CLUB DEPORTIVO AS PONTES: PARTIDOS 10/11 – MAIO – 2014

120

A XORNADA
BERTAMIRÁNS-AS PONTES (3ª División): O Club Deportivo As Pontes despide a tempada xogando en Bertamiráns, xornada na que os ponteses aínda teñen posibilidades de meterse na promoción de ascenso. Pero, para que o equipo pontés consiga o maior logro deportivo dos últimos quince anos ten que acadar un mellor resultado ca un dos catro primeiros da clasificación, que só dependen de si mesmos para xogar os “play off”.
A falta da derradeira xornada, o Pontevedra é primeiro con 72 puntos, os mesmos que ten o Somozas, mentres que Cerceda e Boiro suman 71 e o As Pontes, quinto, 70 puntos. En caso de empate a puntos con cada un, o As Pontes só supera ó Boiro (2-0 no Poboado e 2-1 en Boiro), xa que perdeu co Pontevedra os dous partidos, empatou no Poboado co Cerceda e perdeu no Roxo, mentres que empatou os dous partidos co Somozas, pero os somocenses teñen maior diferenza de goles (+34) por +29 do As Pontes, polo que os ponteses terían que golear por máis de catro goles ó Bertamiráns e o Somozas perder.
Así as cousas, todo pasa por puntuar en Bertamiráns, equipo que se estreou esta tempada na categoría e na que permanecerá un ano máis ó ser décimo cuarto con 42 puntos. Pode subir un posto na clasificación se fai mellor resultado có Racing Vilalbés.
bertamirans.jpg


Tanto Pontevedra (que xoga na casa do descendido Dorneda), como Somozas (que recibe a un Negreira tamén descendido por arrastre) ou o Boiro (que xoga no seu campo cun Ordes que vai a cumprir o trámite) ou o Cerceda (que recibe a un salvado Laracha), teñen compromisos en principio accesibles. Pero, de todo pode suceder. O As Pontes ten estas posibilidades para quedar:
– PRIMEIRO: Pode incluso ser campión de liga, sempre e cando gañe en Bertamiráns e perdan Pontevedra e Somozas e Cerceda e Boiro non pasen do empate.
– SEGUNDO: Pode meterse na segunda praza gañando e que perda Pontevedra ou Somozas e non venzan Boiro e Cerceda.
– TERCEIRO: Pode rematar na terceira praza vencendo e que non gañen Boiro e Cerceda. Tamén pode ser terceiro empatando e que non gañe nin empate o Boiro e perda o Cerceda.
– CUARTO: Pode ocupar a cuarta posición gañando en Bertamiráns e que non pase do empate o Boiro ou o Cerceda. Tamén pode ser cuarto empatando e que non gañe Boiro ou Cerceda.
Nos tempos de hoxe ninguén pensa nun As Pontes na Segunda B como pasou na década dos anos noventa do século pasado. Tampouco, ninguén dubida da gran campaña realizada polo equipo pontés. Tampouco hai que lembrarse agora deses puntos perdidos, -xa non digamos todos, pero catro ou cinco si- ó longo do campionato, incluso contra equipos descendidos.
Pero, ¡ non sería bonito xogar unha eliminatoria contra o Haro (segundo do grupo rioxano), por poñer un exemplo !. Resultaría unha viaxe bonita e moi interesante como máis dalgún soña. Ou ir ás terras do norte, como Euskadi, Asturias, Cantabria ou Navarra. Ir a outras rexións xa sería distinto, aínda que non menos interesante. ¿ Por que os afeccionados non poden ter esa satisfacción ?. Pois, porque o fútbol é así, a veces queda un ás portas de lograr algo histórico e queda coa mel nos beizos, como nunha olimpíada cando un queda na cuarta posición e non recibe medalla. Si, a chamada de “chocolate”. É unha mágoa, pero esa é a realidade.
Esperemos que haxa sorte e o As Pontes logre disputar a promoción de ascenso. De tódolos xeitos, felicitacións á toda a familia do Club Deportivo As Pontes pola gran campaña realizada.
CD AS PONTES B: Tamén despide a tempada o segundo equipo recibindo no Poboado ó Cariño, coa intención de referendar esa máis que meritoria terceira praza por detrás de Rápido de Neda e Cedeira e pese ás dificultades polas que pasou ó longo da tempada.
CD AS PONTES XUVENIL: Gañar si ou si na Coruña ante o Ural é o resultado que lle vale ó cadro xuvenil se non quere complicar máis a súa permanencia na categoría galega. Un xuvenil que, de non remediar a situación, en seis anos pode pasar da División de Honra á liga comarcal.
CD AS PONTES INFANTIL: O conxunto infantil aínda ten opcións de acadar o título, pero non debe fallar nas dúas xornadas que quedan para o remate da competición. Este sábado recibe ó Val, sétimo con 26 puntos.
FÚTBOL BASE: O Alevín A ten unha boa ocasión de sumar os tres puntos ante o Amistade Meirás, mentres que o Alevín disputa a copa esta fin de semana en Mugardos. Difíciles partidos para os dous Benxamín, o A recibe ó lider R. Ferrol D e o B viaxa a Cedeira. Finalmente, o Prebenxamín A recibe no Poboado ó Val coa intención de sumar os tres puntos se seguir nesa liña de bo xogo e bos resultados. Pola súa banda, o conxunto biberón, que vai a máis, xoga en Cabanas ante o Escola de Fútbol.
HORARIOS PARTIDOS
TERCEIRA DIVISIÓN (38ª xornada)
BERTAMIRÁNS C.F. – C.D. AS PONTES
CAMPO MUNICIPAL DE BERTAMIRÁNS (Domingo 11 – 18,00 h)
ÁRBITRO: MANUEL VIDAL ARAÚJO (Pontevedra)
SEGUNDA AUTONÓMICA
CD AS PONTES B – CD CARIÑO
Campo do Poboado (Domingo 11 – 17,30 h)
LIGA GALEGA XUVENIL
URAL CF – CD AS PONTES
Campo de Elviña, A Coruña (Sábado 10 – 18,30 h)
LIGA INFANTIL
CD AS PONTES – SD OVAL
Campo do Poboado (Sábado 10 – 11,00 h)
LIGA ALEVÍN
CD AS PONTES – AMISTADE MEIRÁS
Campo do Poboado (Sábado 10 – 11,00 h)
CD AS PONTES B (Copa)
Mugardos (Venres 9 e sábado 10)
LIGA BENXAMÍN
CD AS PONTES – R. FERROL D
Campo do Poboado (Xoves 8, 18,45 h)
CEDEIRA SD – CD AS PONTES B
Campo do Beco, Cedeira (Venres 9, 19,00 h)
LIGA PREBENXAMÍN
CD AS PONTES – SD O VAL
Campo do Poboado (Sábado 10, 12,10 h)
CATEGORÍA BIBERÓN
EF CABANAS – CD AS PONTES
Cabanas (Venres 9, 18,30 h)
Nova cortesía de AF

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios