ESTE 2016 CUMPRIUSE O 25º ANIVERSARIO DO PRIMEIRO 4-0 DO ENDESA DE AS PONTES Ó REAL MADRID B

O segundo 4-0 fora en 1998, ademáis dunha vitoria 3-0 en 1996, aínda que neste caso tratábase do Real Madrid C.

425

O segundo 4-0 fora en 1998, ademáis dunha vitoria 3-0 en 1996, aínda que neste caso tratábase do Real Madrid C.

Si hai unha semana lembrábamos os 30 anos da primeira eliminatoria copeira contra o RC Celta de Vigo (1-3), antes de que remate o ano tamén queríamos recordar que neste 2016 cumpríronse 25 anos dun feito histórico, que foi a vitoria do por entón Endesa de As Pontes 4-0 sobre todo un Real Madrid B.

Por curioso que poida parecer, o conxunto merengue deuselle ben ó pontés, i é que lle gañou contundentemente en tres ocasións no Poboado, pois tamén se lle vencera 4-0, ademáis de nesta campaña 1990-91, tamén na 1997-98, e 3-0 na 1996-97, si ben é certo que neste caso se trataba do Real Madrid C, o que non resta méritos.

No outro enfrontamento, acadou un empate a 1-1 na 1995-96, tamén co equipo C, cun saldo de tres vitorias e unha igualada cos merengues, con doce tantos a favor e só un en contra ante unha das mellores canteiras.

Nesa campaña 1990-91 na Segunda B, no encontro de ida, xogado en todo un Santiago Bernabéu un 8 de Setembro de 1990 (recordado o 25 aniversario o ano pasado), o Endesa perdeu 2-1, con tantos dos míticos Mutiu, e Ohen no derradeiro minuto, para o filial merengue, e de Chus para o conxunto azul.

A volta foi un 20 de Xaneiro de 1991, e o equipo azul tomou cumprida revancha da ida ó gañar por 4-0, xogando de inicio o conxunto dirixido por Luis Rodríguez Vaz con Carou, Salido, Quique (pai de Adrián López), Carlos, Alberto, Suso, Ramiro, Nando, Ramón, Alfonso e Pradera. No segundo tempo entraron Juan Luis e Alfredo.

O resultado do descanso, 0-0, non facía presaxiar o que aconteceu no segundo tempo, onde o equipo azulón foi un vendaval, e tras dúas asistencias de Pradera, Alfonso e despois Nando, anotaban os dous primeiros tantos.

O terceiro chegou nun potente disparo de Ramón tras centro de Juan Luis, e o colofón firmouno Nando. O xenial medio ferrolán marcou de falta introducindo o balón polo escuadro, como viña sendo habitual nel.

Curiosidades daquel encontro, o colexiado era un por daquela moi novo Mejuto González, e aquel día recadárase a nada desestimable cifra de 330 mil pesetas das antigas, o que hoxe serían uns 2000 euros, nada desdeñable a comezos da década dos 90 do pasado século.

O triunfo foi de moito mérito, tendo en conta que o Real Madrid B aquel ano quedara campión, concluíndo o Endesa decimoterceiro con 38 puntos (daquela a vitoria valía dous). Si ben, aparte deste 4-0, poden considerarse históricas as vitorias contra a Ponferradina (3-0), Compostela (3-1), Ourense (1-0), e a domicilio 1-2 no Anxo Carro e 0-1 no Couto.

No 2018 trataremos de recordar o vinte aniversario do outro 4-0, o da campaña 1997-98, que desgraciadamente rematara en descenso.

Nova cortesía de Xose Ferreiro

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios