Nota de prensa CxG: Fraude na facturación eléctrica Concello das Pontes

68

Despois do recoñecemento da facturación ilegal ao Concello de Vilar de Santos por parte de Gas Natural Fenosa e de que o Servizo de Consumo da Xunta de Galicia, iniciara un expediente sancionador contra esta empresa enerxética, quedou claro que existe unha fraude masiva e xeralizada.
Neste contexto, o Concello das Pontes vén de anunciar a sinatura dun convenio coa FAEPAC para a análise das facturas eléctricas dos últimos 12 meses. Para Compromiso por Galicia As Pontes este convenio é un engano e un escándalo por diversos motivos:
– SOGAMA forma parte da FAEPAC e como todos sabemos, Gas Natural-Fenosa participa na empresa nun 49%. É dicir, “poñemos ao raposo a vixiar ás galiñas”
– Este convenio custará cartos ao Concello porque a FAEPAC queda cunha porcentaxe do que se reclame á empresa eléctrica. Non sabemos exactamente a canto ascende pero nalgúns concellos da provincia chega ao 50% do reclamado.
– Só se contempla a revisión do último ano, cando a lei permite facelo dos últimos 5 anos.


En palabras da responsable local de CxG, Jéssica Fernández Polo “está claro que o concello toma a decisión de “regalarlle” a Gas Natural o cobrado indebidamente nos outros 4 anos que non entran dentro do convenio e tamén opta por “repagar” en lugar de denunciar unha fraude”.
A cuestión tórnase ainda peor tendo en conta que quen asina o convenio en nome da FAEPAC é o propio presidente da Deputación da Coruña, xa que este organismo forma parte da fundación. O convenio está sendo ofertado a todos os concellos da provincia e nós preguntámonos se é este o tipo de servizo e axuda que a Deputación ten pensado prestar aos concellos, sacando proveito dunha estafa.
Dende Compromiso por Galicia As Pontes temos claras as medidas a tomar ante unha fraude desta magnitude e que afecta a practicamente todos os concellos de Galicia. Os organismos reguladores e os encargados de velar por que se cumpra a legalidade vixente, teñen que actuar para que as empresas enerxéticas deixen de inmediato de cometer esta fraude, e ao mesmo tempo reintegren a totalidade das cantidades cobradas de xeito indebido. As medidas que proporemos por medio dunha moción son as seguintes:
1. Os concellos deben revisar a facturación eléctrica dos últimos 5 anos principalmente a do alumeado público con contratos de tarifa simple de baixa tensión con discriminación horaria, cando menos dos últimos cinco anos, para comprobar si é correcta
2. Débese esixir ao Servizo de Consumo da Xunta de Galicia que realice un control na facturación, realizando unha mostraxe da facturación efectuada nos últimos cinco anos a particulares e empresas do noso concello, a fin de comprobar que se lle está facturando correctamente para evitar unha situación coma a que está a suceder coa facturación das administración públicas.
3. Solicitarlle á Consellería de Economía e Industria que adopte as medidas necesarias, a fin de revisar a facturación a concellos, empresas e particulares ,das empresas eléctricas que operan en Galicia, e resolver o que proceda, no caso de constatar importes indebidos por enerxía reactiva. E se for o caso, esixirlle que procedan á refacturación inmediata e á devolución integra do indebidamente cobrado.
4. A FEGAMP ten que pronunciarse e poñer a disposición do conxunto de concellos afectados en Galicia os medios técnicos e xurídicos necesarios para realizar as oportunas reclamacións xudiciais, no caso de que as eléctricas non accedan a reintegrar a totalidade das cantidades facturadas de xeito indebido.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios