CLUB DEPORTIVO AS PONTES: Resultados 1/2 – Marzo – 2014

60

CD-As-Pontes-escudo.pngTERCEIRA DIVISIÓN: SD Negreira – CD As Pontes (3-3)
Empate afortunado do As Pontes en Negreira (3-3), que lle resta opcións de xogar o play off. O Negreira, na quinta praza por abaixo, ameazado co posible arrastre de Celta B e Coruxo, saíu con moita máis motivación e arrasou na primeira metade con tantos de Adrián, por partida dobre, e Toja, o que semellaba unha goleada do cadro nicrariense. Pero cousas do azar, dúas expulsións no conxunto local, unha delas por celebrar o gol sacando a camisola, deixou ó Negreira con nove xogadores, e o As Pontes xogou os segundos 45 minutos con dous homes máis. Así na segunda parte empatou con tantos de Alex Cabarcos, Sergio Arias e Rochela no ultimo minuto, incluso lles anularon un gol.
O As Pontes espertou tarde outra vez e voaron dous puntos como acontecera en Betanzos. Era imprescindible conseguir a vitoria, pois o As Pontes é o equipo con peor calendario de aquí ó final de liga, e resultaralle moi complicado sumar puntos tendo que visitar ó intratable Boiro, a equipos que se xogan o descenso, como Dorneda, Areas, a rivalidade co Racing Vilalbés, e recibindo na casa a conxuntos que loitan pola promoción de ascenso, como Ordes, Somozas, Choco, Arousa; e incluso o Grixoa, que se xoga o descenso de categoría. Curiosamente, o encontro a priori máis doado será na derradeira xornada contra un Bertamiráns, que debería xa estar salvado. Gañaron todos os rivais directos, incluso Somozas e Pontevedra empataron, e volveu á senda da vitoria o Cerceda, engrandecido coa fichaxe de Chirri.


Agora mesmo, Boiro 57 puntos, Somozas 54*, Pontevedra 53, As Pontes 53, Cerceda 49*, Ordes 47 e Choco 47 (* Partido Somozas-Cerceda con tres puntos momentáneos para os somocenses). Agardan tres etapas pirenaicas, recibir a Ordes e Somozas no Poboado e visitar ó líder Boiro. Primeira final, gañar a vindeira fin de semana no Poboado, polo que se prega a asistencia dos afeccionados ponteses.
Xogaron polo As Pontes: Kiko, Rochela, Nano (Santi 65´), Pablo López (Alex Cabarcos 45´), Aitor, Dani, Iván, Bossa, Arias, Amado (Fidi 65´), Pablo Domínguez.
SEGUNDA AUTONÓMICA: CD As Pontes B – UD Cebarca (1-0)
O segundo equipo venceu nos Calzados (A Capela) ó Cebarca por 1-0, gol de Javi no desconto ante o equipo da súa terra. Xogaron Krikry, Iván Carballeira, Nando, Darío, Carlos, Héctor Antón, Adrián Vilasuso, Dani Villar, Javi, Troncho, Marcos Novo, saíndo no segundo tempo Iván Parapar, Rubén, Alex Cabarcos e Adrián. Aproveitou o Neda o tropezo do Cedeira en San Mateo para situarse líder, aínda que cos mesmos puntos que os cedeireses, 44, xa moi lonxe A Capela 36, Numancia e Ortigueira 35, As Pontes e San Mateo 34.
LIGA FEMININA: CD As Pontes – Cultural Maniños (5-2)
Xogado no campo dos Calzados
Sensacional o equipo feminino, que ó final tivo que xogar tamén no campo dos Calzados. Venceu por 5-2 ó segundo clasificado, Cultural Maniños, co que escala á segunda praza. Intratable Racing de Ferrol 63 puntos, As Pontes e Maniños 47, Mandiá 45, San Sadurniño 43. Xogaron polo conxunto pontés Leti, Andrea Pita, Sara, Lía, Paula, Carlota Andrea Montero, Silvia, Noelia, Raquel Béjar, Nuria e Xeila. Marcaron Carlota por partida dobre, Sara, Lía e Paula. Visitan na vindeira xornada ó complicado Santa Mariña, oitavo con 29 puntos.
LIGA GALEGA XUVENIL: Imperátor Oar – CD As Pontes (1-2)
Unha das boas novas da xornada foi a vitoria do Xuvenil no partido que fora aprazado hai dous meses na Coruña pola climatoloxía, o Imperátor-As Pontes, no que os azuis venceron 1-2, adiantáronse cun golazo de Antonio e un penalti transformado por Rivas, aínda que os locais acurtaron distancias nun fallo dos azuis, que resistiron na segunda metade e leváronse tres puntos máis que vitais. Sitúanse con 23 e afunden a un rival directo que queda con 16. Toca meter os tres puntos no zurrón e pensar canto antes no transcendental partido da semana que vén no Poboado, As Pontes-O Val. A día de hoxe e con tres descensos momentáneos, Conxo 27, Orillamar 26, Betanzos 25, As Pontes 23, O Val 22, Imperátor 16 e Fátima 10.
LIGA CADETE: CD As Pontes – Cedeira SD (3-2)
Xogado no campo dos Calzados
Moi ben o cadete, que venceu 3-2 ó terceiro clasificado, Cedeira, quedando a clasificación liderada folgadamente polo Ánimas 27, Cedeira 22, As Pontes 19, antes de iniciar a segunda volta recibindo en casa ó Caranza B, que marcha cuarto con 18 puntos, empatado co Eume. Partido xogado no campo da Capela.
LIGA INFANTIL: SD O Val – CD As Pontes (14-4)
Xogado no campo dos Calzados
O infantil gañou no campo dos Calzados ó San Pedro por 14-4; o Racing Ferrol B 6-0 ó Perlío e o Portuarios 7-0 ó Narón BP, polo que a clasificación segue cos verdes líderes con 28 puntos por 25 de As Pontes e Portuarios, antes de comezar a segunda volta visitando ó Meirás, cuarto con 18 puntos e único conxunto capaz de vencer ós do Poboado na primeira volta (0-1).
1ª AUTONÓMICA ALEVÍN F-8 (2ª Fase)
CD As Pontes – Eume Deportivo (3-4)
Xogado no campo dos Calzados
SD Ánimas – CD As Pontes B (2-2)
O Alevín A estivo a piques de sumar algún punto nesta xornada, pero perdeu 3-4 co cuarto clasificado, Eume Deportivo, visitando no comezo da segunda volta, ó Portuarios. O Alevín B empatou na súa visita ó Animas. E sexto con 8 puntos recibindo ó EFR Ferrol D a vindeira semana.
1ª AUTONÓMICA BENXAMÍN F-8 (2ª Fase)
CD As Pontes – SDR Portuarios (6-1)
Xogado no campo dos Calzados
SDR Portuarios B – CD As Pontes B (3-2)
O Benxamín A gañou 6-1 ó Portuarios A, mentres que o Benxamín B perdeu 3-2 co Portuarios B. Benxamín A é oitavo con 14 puntos e Benxamín B noveno con 13, antes de recibir ó Galicia de Mugardos os primeiros e visitar ó San Sadurniño os segundos no comezo da segunda volta. En partido aprazado da décima xornada disputado o pasado xoves 27 de febreiro o Benxamín A perdeu na Malata (3-2) diante do Racing de Ferrol D.
1ª AUTONÓMICA PREBENXAMÍN F-8 (2ª Fase)
EF Cabanas – CD As Pontes B (7-0)
Descansou o CD As Pontes
O Prebenxamín B recibiu un severo correctivo na súa visita ó líder EF Cabanas (7-0), resultado do que tentarán desquitarse o vindeiro sábado contra o Racing San Pedro B, terceiro clasificado. O Prebenxamín A descansou. É sexto con 11 puntos e visitará a vindeira xornada ó líder Narón BP, que gañou todos os encontros.
Nova cortesía de Xose Ferreiro e A.F.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios