TERCEIRA DIVISIÓN. CD AS PONTES 1 – CCD CERCEDA 5

O Cerceda golea en O Poboado

375

Triste derrota do CD As Pontes que foi goleado na tarde de hoxe polo Cerceda, terceiro clasificado, por 1-5. A última maior goleada no Poboado fora outro 1-5 en Preferente ante o Bergantiños un 14 de Setembro de 2008.

Certo é que o equipo local tiña baixas importantes, nun conxunto xa de por si con pouco fondo de armario, sobre todo os experimentados Edi e Pardo, ou en defensa Borja López e Prieto. Pero o maior dominio dos visitantes foi considerable.

O equipo do xenial Ángel Cuéllar, o que fora xogador de Barcelona e Betis, entre outros, gañador de Recopa, Liga, Supercopa e o Europeo Sub16 de Vallecas 1988 ante Portugal, chegaba a O Poboado cos ex ponteses Cañizares, Angeriz, Juan e xogadores destacados da comarca como o pontedeumés Alex Ares ou o aresán Carlos López.

Xa puideron marcar os visitantes na primeira xogada do encontro, pero o remate de Carlos salvao como pode Paco e logo Uxío tira por alto (1´).

Foi no seguinte tiro a porta dos branquivermellos, que marcaron. Xogada de Uxío por banda esquerda, que ante a pouca contundencia defensiva, lanza un forte zapatazo dende o lateral da área, e colase o balón a media altura no segundo pau a onde non chega Paco (18´). Once tantos para o pichichi lucense, e quinta xornada consecutiva marcando.

Un tiro alto de Alex Ares dende uns 40 metros a punto está de sorprender a Paco (34´), pero o xogador de Pontedeume resarciuse na seguinte xogada, na que, tras un córner, desfaise doamente de Jaime e Rubio, e dende o lateral dereito da área lanza un forte disparo ó segundo pau, e pese a que o toca coa man Paco acaba dentro (35´).

Logo queda só Carlos pero chega antes Paco (39´), e unha boa falta lanzada maxistralmente por Alex, desvíaa in extremis o meta ferrolán (41´).

Para culminar unha pobre primeira metade local, un mal despexe de Callón rebota no corpo de Alex Ares, que quizais se axuda un pouco coas mans, cabalga por banda dereita, centra e Carlos López completamente só bate por baixo a Paco (44´).

Imaxe de impotencia amosou o equipo azul os primeiros 45 minutos nos que os de Cuéllar chegaban por todas partes, mentres apenas se rexistrou ningún disparo local, con un Ibu moi só arriba, coma un illote.

Comezou con algo de brío o cadro pontés o segundo tempo, e así chegou un centro perigoso dende banda esquerda de Buyo (46´), ou Ibu quedou só, coa mala pata de que golpeou antes ó porteiro visitante, que marchou tocado pouco despois, que ó balón (48´).

Pero os visitantes seguían chegando con claridade, e tras outro centro dende banda esquerda de Carlos, que se pasea pola área local, é o lateral dereito Javi Otero, quen chegando dende atrás, marca dun forte disparo (56´).

Unha aproximación de Álvaro Rey por banda dereita que acaba en córner (59´), precede ó gol local. Tras un pase en profundidade de Ramos, no límite do fora de xogo avanza Marcote, plantase ante Rumbo e marca raso de tiro cruzado o gol da honra (65´).

O tanto foi un espellismo pois noutra contra que pilla desprevida á zaga local, é Uxío quen lla sirve a Carlos López, que outra vez só como no seu primeiro tanto, marca a pracer (70´).

Puido chegar o sexto, tras un remate dentro da área de Uxío que rebotou en Agulló cando se dirixía a gol (83´), ou nunha incorporación do que fora xogador local, o lateral esquerdo Juan Pérez, que dispara por riba do escuadro (87´).

Certo é que o As Pontes tamén puido marcar o segundo. Vólvese a desmarcar Marcote, pero o xogador de Fisterra en lugar de enviala ó segundo pau, tirou ó primeiro e o balón marchou desviado (91´). Con unha falta sen perigo de Samu concluiu o encontro (93´).

O Cerceda, con cinco victorias consecutivas e 27 puntos, segue terceiro, pero achégase un pouco máis ó líder Vilalbés, e ó Bouzas. O As Pontes pola súa parte afúndese cos seus 9 puntos, incluso o Ordes se lle achega con 8, e o próximo sábado visitan a un Negreira que hoxe goleou 1-4 en Castro.

No decimoterceiro encontro oficial en O Poboado, cuarta vitoria dos visitantes, que xa gañaran 1-3 a campaña anterior, por sete empates e dous triunfos locales.

O As Pontes apenas suma unha vitoria e seis empates nas quince primeiras xornadas de Liga. Apenas se recorda un peor comezo de Liga dende que empezou a competir en 1960. Quizáis a tempada 1989-90, en Segunda B, onde se ben na primeira volta sumou 9 empates, só lograra dúas vitorias, ante Alcalá (3-1) e Pontevedra (0-1).

Día aciago para o conxunto pontés. Excepto o mal partido de hoxe, o corpo técnico e os xogadores van facendo o que poden despois do drástico verán vivido, pero o clube, con en teoría un dos presupostos máis asentados da Terceira galega, camiña con supostos problemas económicos sen aclarar, fai uns meses deixaron o equipo unha vintena de futbolistas, apenas quedan xogadores locais, os equipos da canteira van saíndo cara adiante como poden cos efectivos xustos, e os poucos pero fieis afeccionados de O Poboado apenas teñen alegrías que levar á casa.
1 CD As Pontes. Paco, Jaime, Buyo, Callón, Jandro, Rubio, Ramos, Morrys (Criado 45´), Ibu (Marcote 60´), David (Samu 45´), Álvaro.

5 CCD Cerceda. Marcos Valín (Javi Rumbo 60´), Javi Otero, Juan, Adrián Maroño, Marcos Caridad, Edu (Agulló 58´), Cañizares, Uzal, Uxío, Alex Ares (Abelenda 70´), Carlos López.

Goles: 0-1, Uxío (18´), 0-2, Alex Ares (35´), 0-3, Carlos López (44´). 0-4, Javi Otero (56´), 1-4, Marcote (65´), 1-5, Carlos López (70´).

Árbitro: Pablo Álvarez Calderón (Vigo). Auxiliado nas bandas por Lorenzo Álvarez e Rivera Gores. Amarelas a Edu e Ramos.

Campo e incidencias: O Poboado, uns 150 espectadores, en tarde soleada e fría. Partido da 15ª xornada. 

Nova cortesía de Xose Ferreiro e A.F.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios