MARATÓN DE FÚTBOL SALA FESTAS DO CARME E A FRAGA 2016

Trinta e un equipos participaron esta fin de semana no tradicional torneo de verán pontés

580

Esta fin de semana disputouse en As Pontes o tradicional torneo de verán de fútbol sala “Maratón Festas do Carme e A Fraga 2016”.

No evento deportivo, organizado polo Esteo FS, equipo da Segunda División B, en colaboración do concello de As Pontes, participaron un total de 31 equipos, 21 masculinos, seis na categoría de veteranos e catro femininos.

Na categoría masculina, tras sete grupos de tres equipos, oitavos e cuartos de final, chegábase ás semifinais na que o Mobles Eume venceu por 4-2 a Cervecería Las Gaunas, mentres que Construcciones Lourido gañaba por 6-1 a Bar Calvo. Na final, o equipo de Miño, Costrucciones Lourido, venceu con solvencia por 3-0 a Mobles Eume.

Curiosamente o partido no que máis sufriron os campións no torneo foi nos cuartos de final, onde se impuxeron na quenda de penaltis ó Café Bar A Fervenza.

Jesús Lourido, do equipo campión, foi elixido mellor porteiro do torneo de veteranos, mentres que o premio de mellor xogador recaeu en Christian, de Mobles Eume.

Nas semifinais femininas, Os Tonechos (curioso nome o das xogadoras de Cariño, Ferrol e As Pontes) goleaban a Las Amigas Caminantes (6-0), mentres que Toca e Vaite facía o mesmo con Las Fenómenas Óptica Baamonde (4-1). Nunha final moi igualada, Os Tonechos, equipo no que militaba Malena, ademais das ex do As Pontes Mireia e Noelia e varias xogadoras do equipo de Segunda División Friol, vencía con apuros por 4-3 a Toca e Vaite, conxunto de Lugo.

A porteira pontesa era elixida mellor porteira do evento e mellor xogadora a media punta cariñesa, María Corral, recentemente fichada polo novo Deportivo da Coruña.

Por último, nas semifinais de veteranos, Os Marufos vencía a Electricidad Javier y Óscar na quenda de penaltis tras finalizar o partido con empate a cero goles. Máis folgadamente o facía Mobles Eume ante Bar Xardín (4-1), resultado que repetiu na final o equipo pontés ante Os Marufos, que só presentou a cinco xogadores e acabou no segundo posto, sendo o seu xogador Igor Fernández nomeado mellor porteiro do torneo, mentres que Jorge Cela, do equipo campión, foi premiado como mellor xogador.

Ó remate do torneo entregáronse trofeos ós catro primeiros clasificados e ó mellor porteiro e xogador de cada categoría. Salientar a boa climatoloxía durante os tres días do torneo e a gran afluencia de público, en especial na tarde do domingo, cando se disputaron as finais, antes do interesante Portugal-Francia da Eurocopa 2016, que logrou por primeira vez o país veciño, ó que dende aquí enviamos os parabéns polo título acadado.

Nova de Xosé A. Ferreiro e A.F.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios