PONTOIBO CELEBROU A SÚA FESTIVIDADE DE SAN VICENTE

Esta fin de semana o barrio pontés de Pontoibo celebrou un ano máis as súas tradicionais festas na honra de San Vicente, as primeiras do ano e unhas das máis tradicionais e máis antigas da comarca do alto Eume.

1.264

Esta fin de semana o barrio pontés de Pontoibo celebrou un ano máis as súas tradicionais festas na honra de San Vicente, as primeiras do ano e unhas das máis tradicionais e máis antigas da comarca do alto Eume.

Os festexos, acompañados dunha boa climatoloxía ó mediodía (aínda que á mañá e á tardiña facía moito frío con xeadas e temperaturas que biaxaban dos cero graos), comezaron o venres cunha verbena a cargo das orquestras Passion e Cinema. O sábado iniciouse con bombas de palenque, logo misa á unha do mediodía e a posterior procesión arredor da capela, para continuar coa sesión vermú co grupo Kalima 3.0 e á tardiña a verbena co mesmo grupo e a orquestra Caramelo, que tamén amenizou a sesión vermú despois da tradicional poxa.

O domingo foi o día grande, con sol o que animou a centos de romeiros achegarse ata a capela para asistir primeiro ós actos relixiosos e despois á poxa, tradición que se celebra neste emblemático lugar dende hai moitos anos.

O campo da festa cuberto cunha carpa encheuse un ano máis de centos de persoas para presenciar esta tradicional poxa de San Vicente de Pontoibo. Camposa foi o mestre poxador por cuarto ano consecutivo, substituíndo ó carismático Salustiano Ameneiro, quen despois de máis de medio século pediu o relevo. A pesar da súa idade (a piques de cumprir os 98 anos), Salustiano estivo presente misa.

Preto de dúas horas prolongouse este animado acto principal das festas, na que se poxaron produtos de todo tipo, dende os colleitados no campo e os da casa, como patacas, carne de porco, mel, ovos, queixos, empanadas, coellos, galiñas, doces, viño e incluso libretas e reloxos. Os cartos recadados na poxa son para a celebración da festa e moitos veciños colaboran deste xeito.

A misa nesta xornada de domingo adiantouse ás doce e media do mediodía para que os veciños e convidados se retirasen antes a gozar dun bo xantar do patrón, non sen antes presenciar a poxa e logo escoitar e bailar ó son da orquestra Caramelo.

O SANTUARIO DE SAN VICENTE DE PONTOIBO

Esta capela situada a tiro de pedra da vila de As Pontes data de moi antigo, pois aínda que o templo foi reformado e ampliado no ano 1847, a imaxe de San Vicente ten máis antigüidade, calcúlase nuns cincocentos anos. A capela foi construída nunha zona onde apareceron restos primitivos doutras civilizacións, como un sarcófago situado actualmente á carón da capela.

Segundo o libro de contas de San Vicente, que comeza no ano 1858 e remata en 1912, a capela foi reconstruída sobre unha antiga no ano 1911 cuns gastos de 2.282 reais nas obras, xa que o material foi doado polos veciños. Nas últimas décadas sufriu reformas, sendo a última, a ampliación do campo da festa e a desaparición da cubrición de uralita que afeaba o entorno da capela. Hoxe en día é unha das capelas mellor conservadas da comarca situada nunha fermosa paraxe preto da vila pontesa.

A orixe das poxas data do ano 1882 e hai constancia dos nomes dos mordomos do santuario, dende 1857, con Francisco de Castro, ata José María Vázquez en 1912

SAN VICENTE MÁRTIR

Vicente de Zaragoza ou San Vicente Mártir foi un cura español, diácono de San Valero de Zaragoza, que foi preso e torturado por orde do emperador Diocleciano, morrendo en Valencia o 22 de xaneiro do 304 ou 305. Segundo a lenda antes de morrer converteu ó seu verdugo.

Enterrado primeiramente en Valencia, posteriormente os seus restos foron trasladados á catedral de Lisboa, cidade da que é patrón, ademais da propia Valencia, Corbera (Valencia), Lucena del Puerto (Huelva), Zalamea la Real (Huelva), Molina de Segura (Murcia), Ardanaz de Egüés (Navarra) e da cidade italiana de Vicenza. Os viñateiros e os fabricantes de vinagre tamén teñen como patrón a San Vicente Mártir, así como dos xastres e as modistas.

Está representado coa vestimenta do seu rango acompañado dun corvo en unha moa de muíño, que fan referencia ó seu longo e penoso martirio.

San Vicente de Pontoibo, 22 de xaneiro de 2017 (AF)

Nova cortesía de A.F.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios