O ESTEO ASEGUROU MATEMATICAMENTE A PERMANENCIA NA SEGUNDA DIVISIÓN B

69

O punto logrado diante do Ventorrillo, combinado co empate do Espinar ante o Albense, o Esteo seguirá un ano máis na categoría de bronce do fútbol sala estatal, cando faltan dúas xornadas para o final da competición.
Descendido o Azkar B, o conxunto segoviano do Espinar, penúltimo na clasificación, está a seis puntos do Esteo, pero ten que visitar na vindeira xornada ó Ventorrillo; polo que, sexa o resultado que sexa, como mínimo un dos dous equipos quedaría por baixo do Esteo.
Nas xornadas que restan, o conxunto pontés visitará o 26 de abril ó Cuéllar, décimo primeiro con 22 puntos, e na derradeira do campionato, 10 de maio, recibe no pavillón da Fraga ó Bembrive de Vigo. Polo que de sumar os seis puntos en xogo pode subir algún posto na clasificación, incluso ata a quinta praza, dependendo dos resultados doutros partidos.
Sen dúbida algunha, sería un gran éxito do fútbol sala pontés esa meritoria quinta posición, aínda que a permanencia na categoría xa é un gran logro para o conxunto de As Pontes no ano da súa estrea na categoría. Un Esteo cun plantel sen grandes figuras e no que só houbo a incorporación de Rober Paz, trala marcha de Pellón. Os ponteses sacaron adiante o reto da permanencia con algún que outro susto, xa que ó longo do campionato pasaron por certos apuros. Adaptarse á nova categoría custou o seu.
Agora o obxectivo é quedar o máis alto posible nestas dúas xornadas finais e preparar con tempo a vindeira campaña, na que terá como único veciño ó descendido Parrulo, xa que o Cidade de Narón ascende de categoría ó lograr brillantemente o título de liga hai varias xornadas.
esteo_2013-14.JPG


TROFEO “CIDADE DE NARÓN” DE FÚTBOL SALA
Como esta fin de semana e máis a vindeira non hai competición de liga, O Esteo disputará esta fin de semana o VII Trofeo Cidade de Narón, no que participan ademais O Parrulo, a Selección de Vietnam, que prepara o técnico galego Bruno García, e o conxunto anfitrión, Cidade de Narón. O venres serán as semifinais enfrontándose na primeira (19,00) a selección de Vietnam e o Esteo e na segunda (21,15) Cidade de Narón e O Parrulo. Na xornada do sábado ás cinco do serán (17,00) enfrontaranse os perdedores das semifinais e de seguido (19,15) disputarase a final do torneo.
Nova cortesía de A.F.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios