CLUB DEPORTIVO AS PONTES: RESULTADOS 25-27-28 / MAIO / 2016

O Alevín A gaña a Liga e conquista o 67 título comarcal da canteira pontesa. O Alevín B e o Prebenxamín B rematan a Liga en segunda posición. O feminino alcanza as semifinais de Copa, mentres o Cadete queda apeado da fase de ascenso tras unha eliminatoria moi igualada, pero remata a tempada como campión de Copa e subcampión de Liga.

316

COPA FEMININA F8 (D. Ferrol)
CD As Pontes – CF Mandiá (2-1)

O feminino conseguiu o pase ás semifinais da Copa de Ferrol, tras impoñerse ó Mandiá, 2-1. Comezaron gañando co tanto de Yolanda, e despois chegou o 2-0 cun tanto en propia meta. No segundo tempo Eva recortaba distancias pero o marcador non se moveu e as de Pita conseguen un meritorio pase ás semifinais, onde tamén están R.Ferrol, Maniños e San Sadurniño, campión, segundo, e cuarto clasificados da Liga.
Xogaron polo As Pontes Feminino, Leti, Yolanda, Noelia Santalla, Yaiza, Indira, Vicky, Xeila, Paula Castro, Carlota, Paula Baamonde, Yara e Andrea Pita. Disputará a semifinal contra o CD San Sadurnino. A outra semifinal enfrontará o Racing de Ferrol e Cultural Maniños.

FASE DE ASCENSO Á LIGA GALEGA CADETE
SDC Residencia – CD As Pontes (3-0)

O Cadete pontés quedou eliminado na volta da Fase de Ascenso, tras caer 3-0 en Lugo ante o Residencia, tralo 2-1 da ida. Os lucenses puxeron a eliminatoria de cara antes do descanso, cos tantos de Santiago e Jorge. No segundo tempo os de Iván Rodríguez buscaron o tanto que lles dera opcións, pero foi no último minuto que protestan unha mán do equipo rival, que sinalou o liña, pero que o colexiado non quixo dar, e na posterior contra marcaron os locais o 3-0 definitivo por medio de Jose, conseguindo o pase á seguinte rolda.
Xogaron polo As Pontes, Mateo Cociña, Cazás, David, Fraga, Bruno, Chema (Alex Barro 41´), Dani, Javi (Manuel 69´), Carlos, Alberte e Pani. O Cadete despide a tempada co subcampionato de liga e coa Copa no peto.

PRIMEIRA CATEGORÍA ALEVÍN (D. Ferrol)
SD O Val – CD As Pontes (0-4)
CD As Pontes “B” – Amistade Meirás (4-0)

O Alevín A proclamouse campión de Liga tras gañar 0-4 en Sinde ó sexto clasificado, O Val, con dous goles de Alejandro López, e un de Ismael Freire e Hugo Blanco. Acaban a Liga con 45 puntos, un só por diante do Eume. Presenciou o partido Adrián López “Piscu”, defensa central actualmente na Primeira División de Dinamarca, no AGF Aarhus, e antes no Deportivo da Coruña, Wigan inglés e Montreal Impact de Canadá. Xogou coa selección galega contra Camerún e Irán.
O equipo comezou mal a competición, con apenas 8 puntos nas seis primeiras xornadas, pero nos últimos 14 encontros sumaron 12 triunfos por un empate e unha única derrota ante o Caranza B, 2-1. Sobre todo, as seis últimas vitorias consecutivas foron claves e posibilitaron o título, ademais da derrota dos de Pontedeume ante o Perlío B e o empate co Cedeira.

Gañou o Alevín B por 4-0 ó Amistade de Meirás, tantos de Alex Montero, Diego Purriños e dous de Martín Calvo. Pero, como o Eume B venceu 1-3 na súa visita ó colista Cebarca, queda campión de Liga con 50 puntos por 48 dos ponteses, que fixeron unha boa Liga, pero pesou, máis que os tres partidos perdidos, a dobre derrota co cuarto clasificado, o Numancia de Ares.

PRIMEIRA CATEGORÍA PREBENXAMÍN (D. Ferrol)
Galicia de Caranza – CD As Pontes “B” (1-2)

Venceu o Prebenxamín, 1-2 ante o Galicia de Caranza, con remontada incluida, tantos de Xalo Cebreiro e Íker Ares, polo que acaba a Liga na segunda praza con 53 puntos, empatado co Ánimas B, pero por diante dos ferroláns polo goal average, 3-6 en Ferrol e 0-1 no Poboado. Campión o Barallobre con 63, con 21 triunfos e unha única derrota no Poboado a semana pasada.

COPA ALEVÍN (Xornada de convivencia en Meirás)

No torneo de Convivencia Alevín disputado en Meirás, participaron os dous equipos ponteses. O Alevín A gañou por 2-0 ó Cebarca e por 4-1 ó Numancia de Ares, perdendo entremedias 1-0 co Val. Nos oitavos de final caeron 1-0 ante o Galicia de Caranza B, equipo que na primeira fase gañou tamén 1-0 ó As Pontes B, e que alcanzou a final, na que perdeu co O Freixo Narón por 3-1.
O Alevín B, como dicíamos, perdeu co Galicia de Caranza B por 1-0, pero gañou 1-0 ó Cariño, e 2-0 ó Perlío B, caendo igualmente nos oitavos de final por penaltis, tras empatar a un gol co Val.

COPA PREBENXAMÍN (Xornada de convivencia en Aneiros)

No torneo de Convivencia Prebenxamín celebrado en Aneiros, o Prebenxamín B pontés perdeu contra o Racing de Ferrol C (2-1), e gañou ó Racing de Ferrol D (4-0) non podendo pasar a fase de cuartos de final. Resultou campión do torneo O Val A.

Nova cortesía de Xosé A. Ferreiro e A.F.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios