SEGUNDA DIVISIÓN “B” DE FÚTBOL SALA: O ESTEO F.S. – S.D. XOVE F.S. (1-1)

O Esteo sacou un punto nun partido moi competido.

297

O Esteo arrincou un empate no encontro deste venres á noite, adiantado á xornada do sábado, por mor dos dous clásicos.

Puidose ver nas gradas ó gran xogador pontés Noé Calvo Pardo, e, coincidencias das efemérides, onte cumpría 31 anos.

O cadro pontés adiantouse no marcador ós oito minutos nunha xogada na que o xove Bertito se quedou só e bateu por baixo a Pulido de forte disparo. Antes do descanso tivo o Esteo boas ocasións, dúas consecutivas nos pés de Fran, pero foi Manu, o máximo goleador da categoría, que a 47 segundos do final, empalou un balón sen deixalo caer, tras saque de córner, e marcou un golazo, e incluso despois nunha xogada, na que estivo lento Héctor, case fixo o 1-2.

Trala reanudación, quedou só Jose López, pero fóiselle o balón e chegou antes o porteiro. Replicou Manu, con dous disparos seguidos dentro da área. Despois Gerardo tivo dúas oportunidades que puideron ser mellor aproveitadas, e tamén puido marcar Ayala, á reviravolta.
Nos últimos minutos, tirou Jose López, tropezando o balón en Fran, cando semellaba que ía dentro. Pero puido sentenciar Manu nunha contra que mandou un palmo por riba do longueiro.

Con este toma e daca entrouse no último minuto, e outra vez Manu, mandou un trallazo ó longueiro, pero na xogada posterior, semella que a bola vai saír por banda, pero sorprende á defensa e controla in extremis Jose López, que avanza só cara a porta e dispara a rentes do pau.

Foi Héctor a falta de oito segundos o que disparou ó corpo do porteiro e na última xogada do encontro tívoa Turero, que xunto a Manu formara parte daquela selección galega sub20 Campioa de España en 2010, pero con todo a favor, mandouna fóra.

Cabe dicir que esta ocasión veu precedida dun saque de banda que non era, pois houbo clara falta a Javichu faltando un segundo que suporía a sexta falta e dobre penalti.

En definitiva, o Esteo suma un empate, e ponse con 27, a cinco xornadas do final, dous sobre os postos de descenso, á espera do que fagan os seus rivais no día de hoxe. Complicada visita a semana que vén a Cuéllar, terceiro clasificado, que xa gañou nas Pontes por 2-4.

FICHA DO PARTIDO

O ESTEO FS: Javichu, Gerardo, Héctor, Jose López, Ayala –cinco inicial- Bertito, Púas, Cospe, Fran, Tucho.

SD XOVE FS: Pulido, Marcos, Manu, Turero, Pancho –cinco inicial- Antón, Nete, Solloso, Iago.

ÁRBITROS: Jose Rey Hermida (Santiago), Raquel Manteiga Rodríguez. Laura Vila Rivera (A Coruña). Amoestaron a Cospe, Jose López, Fran, Manu e Solloso.

GOLES: Min. 8 (1-0), Bertito. Min. 19 (1-1), Manu.

INCIDENCIAS: Vixésimo quinta xornada de liga do grupo primeiro da Segunda División B e décimo terceiro partido no Pavillón Municipal da Fraga, que rexistrou unha entrada duns 150 espectadores.

Nova cortesía de Xosé A. Ferreiro e AF

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios