?.
cargas_1.jpg


cargas_2.jpg

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios