Palestra Informativa sobre o TTIP

Xunt@s por As Pontes convida a toda a veciñanza á Palestra Informativa sobre do TTIP que terá lugar este VENRES, día 8 DE ABRIL, ás 8 da tarde na Casa Dopeso.

170

A Eurodeputada Lidia Senra e mais Pepe Ramón, do Sindicato Labrego Galego, explicarannos en qué consiste e mais as consecuencias na nosa vida diaria que implicará a firma deste Acordo Transatlántico de Libre Comercio (coñecido polas súas siglas no inglés: TTIP), e que se está a negociar en segredo entre os Estados Unidos e a Unión Europea.

Este Acordo de Libre Comercio, entre outras das súas “virtudes”, traeranos: a privatización dos servizos públicos, o auxe dos paraísos fiscais, a eliminación dos dereitos dos traballadores, a redución dos salarios, aumento da contaminación, espolio dos nosos recursos naturais e a supresión da normativa que garante a seguridade nos alimentos que consumimos.

Ademais, a nosa democracia e o noso sistema de dereito quedará ás ordes dos grandes capitais, quen manexarán e manipularán ao seu antollo o noso ordenamento xurídico, coa única premisa da busca do maior beneficio económico.

Numerosos persoeiros e institucións xa se manifestaron contra deste acordo. Sen ir máis lonxe, o Vicepresidente do Consello Xeral da Avogacía Española e Decano do Colexio de Avogados de Barcelona, Oriol Rusca, ven de declarar que “o TTIP é unha ameaza para todos, en especial para os cidadáns” posto que implica a “mercantilización da nosa profesión, que traerá como consecuencia principal a supresión da xustiza gratuita”.
Tamén o Premio Nobel de Economía, Joseph Stiglitz afirma que este tratado “afástase das regulacións sobre o medio ambiente, a seguridade, a economía e a saúde. Os consumidores perden nesta situación na que as grandes corporacións saen beneficiadas”.

Recomendámosvos que asistades a esta interesante conversa, na que poderedes coñecer de primeira man as experiencias dunha eurodeputada experta neste acordo, unha das poucas que tivo a oportunidade de entrar na sala na que se custodia. Ademais, Pepe Ramón falaranos das consecuencias e implicacións deste tratado no sector gandeiro e agrario da nosa Galiza.

As Pontes, a 5 de abril de 2016

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios