FINAL COPA AFACO FEMININA 2016. CULTURAL MANIÑOS SD 2 (3) – CD AS PONTES 2 (4)

Brillante triunfo do equipo feminino pontés, que logra o seu segundo título, trala Liga de Ferrol de 2010.

630

O equipo feminino pontés dirixido por Pita, deu este sábado a gran campanada na final da Copa Afaco, no encontro disputado no Campo de Os Calzados, na Capela, i é que se impuxo ó subcampión de Liga de Ferrol, o Cultural Maniños, experimentado e veterán equipo de Fene, anterior gañador deste torneo na súa primeira edición disputada o ano pasado, na quenda de penaltis.

Non se amilanou o cadro de Pita e dende o inicio xogou de ti a ti, e ademais poñíanselle ben as cousas, tralo gol de Yolanda de forte disparo cruzado dende fóra da área (8´), resultado co que se chegou ó descanso.

No segundo tempo foi a por máis o cadro de Fene, e mediado o período, tras un bo pase, queda soa dentro da área Cristina, que empala ó fondo das mallas (42´).

Seguiu buscando o gol o cadro de Maniños, que non quería chegar ós lanzamentos dende os once metros, perante un conxunto pontés ben prantado e que non perdeu a cara en ningún momento, tendo algunhas contras perigosas que non souberon finiquitar. Tamén tiveron as súas ocasións as rivais, e así, tras sinalar unha falta o colexiado nunha xogada na que Yolanda lle deu ó balón, fixo unha boa xogada de estratexia o Cultural, pois Mónica cédella atrás a Carolina, que marca de forte disparo (55´).

Faltaba pouco e fallaban as forzas, pero o As Pontes non deu por perdido o partido, e conseguiu un saque de esquina no derradeiro intre, que sacou Carlota e cabeceou Nuria ó fondo das mallas (60´).

O tanto foi no último suspiro pois tralo saque de centro o colexiado sinalou o final do encontro.

Tamén tivo que ir a remolque o As Pontes na queda de penaltis, i é que fallou Paula Baamonde o primeiro, manduna alta, e logo marcaron Cristina e Carolina polas de Maniños, e Yolanda e Nuria polas azuis. Si marcaba Rebeca o terceiro e último, remataba o encontro, pero mandou o balón por alto.

Xa na morte súbita, anotaban Paula Castro, tras dar no longueiro e botar dentro, e Yaiza, mentres que no equipo rival anotou Mónica, pero Uxía mandou o balón ó pau, quedando así campión o As Pontes coa posterior celebración das azuis.

Logra o feminino o seu segundo título comarcal, trala Liga gañada hai seis anos. É ó mesmo tempo o 68º título comarcal da canteira pontesa. Xa son 6 Ligas, 1 Copa e 1 Copa Afaco en Xuvenil, 5 Ligas e 5 Copas en Cadete, 9 Ligas, 9 Copas e 3 Copas Afaco en Infantil, 12 Ligas e 11 Copas en Alevín, 2 Ligas Benxamíns, 2 Ligas Prebenxamíns e 1 Liga e 1 Copa Afaco femininas.

Xogaron de inicio, 1 Leti, 2 Yolanda, 4 Nuria, 6 Yaiza, 7 Vicky, 9 Paula Castro, 10 Carlota e 11 Paula Baamonde, saíndo dende o banquiño 3 Noelia Santalla, 8 Xeila e 14 Alba.

O Cultural Maniños non era un equipo calquera, subcampión de Liga con 29 triunfos por só 2 empates e 3 derrotas, e forzou a quenda de penaltis nas semifinais de Copa ante todo un Racing de Ferrol, así que hai que outorgarlle o mérito debido a este triunfo, por parte dun equipo pontés que xogou un gran encontro, en especial a zaga, Leti, Nuria, Yaiza, e sobresaínte estivo Yolanda.

Ambos equipos chegaban a esta final, tras deixar no camiño, o Maniños, a Galicia de Mugardos, CD Narón, A Capela e Perlío, e no outro grupo, o equipo pontés, a O Val, Amistade de Meirás, Ortigueira e Cebarca.

Entregaron os trofeos ó campión e subcampión, Manolo Mesa e Suso Fernández.

Nova cortesía de Xose Ferreiro e A.F.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios