Nota de Prensa BNG: O BNG DENUNCIA A INCAPACIDADE DO PSOE PARA RECLAMAR OS MÁIS DE 54MЄ DA DÉBEDA DO ESTADO COAS PONTES

82

Os nacionalistas acusan ao PSOE de ser unha comisión de festas e non un goberno municipal.
As Pontes, 30 de agosto de 2013.- Rematado xa o período temporal de aplicación do Plan do Carbón 2006-2012, As Pontes non ten executado infraestrutura algunha das incluídas no mesmo, por un valor superior aos 54MЄ; nin xeriátrico, nin centro de ocio, nin museos da minería, nin centro para discapacitados, nin ponte de Rebardille, nen ampliación de Penapurreira, …, tan só a redacción dos proxectos, financiada pola Consellaría de Industria, nos tempos do BNG, con máis de 1MЄ.


Diante da pasividade e ausencia de iniciativa do PSOE, e despois de varias propostas do BNG, no pleno de marzo os nacionalistas presentaban a proposta de iniciar o expediente de reclamación da débeda, como se fai con calquera persoa ou entidade que non cumpre coas súas obrigas co Concello, e declarar, polo tanto, ao Ministerio de Industria debedor. O Alcalde plantexou a alternativa da vía xudicial, que foi aceptada polo BNG, e aprobada por unanimidade, tamén polo PP.
O pasado 26 de agosto, a petición do BNG, a Concelleira de Emprego informaba da situación da reclamación: o PSOE non ten solicitado informes xurídicos –internos ou externos-, non ten feito o cálculo nen a reserva de fondos necesarios, non ten falado cos seus compañeiros do goberno asturiano –que xa teñen presentado a reclamación xunto cos Concellos afectados-; é dicer, non ten feito nada para recuperar os 54MЄ, tan só, ao parecer, ten solicitado entrevistas dende fai dúas semanas.
Non se pode ir a Asturias para ter información sobre do procedemento que está seguir o goberno asturiano, porén vaise a promocionar o grande sumidoiro de cartos públicos sen retorno en que están a converter o lago. Viaxes a Madrid tamén se fan, mais non para reclamar a débeda ou parte dos 14MЄ que o Ministerio de Industria repartirá entre Aragón, Andalucia, Castela-León e Galiza.
Vacacións e festas e máis festas, parecen ser a axenda política do PSOE para As Pontes. Tanto que sexan 12 concelleiros, 3 adicacións exclusivas e persoal de confianza, cun custe de máis de 150.000Є, con plenos de cada dous meses, con xuntas de goberno ordinarias que non se celebran, …; entón, que fan o Alcalde e os concelleiros de Facenda e Servizos Sociais durante a súa xornada laboral no Concello?; e o resto de concelleiros do grupo de goberno?.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios