XOSE CENDÁN: “Grazas, As Pontes.”

Na Gala do Deporte Pontes, Xose Cendán Montero recibiu o recrecoñecemento a toda unha vida adicada ó deporte. É xornalista deportivo da TV e Radio Local, xogador do Fendetestas e da Liga Local de Veteranos, ós seus 47 anos, ou ex adestrador da Selección Galega de Rugbi, entre outras moitas cousas.

1.266

O pasado venres tiven a honra de recoller un premio que era para moita xente á que non puiden agradecerllo publicamente.

Anque non son un rapaz, con 47 anos coido que un premio a toda unha vida adicado ó deporte era moi cedo para poder merecelo.

Con todo, é de ben nados ser agradecidos, e logo da solpresa inicial, si aceptei recoller este galardón polo que significa.

Por para quen e por que é este recoñecemento. Un trofeo que subín recoller no meu pobo e diante da miña xente coa miña filla da man para que vise plasmado físicamente o que eu xa tiña recollido no agradecemento, e o cariño, e sobre todo, a confianza da miña xente.

Eu son o que comunmente se chama un cabezón. Eu prefiro definilo como un soñador. E quería que Irea vise que só perseguindo os soños se poden vivir estes.

Cando era un pequeño alumno do Colexio Santa María tiven a sorte de ter aprendido dunha xente abnegada e desinteresada que crían ser adestradores, pero demostraron ser algo que anos despois se creu descubrir, formadores, ou educadores.

O poso que en min deixaron os Elías, Tomás, Ardura, ou Pazos, levoume a ter claro que este depósito era unha débeda e que quería devolvela, propagala, continuala.

Naqueles albores dun balonmán rudimentario que nos levou a cobadearnos con localidades con máis tradición; nos encontros de atletismo facendo as primeiras seleccións de As Pontes, incluíndo saltos e lanzamentos;nas miñas impagables experiencias adestrando en colexios; nas primeiras edicións da liga local de fútbol sala e posteriormente na de veteráns; no patinaxe, no que era un auténtico avenedizo, e sobre todo cando nos metimos á louca aventura do rugby…. sempre detrás estaba ese soño de que outr@s puideran disfrutar do que a min me deran un día, e que bebesen dos valores que marcaron a miña vida.

O venres, ó subir ó escenario dunha festa do deporte na que participei do seu nacemento, e tivera a honra de ter outros premios, souben que ese soño estaba cumpríndose.

Nas gradas estaban os veciños e veciñas cos que traballei no eido deportivo xa como directivo, adestrador, compañeiro, árbitro, ou aquelo no que puidera ser útil.

E humildemente pensei que aquel momento podía servir de acicate e de ánimo para @s que coma min só podemos poñer o noso empeño e entrega, carentes de outras cualidades.

Poñer en valor o papel d@s que facemos falla para a práctica deportiva, onde só un pode chegar primeiro á meta, só un pode marcar ou encestar, pero xamais o poderían facer sós ou soas.

Anque participei en entidades de fóra da miña vila nesta traxectoria, teño a honra de saber que fun un afortunado que dende o meu traballo profesional e dende a miña adicación persoal ós deportes, puiden disfrutar máis da miña vila e das miñas xentes.

Por iso agora quero agradecer publicamente a quen comigo estivo neste camiño, coa imposibilidade de nomeal@s a tod@s, pero coa garantía de que a tod@s vos debo este momento.

Agora o trofeo irá á vitrina, e eu, sigo aquí, o mesmo, e ó voso servizo. Onde poda e para o que poda aquí estarei, porque é un luxo saber que quen queira contar comigo vai ser porque estea no mesmo soño, o de facer desta localidade todo un exemplo de vila de vida deportiva.

Grazas, As Pontes.

XOSE CENDÁN.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios