SEGUNDA DIVISIÓN “B” DE FÚTBOL SALA: O ESTEO F.S. – XOVE F.S. (3-6)

O equipo pontés chegou a ir 2-0, e acabou sufrindo un marcador avultado nos últimos instantes.

289

O equipo pontés chegou a ir 2-0, e acabou sufrindo un marcador avultado nos últimos instantes.

O Esteo pontés de fútbol sala desaproveitou unha ocasión de ouro para sentenciar media salvación, nun encontro estraño e rocambolesco, con algunha xogada polémica de por medio, no que chegou a ir 2-0, tivo moitas ocasións para facer o terceiro, deixouse remontar nun pésimo inicio de segundo tempo 2-3, logo mereceu o empate e algo máis, e acabou perdendo 3-6 con porteiro xogador.

O equipo pontés adiantouse no primeiro período cun tiro raso de Rober Paz, e logo, nunha boa xogada de Jaco, que se desfai do seu marcador, este pica ante a saída do porteiro, quere despexar un defensa, rebota o balón en Púas, e acaba dentro. Púas puido encarrilar o partido, pero en dúas boas ocasións, unha salvouna o porteiro, e outra Rubén baixo paus.

Tras perdoar os colexiados ós visitantes a sexta falta nunha clara infracción ó porteiro Iván, non erraron a súa ocasión os lucenses dende o punto fatídico, marcando Cora faltando un minuto, recortando distancias no marcador. Tras unha rigorosa sexta falta a Gerardo, tivo a súa ocasión Jaco pero despexou o porteiro faltando 14 segundos.

Moi mal comezo dos locais no segundo tempo, onde marcou Bruno, case sen ángulo, nun disparo que se cola polo escuadro entre Rober Paz e Iván, e logo poñía en vantaxe ós lucenses Cora cun tiro raso nunha contra.

E grazas, porque Iván salvou algunha, e Rubén lanzou unha falta ó longueiro. Tamén hai que salientar que os colexiados só sacaron amarela nun empurrón sen balón de Marcos a Jaco.

A partir de aí espertou o Esteo, que sen dúbida mereceu o empate e algo máis, Garea tirou ó poste, Púas unha vaselina que se vai por pouco, outra de Gerardo que desvía baixo paus Aitor a córner, e nunha xogada moi clara non consigue marcar Héctor nun primeiro intento, nin Jaco no segundo.

Noutra xogada polémica, sae o porteiro visitante a despexar un balón levando por diante a Jaco fóra da área, só sendo sancionado con amarela.

Nos últimos catro minutos, con 2-3, e risco de sexta falta para os visitantes, o Esteo xogou con porteiro-xogador, aínda que por momentos fíxose algo monótono, cos xogadores mariñáns defendendo moi ben, e cos cinco xogadores locais moi fóra da área, sen apenas un pivote que estorbara algo dentro por dentro do perímetro.

Sacou tallada nesta situación de porta baleira o equipo lucense, que anotou tres tantos nos dous últimos minutos, por medio do seu gardamallas Javi, e dous tantos de Rubén. Polos locais, só puido marcar Héctor.

Debutaron na casa os xuvenís Pedro e Pablo. O Esteo segue sétimo con 14 puntos, visitando a vindeira semana ó Ventorrillo, equipo coruñés antepenúltimo con catro puntos, nun encontro moi importante.

FICHA DO PARTIDO

O ESTEO FS: Iván, Gerardo, Púas, Lito, Rober Paz –cinco inicial- Pedro, Jaco, Héctor, Pablo, Alex Garea.

XOVE F.S.: Javi, Rubén, Cora, Souka, Bruno –cinco inicial- Keko, Marcos, Antón, Pancho, Aitor.

ÁRBITROS: Vanegas Betancurt e Hevia Campa (Asturias). Amarelas a Garea, Rubén, e Marcos e Javi, nestes dous últimos casos o cartón puido haber sido vermello.

GOLES: Min. 11 (1-0), Rober Paz. Min. 15 (2-0), Púas. Min.19 (2-1), Cora, de dobre penalti. Min. 25 (2-2), Bruno. Min. 28 (2-3), Cora. Min.37 (2-4), Javi. Min. 38 (2-5), Rubén. Min. 39 (3-5), Héctor. Min. 40 (3-6), Rubén.

INCIDENCIAS: Encontro da décima xornada de Liga do grupo primeiro da Segunda División B disputado no Pavillón Municipal da Fraga, que rexistrou unha entrada duns 150 espectadores, moitos visitantes. Gardouse un minuto de silencio polas vítimas do accidente aéreo do Chapecoense.

Nova cortesía de Xose Ferreiro e A.F.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios