TERCEIRA DIVISIÓN. CD CASTRO 2 – CD AS PONTES 1

Merecida vitoria do Castro ante un As Pontes que sufriu unha mala arbitraxe.

380

O Castro debutou como local na Terceira División cunha apurada vitoria ante un As Pontes que marchou cun mal sabor de boca cando tivo tan preto polo menos o empate.

O peleón Pardo tivo dúas boas aproximacións nada máis comezar o encontro, e despois foi Samu quen probou a Javi dun forte disparo dende fóra da área (10´).

Respondeu o conxunto local, e así Nano fai intervir a Paco cun disparo (15´), e despois é Omar o que ten a ocasión máis clara. Nun balón que se pasea pola área pequena tras córner remata e o balón vai ó longueiro (18´).

Pouco antes do descanso, bota Samu un córner, peiteaa Edi de cabeza, e Pardo a un metro de portería empala ó fondo das mallas (35´) nun tanto moi parecido ó do noruego Solskjaer que dera a Champions ó Manchester ante o Bayern no último suspiro con aquela remontada histórica en 1999 no Camp Nou. O propio xogador de Ortigueira tivo unha inmellorable ocasión de cabeza a continuación que atalla o meta local (37´).

Antes do descanso, escapase Cristian e agarrao Suso, parece que dentro, pero o colexiado sinala falta ó borde da área (44´).

Comezou moi ben o conxunto local a segunda metade e tivo varias ocasións claras. Remata Tichu, e para Paco (49´), marchase de todos Omar e dispara ó poste (52´), Iván González encara só a Paco, e volve a salvar o meta ferrolán (53´).

Tanto foi o cántaro á fonte que tras un córner cabecea un xogador cara atrás, e o balón pega na man de Edi, que estaba a un palmo do atacante visitante, e apenas puido reaccionar. Penalti moi riguroso que se encarga de transformar o bravo capitán Xaime para igualar a contenda (55´).

O equipo local afrontou mellor a última media hora, xa que o cadro azul comezou a notar o cansanzo polo inoportuno partido do mércores. Aínda así o As Pontes buscaba a contra, e nunha delas era Casas quen se prantaba ante Javi que saiu con todo fóra da área, e non queda claro se coas pernas, e tamén quizais coas mans, consigue desbaratar o perigo, deixando seguir o xogo o colexiado pontevedrés (66´).

Posteriormente son Buyo e Pardo quen, tras unha xogada a balón parado, prantanse completamente sós ante o gardameta local pero ningún dos dous consegue marcar (67´).

A falta dun cuarto de hora, o habilidoso Iván González, “o esquío de Pol”, seis anos no conxunto pontés, cabecea preto do longueiro e volve a salvar Paco (74´). Voltase a marchar Omar de todos os defensas cos que se cruza e está Paco providencial outra vez (80´).

Cando parecía que o empate se podía dar por bo por ambos, e sen balón de por medio, vaiselle algo a man a Edi con Iván, dentro da área, e o colexiado sinala penalti e amarela para o xogador azul. Penalti que volve a transformar Xaime, aínda que nesta ocasión casi o atalla o gardameta ferrolán, pero foi moi axustado ó pau (84´).

Buscou o As Pontes o empate con máis corazón que cabeza, a destacar algunha internada por banda de Álvaro Rey, Marcote estivo excesivo nunha xogada na que puido ser expulsado, e a última ocasión clara correu a cargo do lateral esquerdo Álvaro, que se lle vai a Criado, dispara, e mete a manopla o xusto Paco para desviar a córner (90´).

O As Pontes, que acabou con Ramos, Prieto e Samu tocados e necesita fondo de armario, recibe ó potente Vilalbés, líder, a próximo fin de semana, no retorno de Arias, Souto e Cabarcos, e posteriormente ó Dubra, cun incómodo partido de Copa Federación no calendario ante o Cerceda intercalado entre ambos encontros. O Castro visita ó Dubra, o seu compañeiro de ascenso o ano anterior, cos seus primeiros tres puntos no peto.

Sexta confrontación entre Castro e As Pontes en terreo lucense, xa que ambos equipos coincidiron en Preferente Norte entre 2005-2010. Terceiro triunfo local, houbo un doloroso 6-1 a 2008-09, por un empate e dúas vitorias pontesas. No Poboado catro triunfos locais por unha igualada.

2 CD Castro. Javi, Marino (Jairo 85´), Álvaro, Pedro, Suso, Nano (Héctor 72´), Alvarito (Edrosa 88´), Xaime, Iván Gonzalez, Tichu, Omar.

1 CD As Pontes. Paco, Criado, Buyo, Prieto (Jandro 63´), Callón, Edi, Pablo Ramos (Miguel 60´), Samu, Pardo, Álvaro, Cristian (Marcote 80´)

Goles: 0-1, Rubén Pardo (35´). 1-1, Xaime, de penalti (55´), 2-1, Xaime, de penalti (84´).

Árbitro: Luis Lois Carro (Pontevedra). Auxiliado nas bandas por Montoto Taboada e Sartages Bermúdez. Amarelas a Suso, Tichu, Callón, Miguel, Edi e Marcote.

Campo e incidencias: Campo Municipal de Castro de Ribeiras do Lea. Uns 350 espectadores en mañá moi soleada. Partido correspondente á terceira xornada.

Nova cortesía de Xose Ferreiro e A.F.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios