XV SEVEN DE RUGBI VILA DE AS PONTES

Os Centollos Franceses de Vigo revalidou o título en masculino mentres que en mulleres resultou vencedor Unigordiss

740

Este sábado disputouse en As Pontes o tradicional torneo de Rugby Seven que organiza o clube pontés do Fendetestas, torneo que xa vai pola súa décimo quinta edición.

Contaba coa participación de 15 equipos, 12 masculinos e 3 femininos. As escadras masculinas encadrábanse en catro grupos de tres equipos. Os primeiros equipos de cada grupo pelexarían pola Copa de Ouro, os segundos pola de prata, e os terceiros pola de bronce.

No cadro feminino os tres conxuntos disputaron unha liguiña a dobre volta, resultando vencedor o cadro de Unigordiss, con tres triunfos e un empate, seguido das Salomotetas, con dúas vitorias e un empate, e pechou coa culler de madeira Bellis Sylvestris.

No cadro masculino, no grupo A, Hispanos foi primeiro, seguido de Keltia e Fendetestas. No B, dominaron os Centollos de Vigo, por diante de Lalín e Bellis Sylvestris. No C, o conxunto portugués de Guimaraes quedou por diante do Zalaeta de Arteixo e o Adus de Salamanca. Por último, no grupo D, Liga de la Justicia, a pesar de empatar no seu encontro contra Pementos, quedou por diante, pechando o grupo o Deus Team.

Na Copa de Bronce, quedaron apeados nas semifinais, o Deus Team, a culler de madeira, e Bellis Sylvestris, xogando polo trofeo o Adus e o Fendetestas, resultando vencedor o equipo de Salamanca tras gañar a final nun axustado 24-19.

Na Copa de Prata, Pementos e Zalaeta perdían en semifinais, e xa na final impoñíase o Keltia de Ourense; gañador da Segunda Territorial Galega deste ano por diante do Fendetestas; por un contundente 26-0 ó Lalín.

Finalmente, na Copa de Ouro, a dos vencedores de grupo da primeira fase, os Hispanos, nome co que se inscribiron os integrantes do Crat A Coruña, gañaron con contundencia a Liga de la Justicia 41-0, mentres que os Centollos facían o mesmo contra o portugués Guimaraes 31-12.

Na final comezou dominando o conxunto coruñés que marchou ó descanso con ventaxa, pero nun gran inicio do segundo tempo os vigueses deronlle a volta ó tanteo. Logo, o encontro nivelouse e mantívose cun interesante 24-26, ata que na última xogada do partido os Centollos anotaron un ensaio que situaba o 24-31 definitivo co que revalidaban o título conquistado o ano pasado.

Puidéronse ver no torneo xogadores de renome, entre outros, Alejandro Blanco “Monty”, recentemente fichado polo subcampión de Liga Española, o Vrac Quesos Entrepinares, Borja Vera Portillo, con familia pontesa, e que este ano xogou no CRC Pozuelo descendido de División de Honra. Tamén as xogadoras da Selección Española Monica Castelo e Elsa Porto, do Crat coruñés, e no ámbito local, o mítico xogador Pablo Enríquez Megino “Chucky”, ou a xogadora da Selección Galega absoluta, Carla Da Silva.

Entregaron os diferentes trofeos o Concellal de Deportes Chicho Tembrás, e Antonio Ferreiro “Toño”, presidente do Fendetestas. Ó remate, amenizouse o evento co tradicional terceiro tempo para dar fin a un longo e caluroso día de competición con 27 partidos desputados dende as 11:00 ata case as 21:00.

Nova cortesía Xose Ferreiro e Joel Carballeira

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios