MARCO ROCA SERÁ O NOVO ADESTRADOR DO CD AS PONTES

Esta tarde coñecíase que será o sustituto de Pablo López.

409

O pontés Marco Roca Ledo, que a pasada campaña fóra segundo de Pablo López, será o novo adestrador do CD As Pontes.

Marco Roca foi nesta 2015-16 o segundo adestrador, axudante do de Monte Alto. Subiu ó primeiro plantel refrendado por unha moi boa campaña anterior, 2014-15, na que fóra terceiro clasificado da Segunda Autonómica co segundo equipo pontés, e sobre todo, gañara as Copas de Ferrol e Afaco co equipo infantil azul.

Roca foi un xogador moi coñecido no equipo pontés no que xogou 12 tempadas, tres en Segunda B, catro en Terceira e cinco na Preferente Autonómica. Recórdase a mítica eliminatoria de Copa co Celta de Vigo no que o daquela Endesa caera eliminado por un só tanto de diferenza, ou a conquista da Copa Deputación en 1996 na final ante o Betanzos 2-1. Tamén fóra subcampión de Liga e Copa de Ferrol Alevín en 1987 e subcampión de Copa Infantil en 1989 coa canteira pontesa. Como adestrador do equipo pontés foino do segundo equipo, Xuvenil B, Cadete e Infantil.

De feito, polo número de tempadas disputadas no primeiro equipo, só o superaría o central Chote, que leva 13, e que este ano, en teoría, estará á sua disposición, e o mítico defensa Javi Salido, con 15.
Tamén, o seu pai, Manolo Roca, e o seu tío, Celso, foron dous grandes mitos do clube pontés, coma xogadores e posteriormente adestradores.

Non terá unha tarefa doada Marco, pois ás dez baixas xa sabidas do clube, hoxe coñecíase a marcha do canteirán Chus Cañizares, que vai para o Cerceda, subcampión de Terceira, e que quedou a un palmo de ascender a Segunda División B.

Agora mesmo contaría cun plantel formado, en teoría, por Krikry, Rafita, Chote, Hugo, Criado, Edi, Pablo Ramos, Samu e Juan, descoñecendo en que situación están os “foráneos” Pardo, Chicho, Óscar Martínez e Bossa.

Agardemos que nos vindeiros días teñamos boas novas no noso querido equipo en materia de incorporacións e renovacións.

Nova cortesía de Xose Ferreiro

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios