O ESTEO DISPUTA MAÑÁ SABADO AMIGABLE CONTRA O PARRULO EN PARTIDO DE HOMENAXE A PELLÓN

108

Esta tarde o Esteo enfróntase nun partido amigable ó Parrulo ferrolán. Este interesante partido de rivalidade servirá de presentación oficial do Esteo e no que se renderá unha homenaxe a Pellón, xogador que deixou o fútbol sala activo a pasada temporada despois de 23 anos en diversos equipos de categoría nacional, entre eles o Parrulo de finais da década dos anos noventa, rematando a vida deportiva no Club que lle rende esta tarde a homenaxe. O encontro comeza ás seis do serán (18,00h) no pavillón municipal da Fraga, de As Pontes.
Os dous equipos chegan a este choque logo de disputar partidos de pretemporada, así como a fase de grupos da copa Xunta de Galicia con algún que outro tropezo para os dous equipos.
Contra prognóstico, O Esteo caeu na casa por 2-3 na primeira xornada diante do Concello de Mos, equipo da liga autonómica, mentres que este mércores derrotou a domicilio ó CP Casás, de Lugo, polo mesmo resultado. Pola súa banda, o Parrulo tamén se veu sorprendido na primeira xornada polo Talleres ABC, de Vigo, ó empatar a dous goles e o pasado mércores goleou (6-2) na Malata ó Troula de Betanzos. Na terceira xornada o Esteo recibe na Fraga ó Cidade de Narón e O Parrulo visita ó Pazos de Borbén.
Este partido servirá ós dous adestradores para realizar probas de cara a vindeira temporada na que os dous equipos estrean categoría, O Parrulo na Segunda División e O Esteo na Segunda B.
Sinalar que estes días o pontés Javi Saa fichou como segundo adestrador polo conxunto ferrolán. Javi Saa é adestrador nacional nivel III de fútbol sala, sendo xogador no Hotel Villamartín de Vilalba, adestrador do Esteo e a pasada campaña do A Capela de fútbol.
PRESENTACION-2013-14.jpg


Nova cortesía de A.F.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios