O PORTO CONQUISTA A TAÇA DE PORTUGAL DE HÓQUEI A PATÍNS

Gañou este domingo en Ponte de Lima ó impoñerse na final por 4-2 ó Benfica lisboeta

416

Esta fin de semana disputouse en Ponte de Lima, vila que presume, e con razón, de seren a máis antiga de Portugal, no distrito de Viana do Castelo, situada a uns corenta quilómetros da fronteira, e a 75 de Vigo; a Final Four da Taça de Portugal (copa), entre os catro mellores equipos portugueses, ó fin e ó cabo, os únicos que gañaron a Copa de Europa nalgunha ocasión. Só faltaba o actual subcampión europeo, o Oliveirense, que tivo a mala sorte de cruzarse antes de tempo co Benfica en Lisboa.

As semifinais enfrontaban ó Porto co Barcelos, gañando o equipo branquiazul por 5-2, tras remontar un 0-1 adeverso. Non tivo cor o outro enfrontamento, no que o Benfica goleou por 7-3 no derbi ó Sporting de Lisboa, que aínda así maquillou o marcador nos derradeiros minutos.

Quedaba servido o gran duelo portugués na final, entre o Porto e o Benfica. Chegaba coa vitola de favorito o conxunto da capital, gañador de Liga con catro puntos de vantaxe sobre o eterno rival, e sobre todo, tras ser Campión de Europa, a súa segunda despois da de 2013, despois de vencer na semifinal ó favorito FC Barcelona nos penaltis, e logo 5-3 ó Oliveirense na gran final.

O conxunto branco e vermello conta no seu plantel co porteiro Guillem Trabal, e os dianteiros Marc Torra e Jordi Adroher, que suman 11 Mundiais con España. Tamén ten ó talentoso Carlos Nicolía, Campión Mundial con Arxentina en La Roche Sur Yon (Francia) o ano pasado, ou os xogadores locais Joao Rodrigues e Diogo Rafael, habituais na selección portuguesa.

Jordi Adroher (foto) foi ademais o máximo goleador do campionato doméstico con 51 goles, catro por riba do mítico Reinaldo Ventura, Campión Mundial en 2003, agora enrolado no Barcelos.

Pero o Porto, que se viu incapaz ante o Benfica na Liga e caeu contra pronóstico en cuartos de final da Liga Europea ante o Oliveirense por un dobre 4-3, afrontou a final con máis necesidade e fame de títulos, e chegou ó descanso con 2-0 tras aproveitar unha falta directa e unha xogada de superioridade, e o 3-0 de Helder mediado o segundo tempo semellaba a sentenza.

Pero, o Benfica sacou a clase e o orgullo, e preto do final púxose 3-2 nun suspiro con dous tantos de Miguel Rocha. Foi a poucos segundos do remate do encontro, tras outra falta directa, que Alves poñía o 4-2 definitivo e provocaba o delirio entre a afección portista.

Gran partido dos dous xogadores máis prometedores portugueses, Hélder Nunes e Gonçalo Alves, que anotaron un dobrete e salvaron a tempada do seu equipo, cos seus apenas 22 anos ambos. Impresionante tamén a actuación do histórico porteiro Joan Ignasi Edo Bosch, que deixa o club pola porta grande tras 18 anos, para recalar no Juventude de Viana.

Empata así o conxunto do Dragao co Benfica, pois ambos equipos suman 15 títulos (en Ligas gaña o Benfica por 23 a 21). Barcelos e Sporting teñen catro, tres o Oliveirense, por un do Cambra e outro do Malhangalene de Mozambique nos anos 60 do século pasado.

Apenas hai tempo de descanso para moitos dos xogadores participantes, pois o Campionato Europeo de Seleccións agarda en Oliveira de Azemeis dentro de tres semanas.

Salientar o gran ambiente nas gradas do Pavilhâo Municipal de Ponte de Lima, que rexistrou un cheo completo nas dúas xornadas, máis de 2.500 persoas en cada encontro. Notable presenza dos seareiros dos catro equipos, que non deixaron de animar e poñer o colorido a esta gran festa do hóquei a patíns portugués, celebrada, como sinalamos nesta bonita e máis antiga vila de Portugal.

Nova de Xosé A. Ferreiro e AF

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios