SEGUNDA DIVISIÓN “B” DE FÚTBOL SALA: O ESTEO F.S. – ATLÉTICO BENAVENTE F.S. (6-2)

O equipo pontés logrou o primeiro triunfo da tempada ante un rival directo

289

O Esteo pontés de fútbol sala conseguiu o seu primeiro triunfo nesta sexta xornada de Liga, e o que é máis importante, tras tres derrotas consecutivas, suma outros tres partidos sen perder. Pero hai que seguir remando pois para a semana visita a outro rival directo, coma é o ascendido San José.

No primeiro período, tras un bo pase do recén fichado Lito, Ayala a porta baleira situaba o 1-0 que era igualado pronto por Ángel de forte disparo.

Preto do descanso chegaron dous tantos consecutivos dos locais. Noutro pase de Lito, Jaco, cun forte disparo dende fóra da área conseguía o segundo, e logo a continuación, tras unha asistencia do propio Jaco, nesta ocasión era Alex Garea o que quedaba só diante de Tomy e marcaba dun forte puntapé que entrou polo escuadro.

Pero recurtou distancias antes do descanso o cadro zamorano cando o seu número 10 se revolvía de costas e marcaba por alto no segundo pau. Resultaba ser o goleador Charlie. Todo un luxo no Pavillón da Fraga, o ex xogador da Selección Española, Lobelle, Santa Coloma, Ribera Navarra, Móstoles, Guadalajara, e que o ano pasado estivo no Levante, antes de enrolarse no equipo da súa localidade natal, futbolista que cumprirá estes días 31 anos.

No segundo tempo tiveron unha ocasión Púas e logo Rober Paz no rexeite, pero era Ayala quen tras un regate e un disparo axustado conseguía o seu segundo gol e poñía o 4-2 mediado o período. Posteriormente Joselu enviaba un balón ó pau, sendo un toma e daca o encontro nos últimos instantes. No derradeiro minuto nun desmarque de Héctor, conseguía controlar o balón e bater por baixo ó gardamallas, e xogando de cinco o equipo visitante, era Rober Paz quen recuperaba o balón e marcaba dende a súa pista a porta baleira entrando o balón paseniño faltando 16 segundos.

O Esteo xa é noveno con cinco puntos antes de visitar a un rival directo como o San José, que ten tres.

FICHA DO PARTIDO

O ESTEO FS: Javichu, Jaco, Héctor, Lito, Rober Paz –cinco inicial- Gerardo, Púas, Alex Garea, Ayala.

ATLÉTICO BENAVENTE F.S.: Tomy, Oli, Javi Cala, Charlie, Chuso –cinco inicial- Joselu, Jorge, Ángel, Alex, Bolaños, Samu.

ÁRBITROS: Francisco Feliz Otero, Enrique Novoa García, Lorena Quintas Crespo (Ourense). Amarelas a Javichu, Jaco, Lito, Tomy, Charlie e Chuso.

GOLES: Min. 6 (1-0), Ayala. Min. 7 (1-1), Ángel. Min.17 (2-1), Jaco. Min. 18 (3-1), Álex Garea. Min. 19 (3-2), Charlie. Min.29 (4-2), Ayala. Min. 38 (5-2), Héctor. Min. 39 (6-2), Rober Paz.

INCIDENCIAS: Partido da sexta xornada de Liga do grupo primeiro da Segunda División B disputado no Pavillón Municipal da Fraga, que rexistrou unha entrada duns 200 espectadores.

Nova cortesía de Xosé A. Ferreiro e A.F.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios