III CITA COA HISTORIA DE AS PONTES

A boa climatoloxía acompañou ó éxito da terceira edición do evento histórico pontés

710

O casco vello da vila de As Pontes encheuse de centos de ponteses e forasteiros vidos de diversos lugares de Galicia, que ateigaron as rúas Real, Igrexa e San Xoán para participar e presenciar a terceira edición da Cita coa Historia das Pontes, que nesta ocasión foi referida á época dos romanos.

O evento histórico pontés estivo organizado por CultureumeEvenmedia e Legend en colaboración coa asociación Lembranza da Vila, baixo o patrocinio do Concello das Pontes.

Comezou a cita coa recreación da historia pontesa na tarde do venres coa apertura do mercado e o castrum romano, seguido do pregón inaugural, que foi presentado polo alcalde, Valentín González Formoso. A continuación realizou o pregón o mestre e investigador da historia local José María López Ferro, quen, caracterizado de druída celta, comezou dicindo “… pois para min é un pracer facer este pregón por varios motivos, entre eles citarei tres: primeiro, porque A Vila é un lugar importante (porque é a orixe das Pontes de García Rodríguez), especial, fermoso e cheo de historia do noso pobo; segundo, porque é algo especial e familiar para min, e terceiro, porque a Vila vai ser a sede nun futuro, se Deus quere, do Museo Etnográfico Monte Caxado …” 

Logo deu a súa idea da orixe da Vila: “expoño a miña idea da orixe da Vila alá polos primeiros séculos;  baseándome principalmente en dous aspectos: primeiro, en que esta zona foi como lugar de paso da costa ao interior, empregado xa dende a Prehistoria, O Camiño dos Arrieros que nos levaba ata Vares, e, segundo e principal, é que a Vila nace como lugar de habitación da xente que traballaba na Villae romana do Chamoselo. Precisamente nos tempos da romanización que hoxe se festexa. Nesa época era frecuente que os señores das Villae obrigasen as nativos a saír dos seus castros e os achegasen a vivir preto deles para ter servizos: criados, cociñeiras, labregos, ferreiros, carpinteiros, pastores… E aí sitúo o nacemento da Vila, posto que se da outra banda do río estaba a Villae coas súas terras de labor, desta situaríanse as vivendas dos nativos ponteses que traballaban nela e que darían orixe á nosa Vila.  De ser así, estaría rondando case os dous mil anos de existencia, un motivo máis para valorala e festexala.  Documentalmente a referencia escrita máis antiga a As Pontes e que hoxe coñecemos só nos achega aos mil anos a antigüidade. É un documento do ano 1238, pertencente ao Tumbo do Mosteiro de Caaveiro e que fala dunha doación ao Mosteiro e que menciona o nome de As Pontes de Eume, e que por outra banda, este nome, danos lugar a pensar na existencia de dúas pontes como mínimo sobre o río Eume, o Anaris romano. Unha, con toda probabilidade sería a da Vilavella, e a outra, con moita posibilidade estivese no lugar coñecido por Porto dos Bois ou próximo a esta zona, xa que nela estaba tamén o Castelo por esas datas, ou tamén onde está hoxe a dos ferros ou de García Rodríguez. O tempo, novas escavacións e novos estudos irán poñendo as cousas no seu lugar. Así que este parecer meu ímolo deixar polo momento.

Logo referiuse ó tema desta terceira Cita coa Historia, a romanización. “Pídovos que botedes a voar a vosa imaxinación un chisco para axudarme a que a explicación que vos vou dar da romanización a entendades mellor. Imos facer unha viaxe no tempo coa imaxinación e veremos unhas pallozas, poucas, desta banda do río e unha villae romana da outra. E o primeiro que se me ocorre e enfrontar o carácter dun romano e o dun galego, porque penso que a romanización non foi tal e como no la contan, por mor -principalmente- do noso carácter galego. 

Imaxinade, o romano: serio, decidido, seguro de si mesmo, convencido da súa superioridade, con máis intelixencia e saber (pois así o pensaban tras recorrer medio mundo coñecido, e de feito aos que non eran romanos chamábanlles bárbaros, que xa o di todo –deles, non dos bárbaros-)… E agora, imaxinade o galego: con retranca, indeciso (sin saber si sube ou si baixa, aínda que penso que sempre subimos, aínda que esteamos a baixar, subimos porque no fondo somos positivos), inseguro (ata ter os obxectivos claros, unha vez que os temos clariños, xa nada nos para), inferior (en aparencia pois ninguén é mellor nin peor, é diferente), con menos coñecementos do mundo e menos intelixencia (en aparencia, tamén, pois é máis importante coñecer ben o que temos preto que mal o de lonxe)…

E facede un esforzo máis de imaxinación (que é esa facultade que temos de ver o que non é real, e non a confundades coa política que é algo que nos fai ver unha mala realidade) e imos ver como tivo lugar o proceso de romanización entre os dous. (Aclaro que o romano ficheino hai un anaquiño e por motivos de guión vai falar en castelán e o castrexo en galego, claro está. Veredes que  o romano é un tipo serio, que mantén o tipo, que ten un aire de superioridade sobre o castrexo, xa que este é un bárbaro que fala unha lingua bárbara e que ten unha cultura bárbara).

Farei algunhas aclaracións polo medio do diálogo para que comprendades mellor a situación”.

O diálogo entre o romano e o galego durou un pouco. Romano.- Pues si, a partir de hoy perteneceréis al CONVENTUS LUCENSE, es decir, a Lucus Augusti.  Galego.- Se cadra… si, pero eu sonche do Castro dos Loureiros, do Clan dos Ponteses e temos por cores o verde da nosa Terra e o vermello do sangue vertido polos nosos devanceiros”.

….. “E como rematou a historia? Pois co romano encheu o bandullo de lacón con ghrelos e bola de liscos, e esqueceuse do proceso de romanización culinaria. E, aínda hoxe, seguimos conservando as nosas comidas ou xantares como hai moito tempo e con identidade propia. Sen esquecernos do doce: roscón, bizcochada, brazo de xitano,  amantecados e polvoróns. E eles, os romanos, os espaghettis de trigo,  as lasañas, as olivas… E non está claro, pero é probable que este romano fose de Nápoles e que a pizza a inventaran cando volveron a Roma e quixeron facer unha bola de liscos e esqueceran os ingredintes e botaron o que lles cadrou (herbas, queixo…) e saliulles a pizza. Non me estrañaría nadiña!!!. Claro que ao gallaicus algo romanizáronse, e pegóuselles un bo chisco das festas e do deus Baco. 

Polo que deducimos queridos vilegos e vilegas que o proceso de romanización non foi como nolo teñen contado, houbo algo máis que non está escrito nos libros. E que todo o que nos vén de fóra non é mellor co que temos, é diferente. Aprendamos a valorar máis o noso e sintámonos fachendosos de ser ponteses e galegos. Mais tamén asumiremos algo de outras culturas, principalmente aquelo que non nos amole moito, pero que si nos faga máis felices.

Despois do pregón escenificouse “A Fraga Maldita” pola Compañía de Teatro Comunitario de Sedes. Na xornada do sábado, Gemola fixo unha cita cos Deuses do Eume dirixida ó mundo infantil. O grupo romano Legend, de Villajoyosa (Alicante) realizou nos tres días demostracións de danzas romanas e loitas de gladiadores con participación infantil. Igualmente tiveron cabida na terceira cita coa historia exhibicións e demostracións de cetrería.

Tampouco faltou a música tradicional con pasarrúas a cargo dos grupos Os Feroces da Galgueira, Canavella, Os Trevillas, a banda Alfaia e Axóuxere de Roupar.

Na noite do sábado houbo un concerto folk coa actuación de Pan de Capazo, Sacha na Horta e Carlos do Viso. O domingo o grupo Pax Romana, con moita tradición no Arde Lucus, que precisamente comeza o vindeiro xoves 16 na cidade bimilenaria, fixeron un desfile polas distintas rúas da Vila e escenificaron a merca, por dez reais e unha ovella, dunhas escravas do grupo Legend.

Sen lugar a dúbidas, o espectáculo máis vistoso foi o da compañía Troula, de Vigo, na noite de sábado. Coa súa percusión e os seus disfraces de diaños fixeron espertar ós numerosos visitantes que se achegaron ó casco antigo da Vila, moitos con medo, outros a sacar fotos e os máis pequenos con choros; xa que, a dicir verdade, os compoñentes deste peculiar grupo vigués poñer poñían medo a calquera.

As Pontes, 13 de xuño de 2016 (AF)

Nova cortesía de A.F.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios