CLUB DEPORTIVO AS PONTES RESULTADOS  6-7-8 / MAIO / 2016

Segunda fin de semana de Maio que nos deixa o empate do As Pontes en Cerceda. O Cadete remata a Liga gañando, á espera de coñecer rival no play off de ascenso.

403

Segunda fin de semana de Maio que nos deixa o empate do As Pontes en Cerceda. O Cadete remata a Liga gañando, á espera de coñecer rival no play off de ascenso.

Xenial o Prebenxamín A que rematou terceiro na Liga dos mellores e quedou, despois de facer un gran partido, a un gol de xogar o Campionato Galego. Tamén o Alevín A ponse a un punto do liderado.

TERCEIRA DIVISIÓN (Grupo 1º – Galicia)
CCD Cerceda   –  CD As Pontes (1-1)

O As Pontes logrou un sorprendente empate en Cerceda (1-1), i é que o equipo do Roxo precisaba os tres puntos, inmerso na loita pola Liga, e ademais ía gañando 1-0 con gol do pontedeumés Alex Ares, e dominando con varias ocasións, pero foi no momento no que o As Pontes se quedou cun home menos con toda a segunda metade por diante, que empatou por medio de Santi, o que coloca ó astur-lucense con 11 tantos, co que escala na lista de máximos goleadores da categoría. O conxunto de Pablo López aguantou no resto dos minutos as embestidas e algunha que outra ocasión local e logrou o resultado de maior mérito a domicilio, despois do 0-1 en Barraña.

Xerra de auga fría para o conxunto local, incapaz de gañar contra dez, aínda que, de todas formas, precisarían vencer si ou si o domingo en Barraña ó Boiro para ser campións, pois os de Lemos gañaron ó Vilalbés 0-1. O As Pontes pecha a Liga na casa ante un Deportivo B que asegura o play off, pero aínda compite co Choco por quedar de terceiro, ó que lle daría unha pequena vantaxe na primeira rolda do play off, de poder xogar contra outro terceiro, e non contra un segundo.

Xogaron Souto, Hugo (Pablo Domínguez 70´), Alex Cabarcos, Manu, Dani, Adrián (Nano 82´), Edi, Bossa, Santi, Cañi, Pablo Ramos (Toni 55´).

SEGUNDA AUTONÓMICA GALEGA (Ferrol)
CD As Pontes “B”  –  CD Cariño (0-2)

O segundo equipo perdeu por 0-2 co Cariño, resultado co que pon fin á Liga, con 19 puntos, na novena posición. Xogaron Rafita, Criado, Jandro, Guille, Darío, Iván, Adrián, Juan, Marcos, Totti, Rubén e despois Iago, David e Jorge. A emoción da derradeira xornada estaba no enfrontamento entre os dous primeiros, Maniños e CD Narón, con triunfo dos locais por 2-1, o que fai que os de Fene ascendan con 57 puntos, e o  Galicia de Caranza aproveite para quedar segundo e xogar a promoción con 53 puntos, por 52 dos naroneses.

LIGA FEMININA F8  (D. Ferrol)
CD As Pontes  –  Racing de Ferrol (0-5)

Goleada do Racing de Ferrol na súa visita ó feminino (0-5). Xogaron Leti, Yolanda, Uxía, Nuria, Indira, Yaiza, Vicky, Xeila, Carlota, Yara e Alba. Co empate 2-2 do Neda e o Mandia garanten a sexta praza as azuis con 57 puntos, rematando a Liga visitando ó Perlío, décimo terceiro. CD Narón será quinto, pola terceira praza compiten San Sadurniño e O Val B, segundo será o Cultural Maniños e campión dende hai unhas xornadas o equipo verde.

PRIMEIRA GALEGA XUVENIL  (D. Ferrol)
CD San Sadurniño  –  CD As Pontes (8-3)

Contundente goleada a que recibiu o xuvenil na súa visita ó sexto clasificado, o San Sadurniño, co que perderon por 8-3, a segunda peor derrota da campaña. A principios de Liga  perdeu 8-0, pero era contra o mellor equipo da categoría, o Numancia de Ares, ó que se lle gañou 2-0 no Poboado. Nun encontro no que se saíu David Hermida, que anotou seis tantos, catro en dez minutos no segundo tempo, e Marcos Montero anotou os outros dous. Xogaron polo equipo azul Lino, Alex Blanco, Bruno, Martín, Brais Blanco (1), Alex Cabarcos, Xose, Ayrton, Jandro (1), Manuel (1), Andrés e despois Miguel, Alex Barro e Alex López. Acaban a Liga na terceira praza con 45 puntos. Competición gañada polo Numancia de Ares con 57 puntos, por 55 do Portuarios. Ambos xogarán a fase de ascenso.

PRIMEIRA GALEGA CADETE  (D. Ferrol)
CD As Pontes  –  Galicia SDC Mugardos   (7-1)

Rematou a Liga o cadete gañando 7-1 ó Galicia de Mugardos, con goles de Pani, Alberte, Carlos, Cazás (2), Manuel e Javi. Portuarios campión, con 60 puntos, segundo As Pontes con 57, que xogará a fase de ascenso a Liga Galega dos segundos clasificados. Xogaron Mateo Cociña, Carlos, David, Fraga, Manuel, Pani, Jose, Dani, Mateo, Alberte, Antón e despois Javi, Cazás e Jorge.

PRIMEIRA CATEGORÍA ALEVÍN  (D. Ferrol)
CD As Pontes  –  O Freixo Narón   (4-2)
Numancia de Ares  –  CD As Pontes “B”   (5-3)

O Alevín A gañou 4-2 ó Narón O Freixo e ademais viuse beneficiado pola derrota do Eume 3-1 en Fene ante o Perlío B co que os azuis son segundos con 36 puntos, a un punto do líder, o equipo de Pontedeume. A falta de tres xornadas, visitan ó penúltimo, Narón O Freixo B. Goles de Alejandro López, Ismael Freire (2) e Xoel Purriños. Paso atrás do Alevín B, que perdeu 5-3 co quinto, Numancia de Ares (equipo que lle gañou dous dos tres partidos que perdeu nesta competición) e case se despide da Liga. R. Neda 43, Eume B, xa segundo con 41 e As Pontes con 39.  Precisamente o líder visita O Poboado a vindeira semana, na última oportunidade de achegarse ó título e meter presión. Dous tantos do benxamín Anxo Blanco e un de Sergio Cabarcos.

PRIMEIRA CATEGORÍA BENXAMÍN  (D. Ferrol)
CD As Pontes  –  CCRD Perlío   (6-2)
CD Narón  –  CD As Pontes “B”   (7-3)

O Benxamín A finalizou a Liga con triunfo 6-2 ante o Perlío, tantos de Xandre Fernández (3), Antón Varela, Israel Varela e un en propia meta.  Campións con 49 puntos, 16 vitorias, un empate por tan só unha derrota. O Benxamín B tamén rematou a Liga con derrota 7-3 ante o CD Narón. Acaban na quinta praza con 25 puntos. Un partido que chegaron a ir gañando 1-2 e 2-3, pero como xa lles acontecera a semana pasada co Meirás, nos últimos quince minutos o equipo rival impúxose con contundencia. Goles de Destaw Pellón, Diego Lozano e Alejandro Leal.

PRIMEIRA CATEGORÍA PREBENXAMÍN  (D. Ferrol)
CD As Pontes  –  Racing de Ferrol   (3-3)
Eume Deportivo B  –  CD As Pontes “B”   (2-8)

Xenial Prebenxamín A que, nun gran partido, remontou un 0-3 para acabar 3-3 co Racing de Ferrol e quedar a un paso de meterse no Campionato Galego ó que acudirán o Rápido de Neda como primeiro e campión con 47 puntos, e segundo o Racing de Ferrol con 38. O As Pontes remata nunha brillante terceira posición no grupo dos mellores con 36 puntos. Alexander Venancio, Nicolás Meizoso e Diego Ortigosa neutralizaron nos derradeiros dez minutos o 0-3 co que se chegou ó descanso.

Vitoria por 2-8 do Prebenxamín B ante o Eume Deportivo B. Goles de Íker Ares (2), Xabi Álvarez (2), Xandre Domínguez (3) e un en propia meta. Os azuis, que tamén están a facer unha boa tempada, son terceiros con 44 puntos, e xa é campión matemático a falta de tres xornadas o Barallobre con 57 puntos de 19 vitorias consecutivas, pois con 48 está o Animas B ó que lle teñen gañado o goal average.  Na vindeira xornada reciben ó colista San Sadurniño.

Nova cortesía de Xosé A. Ferreiro e A.F.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios