Nota de prensa Xuntos por As Pontes: ACTO DO PRIMEIRO DE MAIO

Xunt@s por As Pontes conmemorou o primeiro de maio cunha ofrenda floral en recordo dos traballadores e traballadoras que morreron a causa de accidentes laborais ou de enfermidades profesionais. 
Tamén se lembrou especialmente das persoas traballadoras da localidade e reivindicou melloras no emprego e no desenvolvemento económico da contorna. 

265

Xunt@s por As Pontes, dándolle continuidade ao compromiso que adquiriu fai un ano coas veciñas, conmemorou onte o primeiro de maio nas inmediacións do monumento adicado ao traballador.

O acto, dirixido polo concelleiro Alberto Pellón, adquiriu un tono de reivindicación social e laboral, apoiando expresamente aos traballadores da empresa DAXIONG e a gran loita que levan a cabo na reivindicación do cumprimento dos dereitos máis básicos. Tamén, houbo palabras para tódalas persoas da nosa localidade que sofren ERES nas súas empresas, que traballan en condicións de precariedade ou que tiveron que emigrar na busca de oportunidades laborais. Asemade, denunciouse o incremento do paro, chamando a atención en que éste é netamente feminino; e  o aumento do emprego de baixa calidade e sumerxido.

Entre as demandas e esixencias, destacaron a igualdade social e salarial, a fin da precariedade, a derogación da lei laboral promovida polo PP e apoiada polo PSOE, e o cumprimento das prerrogativas constitucionais no tocante ao dereito ao traballo, a un salario que permita unha vida digna e á non discriminación.

No ámbito internacional, denunciáronse os tratados de libre comercio e inversión, entre eles o tan coñecido TTIP, que traerán a merma nos dereitos laborais, a destrucción de emprego e a reducción dos salarios.

Esixiuse das intitucións a busca de solucións a esta situación e a posta en marcha do crecemento económico das tres comarcas, para o que se apelou á cooperación do goberno local con outros da nosa contorna e ao comezo da elaboración dun plan comarcal de choque contra do paro, polo emprego e renta básica.

Do mesmo xeito, reclamouse un xiro nas políticas tanto en España coma en Europa, para poñer o acento dunha vez por todas en impulsar unha reactivación económica sostible e duradeira, baseada no cambio do noso modelo produtivo para dirixilo cara a actividades xeradoras de emprego de máis calidade, e no reforzamento dos mecanismos de protección social, que quedaron tan danados polos recortes e que tanto sufrimento inútil causaron á cidadanía; apelando á unidade como forma de loita contra o sistema.
Finalmente, realizouse a ofrenda floral en recordo dos e das traballadoras que morreron en accidentes laborais ou a consecuencia de enfermidades profesionais, tras o cal se fixo un chamamento ao Concello para a institucionalización desta homenaxe no sucesivo.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios