CLUB DEPORTIVO AS PONTES: RESULTADOS 20-22-23-24 / ABRIL / 2016

Cuarta fin de semana de Abril que nos trae boas novas. O Benxamín A gañou a Liga e deu o 65º título ás categorías inferiores pontesas.

354

Cuarta fin de semana de Abril que nos trae boas novas. O Benxamín A gañou a Liga e deu o 65º título ás categorías inferiores pontesas.

Ademais, o primeiro equipo venceu en Noia (1-3) e con 48 puntos garante a permanencia, non matemática, pero si virtualmente. Tamén gañou o Feminino e o Cadete, o Alevín B asalta o liderado e o Prebenxamín A asegurou acabar entre os catro primeiros na Liga dos mellores.

TERCEIRA DIVISIÓN (Grupo 1º Galicia)
CF Noia – CD As Pontes (1-3)

O primeiro equipo gañou por 1-3 en Noia e virtualmente garantiu a súa salvación e estar un ano máis na Terceira División, a primeira categoría galega. Non é matematicamente, porque aínda podería haber un cúmulo de remotas carambolas, pero seguramente para a vindeira xornada, aínda que perdese, se garanta. Os de Pablo López comezaron adiantándose na primeira metade con tantos de Cañi e Santi, sétimo e décimo da campaña, respectivamente, pero no primeiro minuto do segundo tempo Samu acurtaba distancias. Foi Rubén Pardo, despois de moito tempo sen xogar, que anotaba o 1-3 definitivo a pouco do final. Terceiro gol da campaña para o de Ortigueira, tralos anotados na primeira volta a Mugardos e Cerceda. O As Pontes é décimo con 48 puntos, e quédalle recibir a Vilalbés e Deportivo B na derradeira xornada, e visitar entremedias ó Cerceda, que se xoga a Liga. Xogaron Souto, Hugo, Nano, Edi, Dani, Adrián, Óscar (Pardo 63´), Bossa (Toni 82´), Santi, Cañi (Pablo Ramos 67´), Alex.

SEGUNDA AUTONÓMICA GALEGA (Ferrol)
CD As Pontes “B” – CD Narón (1-2)

O segundo equipo perdeu por 1-2 ante o CD Narón, segundo clasificado. Adiantou o lateral esquerdo Rubén ós azuis no primeiro tempo, pero no segundo, un vello coñecido, Borja Pereira, e Larry, a pouco do final, puxeron o 1-2 definitivo, o que mantén ós naroneses en posto de promoción e compartindo o liderado co Cultural Maniños. Xogaron Rafita, Criado, Jandro, Guille, Manu, Darío, Lucho, Juan, Marcos Novo, Totti, Rubén e despois Andrés, Adrián, Iago e Nieto. Novenos con 19 puntos, quédalles ós de Paco López visitar ó quinto Perlío, e recibir ó cuarto, Cariño.

LIGA FEMININA F8 (D. Ferrol)
CD As Pontes – Galicia de Caranza (2-1)

Sufrido triunfo do feminino por 2-1 ante o Galicia de Caranza, que se adiantou cun tanto de Marta, pero empatou Xeila antes do descanso, xogadora que levaba un tanto na campaña, curiosamente o único do 5-1 ante o líder R.Ferrol (xornada 16), pero que marcou nos dous últimos encontros. Logo era Carlota quen anotaba o tanto do triunfo no último minuto, o 15 da tempada. Xogaron Leti, Yolanda, Andrea Pita, Uxía, Indira, Vicky, Xeila, Paula Castro, Carlota, Paula Baamonde e Yaiza. Visitan ó Mandiá, reciben ó R. Ferrol, e rematan a liga contra o Perlío. Son sextas con 56 puntos. Lidera o Racing de Ferrol con 90 puntos e xa campión de liga con trinta triunfos e unha derrota, sorprendente 3-1 ante o undécimo Cedeira (27ª xornada).

PRIMEIRA GALEGA XUVENIL (D. Ferrol)
SRD Portuarios – CD As Pontes (3-0)

Perdeu o xuvenil por 3-0 en Ferrol ante o Portuarios, co que se despide da posibilidade do play off. A falta de dúas xornadas, xogaranse a Liga, Numancia de Ares (51puntos) e Portuarios (49), mentres os azuis quedan con 42, xa matematicamente terceiros, que recibirán ó penúltimo Galicia de Mugardos para rematar a competición no campo do oitavo, San Sadurniño. Xogaron Lino, Ayrton, Jorge, Alex Cabarcos, Alex Blanco, Brais Blanco, Iago, Iván, Rey, Casas e Dani, saíndo logo Alex Fernández, despois de moito tempo, Xose, Jandro, Martín e Mateo.

PRIMEIRA GALEGA CADETE (D. Ferrol)
CD As Pontes – Racing San Pedro (4-2)

O cadete venceu por 4-2 ó Racing San Pedro e mantense segundo (53 puntos) na loita co Portuarios (54). Non foi unha vitoria doada, pois Dani adiantou ós azuis, pero empataba Manuel. Antes do descanso Mateo facía o segundo, pero Manuel volvía a empatar trala reanudación. Foi Alberte cun tanto faltando dez minutos e outro co tempo cumprido o que poñía o 4-2 definitivo. Tamén lle custou ó líder gañar por 1-2 na casa do penúltimo clasificado, Amistade de Meirás. O equipo de Iván Rodríguez visita ó noveno, O Val, para rematar a competición recibindo ó colista Galicia de Mugardos. Xogaron, Mateo Cociña, Cazás, Carlos, Fraga, Bruno, Chema, David, Javi, Mateo, Alberte, Dani e despois Diego, Alex Barro, Pani e Manuel.

PRIMEIRA AUTONÓMICA INFANTIL (D. Ferrol)
CD As Pontes – Eume Deportivo (0-7)

Non xogou o infantil nesta xornada. Correspondíalle recibir ó campión Eume, pero o partido xa fora adiantado ó mes de marzo con goleada dos eumeses por 0-7. Os de Rivas son oitavos con 12 puntos e pecharán a liga visitando ó Ánimas, noveno, que ten a mesma puntuación. Décimo e derradeiro xa é o Perlío, con oito puntos. No Poboado o resultado foi de 3-2.

PRIMEIRA CATEGORÍA ALEVÍN (D. Ferrol)
CD As Pontes (descansou)
CD As Pontes “B” – UD Cebarca (5-2)

Descansou o Alevín A, que segue segundo, con 30 puntos, visitando a semana que ven ó terceiro, Perlío. O Alevín B venceu 5-2 ó Cebarca, e asaltou o liderado, coa derrota do Neda por 4-5 ante o Galicia Mugardos B. Os ponteses teñen 39 puntos, por 37 do Neda, descansando na vindeira xornada. Catro tantos de Diego Purriños e un de Alex Montero.

PRIMEIRA CATEGORÍA BENXAMÍN (D. Ferrol)
CD As Pontes – AD Miño (13-1)
Galicia Caranza “C” – C D As Pontes “B” (2-3)

O Benxamín A xa é campión de Liga tras golear por 13-1 ó Miño. Con 43 puntos, supera ó Val C (37) en seis puntos, co goal average a favor, restando dúas xornadas. Quédalles visitar ó Cebarca, terceiro, e recibir ó Perlío, quinto. Goles de Israel Varela (5), Xandre Fernández (3), Antón Varela (2), Yeray Paz, Carlos Villauso, Augusto Sánchez. Vitoria do Benxamín B por 2-3 no campo do Galicia de Caranza C. Dous goles de Adrián Díaz e un de Diego Lozano. Quintos con 25 puntos, reciben ó Meirás, terceiro, para pechar a liga visitando ó Narón, cuarto.

PRIMEIRA CATEGORÍA PREBENXAMÍN (D. Ferrol)
CD As Pontes – Galicia de Caranza “B” (6-0)
Racing Ferrol “B” – CD As Pontes “B” (5-2)

O Prebenxamín A goleou por 6-0 ó Galicia de Caranza B, con tantos de Nicolás Meizoso (2), Xalo González (2), Paulo Cabaleiro e Sergio Barro. Terceiros con 32 puntos, garanten acabar entre os catro primeiros no grupo dos mellores. Quédalles visitar ó CD Narón, quinto, e recibir ó EFR Ferrol, segundo. O Prebenxamín B perdeu 5-2 na súa visita ó campo do R.Ferrol B; e iso que se adiantaron 0-1 e 1-2 con tantos de Xandre Domínguez, pero acabaron sucumbindo con rotundidade nos últimos 10 minutos. Terceiros con 38 puntos, reciben ó Racing San Pedro, noveno clasificado.

Nova cortesía de Xosé A. Ferreiro e A.F.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios