Nota de Prensa Xuntos Por As Pontes: #29O Ante o golpe de mafia, Democracia

Manifesto que se leu na concentración de onte, que tivo lugar diante o Concello, en mostra de desconformidade co pacto de investidura.

273

No serán de onte, manifestámonos ante o concello en protesta polo pacto de investidura.

No acto, ao que acudiron numerosos veciños e veciñas da vila, deuse lectura ao seguinte manifesto:

Hoxe sumámonos ás manifestacións e concentracións que se están levando a cabo por todo o país, amosando a nosa desconformidade co pacto de investidura que rematará nun anaco co nomeamento de Mariano Rajoy coma Presidente do Goberno.

O pacto de investidura, feito a costa da intervención das oligarquías do PSOE, está deseñado para continuar coa folla de ruta dos recortes e as reformas estructurais, lexitimados a partir da modificación do artigo 135 da Constitución; para dar continuidade tamén ás políticas de turnismo parlamentario e para beneficiar ás empresas do IBEX 35 e aos grandes capitais.

Durante os últimos anos a xestión da crise traduciuse en transferir cartos dos de abaixo para aos de arriba coa única finalidade de rescatar bancos sen cartos, aeroportos sen avións e autopistas sen coches; para pagar salarios millonarios e prexubilacións cuantiosas a presidentes de bancos; para pagar tramas corruptas.

E mentras, os de abaixo, nós, a maioría social, sufrimos recortes nos salarios, na educación, na sanidade, nas pensións.

Nos vindeiros catro anos, e grazas a este pacto de investidura seguirán repetíndose estes comportamentos. Seguiremos emigrando ata que non quede ningún mozo no país, seguiremos sufrindo a esclavitude, a explotación e a extorsión por parte dos poderosos. Seguiremos sendo cada día mais pobres na nosa terra mentres unha minoría se enriquece cada día máis á nosa costa.

As oligarquías do PSOE, conscientes de que as novas políticas que traerían outros partidos que compoñen a cámara remataría cos seus privilexios, obriga aos seus deputados a absterse para continuar co réxime establecido, a lexitimar o goberno dun partido que, non olvidemos, está imputado por corrupción.

E sí, esta triple alianza ten detrais a 15 millóns de cidadáns. Pero deixan fora ás nacións sen estado deste país, á maioría da poboación menor de 45 anos e ás persoas que se sentiron enganadas e traizoadas polo seu partido. En definitiva, deixa fóra á maioría social do noso país.

Hoxe queremos expresar a nosa disconformidade ante unha nova etapa de políticas que irán en perxuízo da maioría da xente que vive no noso país, quen precisa outro modelo de xestión dos recursos públicos que non pode ofrecer nin o Partido Popular nin os seus colaboradores.

Temos dereito ao libre exercicio dos nosos dereitos civís, coma hoxe, a manifestarnos sen necesidade de pedir permiso nin de estar vixiados pola policía mentras nos reunimos aquí pacíficamente. Coas leis mordaza, o que se pretende é someter á poboación, crear medo para que abandonemos as nosas reivindicacións, dominarnos e domesticarnos.

Pois non, xa non temos máis medo. Estamos aquí, coa cabeza ben alta, loitando polo que é noso, polos nosos dereitos máis básicos, dereitos humanos que toda persoa debe ter garantizados: a vivenda, a educación e a sanidade públicas e de calidade, as pensións, o traballo, a igualdade na diversidade. O DEREITO A UNHA VIDA DIGNA. E sabemos que é posible gobernar neste sentido, as cidades e vilas do cambio estano desmostrando cada día.

Hoxe asistimos incrédulas a un acontecemento que será histórico, o dobregamento do partido español, ese que se dí obreiro e socialista, aos intereses do capital, dos donos dos medios de producción. Hoxe vemos claramente o engano ao que someteron a esta sociedade e o contraste entre o pasado e o futuro que está por chegar.

Contra os recortes, as privatizacións, a corrupción e os enganos,

Pola democracia e a liberdade,

Berramos todas xuntas:

Ante o golpe da mafia, democracia!

As Pontes, 30 de outubro de 2016

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios