TERCEIRA DIVISIÓN. CD AS PONTES 0 – UD BARBADÁS 1

Un golazo de Andre deixa ó Barbadás ó borde do play off e afunde ó As Pontes

453

Derrota 0-1 na casa dun As Pontes que se afunde na clasificación, mentres o equipo ourensán durme ó borde do play off, empatado a puntos co Cerceda.
O conxunto ourensán chegaba a O Poboado con sete vitorias, cinco empates, e apenas tres derrotas, tendo no dianteiro luso Rodrigo, e o medio ex da selección galega Uefa Alfredo ós seus máximos artilleiros, con sete tantos.

E o Barbadás amosou a súa indiscutible calidade. Marcou un golazo e tivo dous tiros ós paus, pero non é menos certo que os ponteses tiveron ata dezaseis aproximacións meridianas, algunhas moi claras, pero o gol cotízase carísimo no conxunto azul.

Víronse caras coñecidas antes do comezo do partido. Ós habituais Buyo e Jose Ramón, unironselle hoxe os técnicos do próximo rival pontés. O ex xogador de Deportivo, Sporting e Racing de Santander, Javi Manjarín, gañador da mítica Copa de 1995, con gol incluido, ou Cristóbal Parralo, ex de Barcelona, Espanyol, Oviedo e PSG. Ambos internacionais.

Puido adiantarse ben pronto o conxunto ourensán, pois nun mal despexe de Rubio, o balón caelle que nin pintado a un desmarcado Andre, pero estrela o balón no poste (3´). Posteriormente nun balón que se lle escapa a Buyo, está atento Paco que se anticipa a Nespereira (19´).

Sacudiuse un pouco a presión o conxunto local, e nunha boa xogada de equipo Álvaro remata moi alto (22´). Logo é o almeriense Borja López quen dispara forte dende uns vinte metros pero o balón marchase desviado (27´).

Un tiro dende fóra da área de Daniel despexao a córner con apuros Paco (31´). E antes do descanso dúas boas oportunidades dos ponteses. Un gran centro de Álvaro dende banda esquerda, cabeceao Ibu moi lonxe (36´), e máis clara foi a de Callón, que se encontrou un balón en posición inmellorable, non rematou de primeiras, e de segundas intentou unha vaselina que marchou rozando ó longueiro e que a piques estivo de cabecear a gol Pardo sobre a mesma liña (38´).

O segundo tempo comezou cun centro de Buyo, que cabecea por alto Pardo (51´), pero o lateral esquerdo tivo unha mala cesión a Paco e sorte que despexou Borja antes de que chegara o dianteiro visitante (53´).

Moi clara a tivo o conxunto ourensán para adiantarse. Aparece só o perigoso Rodrigo, con tempo para pensar, pero consigue despexar o balón un salvador Paco (55´).

A partir de aí sucederonse varias ocasións dos locais. Nunha boa xogada dentro da área, remata en primeira instancia Pablo Ramos, despexa un defensa co corpo, e logo Prieto envía por alto (65´). Marchase en velocidade Ibu pero o forte disparo do senegalés dende fóra da área marcha pegado ó poste (67´).

A estas aproximacións sucederonlle dúas ocasións aínda máis claras dos de Marco Roca. Primeiro un xogadón de Rubén Pardo, que regatea a varios rivais, aínda que cando consigue zafarse dos mesmos bótaselle enriba e acaba despexando co corpo Berto (71´). Máis nítida chegou tras un bo centro dende liña de córner de David González, que Ibu cabecea preto do escuadro (72´). Logo, tras un mal despexe de Berto, é Pardo o que realiza un potente chut, pero salva sen problemas o porteiro visitante (74´).

Canto máis achuchaba o conxunto local, caelle un balón morto no borde da área a Andre, e este empalaa superando a Paco e entrando o balón polo mesmo escuadro (76´). Foi a triste confirmación de diferencia entre un equipo e outro, a definición de un, ante o outro, moi voluntarioso, pero que necesita reforzos no mercado invernal, e algún goleador con certa resolución.

Pero non se rendeu o conxunto de O Poboado, e outra vez é o xogador de Ortigueira Pardo quen avanza en velocidade, pero escápaselle moito a bola (78´). Moi clara foi a de Callón, na que o bo zagueiro de Oleiros, con toda a portería para él, cabeceou fóra (82´).

Tamén é certo que o Barbadás puido sentenciar o encontro, e nunha contra, Rodrigo estrelou no longueiro un bo disparo, e logo o balón botou, semella ser, sobre a mesma liña (84´).

Íase o equipo local a por todas nos derradeiros minutos, cos dous centrais Borja e Edi moi adiantados, recordando a Alexanco, e nun balón á olla é o propio central almeriense quen cabecea e saca baixo paus de cabeza Oli (87´). Despois, un centro de banda de Buyo rematao fóra Ibu (90´).

Tras dúas arriscadas perdas de balón de David González na medular, Rodrigo puido matar o encontro outra vez (92´), e máis claro foi un tres para un que nin Alfredo primeiro nin Rodrigo despois consiguen convertir en gol (93´).

Rematou o encontro e víronse as dúas caras da moeda. A dun Barbadás que con 30 puntos acaricia os postos de play off, empatado co Cerceda, casi certifica permanecer un ano máis na categoría, e recibe o domingo a un antepenúltimo Dubra, e a dun As Pontes que se afunde con dez puntos, só o Ordes está por debaixo, e xa ten a salvación a sete puntos.

Colmo de males, os ponteses visitan na xornada dominical a un perigoso Deportivo B, ferido trala súa derrota en Castro, e con dous días máis de descanso. Os ponteses, tras finalizar o encontro de hoxe, apenas disporán de dous días e medio para poder preparar o encontro. Os azuis rematarán a primeira volta en casa contra o Ribadumia.

Quinto encontro oficial en O Poboado e segundo triunfo para os ourensáns, por unha igualada e dúas vitorias locais.

Marcharon tristes do campo os poucos e fieis afeccionados ponteses, que levan unha tempada cargada de penurias, facendo bo o refrán tan certo de que o importante e ter saúde.

0 CD As Pontes. Paco, Prieto, Buyo, Callón, Borja, Edi, Ramos, Rubio, Ibu, Álvaro Rey (David González 46´), Pardo.

1 UD Barbadás. Berto, Geno, Martín, Quintairos, Ger, Lamelas, Andre (Oli 81´), Daniel (Luis 66´), Nespereira (Alfredo 66´), Bruno, Rodrigo.
Goles: 0-1, Andre (76´)

Campo e incidencias: Campo de O Poboado. Algo máis de 150 espectadores. Partido da 17º xornada.

Árbitro: Gustavo Vidal Fonseca (Vigo). Auxiliado por Botana Rey e Castro Castro. Amarelas a Edi, Borja, Geno, Ger e Luis. Expulsado o adestrador visitante Miki con vermello directo no 69´.

Nova cortesía de Xose Ferreiro e A.F.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios