COPA DEPUTACIÓN DE A CORUÑA: O ESTEO F.S. – CIDADE DE NARÓN (4-4 – p. 3-2)

O Esteo venceu na quenda de penaltis ó Cidade de Narón e enfrontarase este domingo ó Parrulo nas semifinais.

365

O equipo pontés de fútbol sala do Esteo logrou o pase á penúltima rolda da Copa Deputación da Coruña, e o que é máis importante, un triunfo de prestixio ante un conxunto de Segunda División coma o naronés, e polo tanto, un dos trinta mellores equipos de España.

Nun encontro que comezou con ocasións para os ponteses sen embargo foron os visitantes os que se adiantaron no marcador, por medio de Quique, que, a pesar dunha primeira intervención de Javichu, rematou por dúas veces só dentro da área, conseguindo inaugurar o marcador.

Pero, precisamente un ex xogador do Cidade, Alex Garea, deu a volta ó marcador tras anotar dous dobre penaltis por ambas mans dos visitantes. Entremedias, Gerardo rematou un córner ó pau.

Pero pouco durou a ledicia nos ponteses, pois apenas en medio minuto remontaron os naroneses. Marca Rober nunha xogada na que dispara e deixa pasar o balón por debaixo das pernas Víctor, e empatan, e despois nunha perda de balón local é Víctor o que fai o 2-3 batendo por baixo a Javichu, chegándose así ó descanso.

Ó pouco do comezo do segundo tempo voltaba a poñer as táboas no marcador o Esteo, tralo gol de Ayala, que aproveita un balón que queda morto fóra da área para dun preciso disparo axustalo pegado ó poste a onde non pode chegar Esparza.

Púxose por diante o Esteo cun gol do capitán Héctor, que en banda dereita recolle un balón e bate de tiro cruzado ó porteiro naronés, pero volveu a durar pouco a ledicia ós locais, pois na acción seguinte, nunha xogada de estratexia, saca Rober, deixa pasar Quique e marca Víctor por alto, poñendo o 4-4.

Quedaba o último cuarto de partido por diante e Javichu estivo moi atinado ante os disparos dende fóra da área dos visitantes, aínda que o Esteo tamén tivo as súas aproximacións, sobre todo unha boa ocasión de Ayala que regatea ó defensa, dispara e atalla Esparza.

Non houbo tempo para máis e tívose que recorrer ós penaltis. Javichu detivo o primeiro lanzamento, de Rober, e non se fallou ningún dos posteriormente lanzados. Polos locais anotaron Alex Garea, Héctor e Alberto Carro, e polos visitantes Chicho e Juve; xogador que metera 4 goles na Fraga naquel 0-6 na 2013/14; polo tanto os ponteses clasifican para as semifinais que xogarán contra O Parrulo de Ferrol.

A outra semifinal xogaraa o Ventorrillo da Coruña, que sorprendentemente venceu por 6-3 ó campión da Segunda B do ano anterior, o Noia, contra o Santiago Futsal. Por certo, o equipo santiagués, despois dunha campaña complicada, pode anunciar hoxe a que sería a súa gran nova deste ano, o retorno de Alemao.

FICHA DO PARTIDO

O ESTEO FS: Javichu, Gerardo, Alberto Carro, Ayala, Alex Garea –cinco inicial- Púas, Rober Paz, Diego Pellón e Héctor.

CIDADE DE NARÓN: Esparza, Chicho, Sergio, Rober, Malaguti –cinco inicial- Víctor, Juve, Quique, Iván e Guillermo Castro.

ÁRBITROS: José M. Gómez Arias, Ismael Gómez Vilas e Eva Fernández Lourido (Lugo). Amoestaron a Héctor, Rober Paz, Juve, Rober, Víctor e Malaguti. Dobre amoestación a Ayala faltando 24 segundos.

GOLES: Min. 8 (0-1), Quique. Min. 13 (1-1), Alex Garea, Min. 18 (2-1), Alex Garea. Min.18 (2-2), Rober. Min. 19 (2-3), Víctor. Min. 21 (3-3), Ayala. Min.28 (4-3), Héctor. Min. 29 (4-4), Víctor.

INCIDENCIAS: Partido correspondente ós cuartos de final da Copa Deputación da Coruña disputado no Pavillón Municipal da Fraga, que rexistrou unha entrada duns 150 espectadores. O Esteo alcanzou esta rolda tras superar ó Stellae de Padrón por 0-5.

Nova cortesía de Xosé A. Ferreiro e AF

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios