Nota de prensa do BNG: Hai vinte anos, foi no 1996

Cando as cousas non caen do ceo nin a base de simple “colegueo”

228

Cando as cousas non caen do ceo nin a base de simple “colegueo”

Hai vinte anos, actuando como en ocasións anteriores e seguindo o que foi a construción da historia recente de As Pontes para reivindicar melloras sociais, de infraestruturas, de dotacións, etc., o noso o pobo realizou un importante proceso de mobilizacións na defensa do seu futuro laboral.

Naquela altura, e na previsión do fin da explotación mineira, a dirección de Endesa presentou ao Comité de Empresa un plan (denominado McKinsey) que pretendía o despedimento dun número moi importante de traballadores/as das auxiliares e a ocupación das súas funcións por persoal propio.

A resposta social, liderada polo Comité e co respaldo de case todas as forzas políticas do pobo, non foi resignarse –como se fai hoxe-, pola contra, enfrontouse cunha resposta social contundente.

Houbo días de moita tensión e folgas locais, con compañeiros/as traballadores/as sindicalistas que se xogaron literalmente a camisa, con mobilizacións e asembleas case diarias e que, ao final, obrigaron a Endesa a retirar o seu plan e, tamén, forzaron a sinatura do acordo entre a Xunta, Endesa e Sindicatos que foi o denominado Plan de Desenvolvemento de As Pontes e posteriormente, un ano despois, tamén se entraría no Plan da Minaría.

Do conxunto dos compromisos dese Plan naceu Penapurreira, infraestruturas como a Autovía Ferrol-As Pontes-Vilalba, estrada a Cabanas, acceso aos Airíos, ciclos formativos, o compromiso económico de Endesa cos proxectos aprobados polo Plan, etc.

A concreción dese Plan foron anos de gran actividade e pouca propaganda –algo que agora faise en exceso-, ofertando solo industrial a 6 euros/m2, cando naquela altura e, por poñer un exemplo, en Ortigueira custaba 40 euros/m2 e que, ademais, obrigaba a Endesa a subvencionar cun 15% aos proxectos que se implantasen; destacar estas dúas axudas, o prezo do solo e a achega de Endesa, pois, naqueles anos, nas rexións obxectivo 1 da Unión Europea (como era Galiza), era relativamente fácil acadar o máximo de 50% de axuda pública coa suma de diferentes subvencións (no caso de Galiza tiñamos Incentivos Económicos Rexionais –do Ministerio de Economía-, axudas do Plan da Minaría, de Miner Reindustrialización, do IGAPE), máis ese 15 do propio Plan considerábase unha axuda privada e converteuse –xunto co prezo do solo- nun elemento que marcaba claramente a diferenza con plans semellantes doutras partes de Galiza ou do Estado.

Este conxunto de medidas e un traballo permanente durante varios anos do Plan de Desenvolvemento posibilitou a implantación de moitas empresas e a creación de máis de mil postos de traballo directos; non foi nada gratuíto ou gracioso, é máis, tivo un alto custe económico para Endesa, pero foi o resultado dunha reivindicación lograda e traballada por organizacións sindicais; por iso, e logo dun penoso espectáculo que vimos recentemente onde o relato é calquera cousa –chafallada- menos de rigor histórico, queremos lembrar a algún deses traballadores/as e sindicalistas que hoxe xa non están con nós e que nunca tiveron recoñecemento institucional, vaia para eles o noso respecto e que a terra lles sexa leve.

Coa chegada do Psoe á Alcaldía de As Pontes tratouse intencionadamente de xerar unha mensaxe de rexeitamento da conflitividade, esquecendo que sempre neste pobo houbo que reivindicar e demandar o máis necesario como a propia sanidade, a construción de colexios, estradas, etc.

Mais non é unha casualidade nin un acto inoportuno, non, forma parte da traxectoria do Psoe neste pobo, rexeitar o pasado recente e reescribir a historia, como se este pobo empezase cando Valentín acadou a alcaldía; neste senso, temos que lembrar unha campaña electoral dese partido onde emitiu un vídeo no que aparecían compañeiros/as do BNG –veciños/as do nos pobo- en diferentes mobilizacións sociais, no que se trasladaba unha imaxe de persoas conflitivas; imaxes que, penosamente, foi aplaudida nese acto electoral polos “seareiros” do Psoe e, hoxe, algúns deles xa non viven nas Pontes pois non atoparon posibilidades laborais.

Pero sabendo todo isto, o que xa é unha indignidade é que o Alcalde cale e sorría cando escoita que, no noso pobo, as persoas que sofren o paro é por que son vagas, que debemos esquecernos dos sindicatos, que en Galiza non hai profesionais (literalmente, temos que buscalos en Ponferrada ou en Xixón).

Queren esquecer o pasado por que non admite comparación real, cando antes se facían infraestruturas agora, con nove anos do Psoe no goberno local, só poden “presumir” de iniciar o circuíto de karts, perderon 54 millóns do Plan da Minaría, non crearon un só metro de solo industrial, perdemos poboación, depréciase o valor das propiedades neste pobo. Mais todo isto non está na axenda do Psoe local, o seu é adormecer a opinión pública a base de carpas, comelladas e festas varias.

01 de xuño de 2016

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios