O PRESIDENTE DO CD AS PONTES GARANTE A CONTINUIDADE DO CLUB

Nunha conversa mantida, o Presidente do CD As Pontes, Xaime Castro Paz, asegurou con rotundidade que o primeiro equipo competirá na Terceira División.

534

Nunha conversa mantida, o Presidente do CD As Pontes, Xaime Castro Paz, asegurou con rotundidade que o primeiro equipo competirá na Terceira División. “O equipo vai a participar na Liga, e sen dúbida estaremos no sorteo do calendario, pois, de feito, nós incluso lle solicitamos á federación que si puidera ser posible que os nosos encontros na casa non coincidan cos do Somozas”. Tamén o farán o feminino e os equipos de base. “Faremos tantos equipos coma rapaces teñamos. De feito, o luns temos unha reunión onde se saberá a ciencia certa cantos equipos serán, e agás o equipo B, en principio, estarán todos os do ano pasado”.

Volveuse a amosar moi crítico cos partidos da oposición “A entidade tiña un problema coa asociación de futbolistas. Todo comezou cunha denuncia que ao final quedou en nada pero que nos fixo moito dano, porque conlevou a que se realizaran algunhas auditorías, e se retrasasen as subvencións. O Concello estános a axudar moito neste tema, e agardamos que para a semana que vén xa se conceda a subvención do 2016, e poder comezar a traballar con normalidade. Hai un plan de pagos e a débeda irase solventando co tempo”

Sobre os cartos que, segundo o expediente da interventora, afirma que ten que devolver o equipo de anos anteriores, asegura Xaime que “nós, como club, temos a nosa asesoría xurídica, e imos alegar, así que de momento, o tema das cantidades a aboar, están no aire. Por iso, dende febreiro non se fixo asemblea de socios, porque non hai nada concreto”.

En canto ao plantel, do que ata o día de hoxe marcharon seis xogadores, adestrador e preparador físico, pero que aínda conserva 17 futbolistas da tempada anterior, Castro lamenta que “seremos os últimos en facelo. Teremos que confeccionala máis tarde polos problemas que tivemos, pero farase cando poidamos entre finais de Xullo e principios de Agosto. Cando teñamos os cartos, contactaremos co próximo adestrador e as posibles fichaxes. No mundo do fútbol, nunca se sabe. Houbo un ano que en teoría tiñamos un equipazo e case descendemos, e outros anos, con menos, acabamos quintos e sextos. Sempre hai xogadores dispoñibles e tamén os equipos grandes, coma o FC Barcelona e o Real Madrid, fichan a última hora”.

Por último, agradece que “neste pobo hai moita xente axudándonos”, e a pesar de que o club atravesa un momento delicado, non lle cabe dúbida de que o equipo seguirá competindo con dignidade “Queda un camiño longo e agora só queda traballar arreo”.

Nova cortesía de Xose Ferreiro

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios