XXXI MOSTRA CORAL “VILA DE AS PONTES”

O primeiro evento cultural das fesas patronais pontesas do Carme e A Fraga, comezou este sábado, 9 de xullo, coa celebración de trixésima primeira edición da mostra de música coral, que un ano máis organizou a Coral Endesa As Pontes.

400

O primeiro evento cultural das fesas patronais pontesas do Carme e A Fraga, comezou este sábado, 9 de xullo, coa celebración de trixésima primeira edición da mostra de música coral, que un ano máis organizou a Coral Endesa As Pontes.

A primeira en subir ó escenario foi a Coral Frol Nova, da parroquia de Chapela no concello pontevedrés de Redondela. Esta agrupación musical fundouse no ano 1973 por un grupo de veciños, sendo a súa primeira actuación nas festas do Carme dese ano. Dende 1993 forma parte do Círculo Cultural e Recreativo de Chapela. Está composta actualmente por 42 voces mixtas e está dirixida por Anicia Núñez González.

Igual cas demais corais, ofreceron catro pezas musicais, salientado a habaneira “Cuba donde nací”. Despois cantaron “Te quiero”, “Cancao do mar” e “De ronda”.

De seguido, Xosé Cendán, redactor da RTV Eume, presentou á Coral Amanecer, do barrio xixonés do Coto, sitio emblemático da histórica cidade asturiana, de vellos e bonitos recordos para o autor deste artigo.

Amanecer naceu en 1987 no local da Asociación de Veciños de Ceares-Coto-Viesques, que estaba situado enfronte do antigo cuartel de Simancas, hoxe centro social e cultural da vila de Gijón. Ten actuado en diversos sitios da xeografía española. Conta cun amplo repertorio de música coral, salientando os concertos de “madrigales” asturianos. En setembro organiza as xornadas corais de San Nicolás de Bari.

As obras cantadas neste concerto, baixo a dirección de Facundo Artime, foron “Soñando junto al mar”, “Amor amor”, “Flores de amor” e a máis aplaudida, “Bahía de Txingudi”.

Logo déuselle a benvida ó Orfeâo de Barrô, freguesía do concello de Águeda, próximo a Aveiro. Este orfeón naceu en decembro do ano 2000 actuando por primeira vez o 29 de xuño do seguinte ano co gallo da inauguración do Centro Cívico e Social. Ten actuado por diversas localidades portuguesas, ademais das illas Azores e Madeira, así como en España. Actualmente está dirixido polo profesor Sergio Brito. Ofreceu neste concerto das festas patronais obras como “Ave María”, “Laudate Dominium”, “Jubilate Deo” e “Cantar”, unha salsa cubana.

Finalmente tocoulle a quenda á coral anfitrioa, Endesa As Pontes, que conta con 42 anos de historia. Deu o seu primeiro concerto o un de maio de 1974, e dende entón percorreu coa súa música moitas cidades e vilas de España, viaxando tamén a Portugal, Suiza e á República Checa. Conta no seu repertorio con máis de trescentas obras de polifonía clásica, música sacra, panxoliñas, habaneiras e música popular española e latinoamericana, así como obras do rico folclore galego.

Coa batuta da actual directora Olga Vigo cantaron “Ruada de Chamosa”, a habaneira “La Perla”, a zarzuela “La del Soto del Parral” e “La Bamba”, canción tradicional mexicana que está recoñecida como o himno popular da cidade de Veracruz.

Ó remate do concerto o concelleiro de Facenda, Antonio Alonso, en representación do concello fixo entrega dun agasallo a cada coral invitada, consistente nunha réplica do vaso campaniforme atopado hai máis de cen anos na Veiga de Vilavella.

Despois, os compoñentes de tódalas corais confraternizaron nunha cea no local social da asociación A Choupana.

As Pontes, 10 de xullo de 2016 (AF)

Nova cortesía A.F.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios