Andrés Penabad saca á luz o seu primeiro single Jota da Praza de Pedra

139

Tras finalizar a grabación do seu primeiro CD en solitario nos estudios Cuarto Baleiro de A Coruña, o acordeonista pontés Andrés Penabad ultima os detalles para a súa presentación pública. Para elo durante esta semana avanzou nas redes sociais o que é o seu primeiro single, Jota da Praza de Pedra, peza composta para a ocasión por Fernando Barroso, que á súa vez foi o productor deste primer traballo de Andrés Penabad.


CROSSING é o título que levará este primer CD de Andrés, e que xa ten data de presentación oficial. Como non podería ser doutro xeito será en As Pontes, o 15 de marzo, no auditorio Alovi.
O día anterior, pola mañá, fará unha presentación para os medios de comunicación na Taberna “A Baiuca” de Arteixo, propiedade de Bieito Romero carismático líder de Luar na Lubre, o cal tamén aporta o seu gran de area nun dos temas incluidos en Crossing. Este mesmo día 14, xa pola noite, Andrés Penabad fará un miniconcerto privado no local “A Cova Céltica” de A Coruña.
andres_1.jpg


Andrés Penabad comeza os seus estudios de acordeón ós 14 anos da man do profesor Javier Díaz Carrasco. Anos máis tarde continúa con estes estudios no Conservatorio de Música de Getafe, onde recibe clases do mestre Javier Ramos.
Complementou a súa formación musical asistindo a varias Master Class co catedrático do acordeón de San Petersburgo Oleg Sharov, así como cos concertistas Iñaki Diéguez e Ángel Luis Castaño, ademáis de estudiar na Escola de Música Moderna “Estudio” de Santiago de Compostela.
Andrés Penabad conta no seu currículum con numerosos premios interpretativos entre os que destacan o 1º premio na categoría Solista Excelente no Certame Internacional de Acordeón de Torrelevega (2004 e 2005); o 1º premio na categoría Dúo Excelente no Certame Nacional de Acordeón de Ourense (2005); e 1º premio como solista da Orquesta de Acordeóns Robaleira de Cedeira, no Certame Guipuzcoano de Acordeón de Mondragón (2010).
A traxetoria musical de Andrés Penabad iniciouse vencellada á música tradicional formando parte da Banda de Gaitas Alfaia de As Pontes, onde sendo moi novo foi un destacado gaiteiro. Pouco tempo despois, e xa abstraído completamente polo acordeón, formou parte da Escola de Acordeóns Robaleira, de Cedeira, coa que aínda colabora esporádicamente a día de hoxe.
No ano 2003 da o salto á música folk integrándose no grupo pontés Muxarega. Nesta formación permanece durante 10 anos, consolidando o seu perfil musical vinculado ó folk e convertíndose nun dos pilares desta banda. Con Muxarega grava o traballo discográfico “8 soños”, do que foi productor.
andres_2.jpg
Compaxina a súa etapa en Muxarega coa colaboración con outras bandas e solistas como o grupo folk Avelaíña, co que grava o traballo “Xan e Sabela”, con Kepa Junkera, Xabier Aburruzaga, Pablo Díaz ou co mestre gaiteiro Xoán Carlos Rilo.
No ano 2011, contando coa colaboración da Asociación de Veciños de As Campeiras, crea en As Pontes a súa propia escola de música adicada á ensinanza e estudio do acordeón.
A finais do ano 2013 Andrés Penabad pon fin á sua etapa en Muxarega para subir un chanzo máis na súa progresión musical e cumplir o seu particular soño de facer a súa propia carreira musical profesional, e gravar o seu propio traballo discográfico. A día de hoxe xa cumpreu unha parte dese soño recén co disco CROSSING a punto de saír á rúa.
En CROSSING o seu virtuoso acordeón é o gran protagonista, facéndose acompañar da música e da voz de notables colaboradores coma Kepa Junkera, Bieito Romero, Fernando Barroso, Edelmiro Fernández, Davide Salvado ou Pedro Fariñas.
Andrés Penabad levara ó directo este traballo discográfico ofrecendo tres formatos de actuación:
– ANDRÉS PENABAD EN CONCERTO. Neste espectáculo Andrés Penabad acompáñase da sua propia banda de músicos.
– ÍNTIMO DE ANDRÉS PENABAD. Espectáculo intimista e de pequeño formato onde o acordeón de Andrés Penabad é acompañado por un membro da súa banda, ofrecendo a posibilidade de escoitar o acordeón en estado puro.
– ANDRÉS PENABAD MÁIS AMIGOS. Neste concerto Andrés Penabad estará acompañado da súa propia banda de músicos e dos amigos que participaron na gravación do seu disco. Xente como Bieito Romero, Kepa Junkera, Fernando Barroso, Edelmiro Fernández, Pedro Fariñas e Davide Salvado, compartirán escenario con Andrés Penabad.
andres_3.jpg
Nova cortesía de Miguel Ferreiro

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios