Nota de prensa CxG As Pontes: Posición de CxG As Pontes ante o orzamento municipal 2014

122

O pasado luns día 1 de setembro tivo lugar un pleno extraordinario para tratar, entre outros puntos, o orzamento para o ano 2014.

O primeiro que fixemos foi solicitar que o orzamento se colgue na páxina web do concello para que todos os veciños e veciñas o podan consultar facilmente e, se o consideran oportuno, realizar algunha alegación.

Dito isto, é importante saber como e por que aparece este orzamento do 2014 no mes de setembro. Realmente o grupo de goberno non tiña intención de facer ningún orzamento e decidiu prorrogar outra vez o do 2012. O que pasa é que se viron obrigados a presentalo ao ter que aprobar, tamén obrigados, un Plan Económico Financieiro. Así atopámonos con este orzamento que perde totalmente a súa utilidade como instrumento de xestión, dado que aparecen cousas xa feitas, outras que están en curso e só faltan 3 meses para rematar o ano. Ben é certo que ese mesmo Plan Económico Financieiro os obriga a ter orzamento novo para o ano 2015.

Imos analizar algúns números. O orzamento total son 13 millóns de euros. O 40% vaise en gastos de persoal e só o 5% se destina a investimentos (720.000 euros) e é curioso ver que deses investimentos hai algúns que son amaños de obras que se fixeron fai pouco ou que están aínda sen inaugurar como a Estación de Autobuses. Tamén podemos ver como unha das maiores inversións e que se fai só con recursos propios é a de “Obras complementarias á actuación de instalacións de ocio anexas ao Lago”, traducido, 160.000 euros para unha nova capa de rodadura no Circuíto de Karts. A este paso isto vai ser a nosa Cidade da Cultura particular.

Se seguimos facendo números podemos ver o que se adica a “Fomento do emprego”: 110.000 euros. Sendo moi positivos poderíamos incluír tamén o que se asigna a comercio, turismo e desenvolvemento empresarial. E con todo isto, só chegamos a 425.125. Para valorar esta cantidade podemos comparala cos 374.700 asignados a “Festas populares e festexos”.

Hai máis de 5 millóns de euros adicados a persoal pero no que se volve a poñer de manifesto un incumprimento legal a este respecto como é o feito de que non exista Relación de Postos de Traballo. Existe un cadro de plantilla pero nunha RPT hai que clarificar os postos de traballo, por quen deben ser desenvolvidos, clarificar os contratos que ten vixentes o concello e se son permanentes ou temporais, así como, orientar na creación ou supresión dalgúns postos. A propia intervención informa da necesidade de que sexa elaborado e aprobado con urxencia. Fai tempo que preguntamos á concelleira de persoal por este tema pero parece que non lle dá importancia.

A intervención municipal fai fincapé na necesidade de estricto control do gasto e fai recomendacións para garantir o control e diminuir o gasto corrente, como por exemplo comprobar a productividade, rendibilidade e sostenibilidade económica no tempo á hora de decidir os investimentos a realizar. Basicamente quere dicir que hai que priorizar aquello que sexa máis beneficioso para o concello no seu conxunto e que poda xerar benestar social.

Agora só queda agardar ao orzamento para o 2015 que se presentará probablemente no mes de outubro-novembro. Xa veremos se aquí se teñen en conta aportacións e propostas ou só é un orzamento de campaña electoral.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios