Nota de prensa XPAP: Xunt@s por As Pontes participará nas xornadas REALPE no Parlamento Europeo

Convidados pola eurodeputada Lídia Senra, participaremos no encontro anual REALPE de representantes locais electos da esquerda europea.

141

Un grupo formado por trinta persoas que actualmente exercen cargos políticos electos en municipios galegos desprazaranse esta semana a Bruxelas, convidados pola eurodeputada galega Lídia Senra, para participar dentro do Parlamento Europeo no encontro anual REALPE de representantes locais electos, que organiza o Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) baixo o título de “Emprego, dereitos sociais e solidariedade dende os municipios”.

Chegarán a Bruxelas este martes día 7 de febreiro contra o mediodía, para realizar unha visita guiada polo Parlamento Europeo esa mesma tarde e coñecer en directo o funcionamento da institución europea. Xa o mércores e mais o xoves, a súa actividade centrarase en participar xunto con cargos electos municipais doutros países de Europa, no mencionado encontro REALPE do GUE/NGL, no que ao longo das dúas xornadas de traballo se desenvolverán varios debates e exposicións.

O primeiro debate no Parlamento Europeo terá lugar o mércores 8 e xirará sobre “Qué accións se poden desenvolver dende os municipios para fomentar o emprego, a industria e a defensa dos dereitos sociais”. Tendo en conta que o desemprego, a desindustrialización, a precariedade, e os ataques contra os dereitos sociais teñen enormes consecuencias sobre os concellos, intentarase poñer en valor que en contacto directo coa poboación, os municipios están loitando contra estas situacións para construír alternativas, axudando a resistir, innovar nas súas políticas de desenvolvemento local e apoiar as iniciativas das distintas forzas sociais. Neste sentido, intercambiarase información sobre estas experiencias, para avaliar as posibilidades e os obstáculos e abrir algunhas reflexións e accións comúns sobre estas cuestións cruciais.
O xoves 9 pola mañá desenvolverase o segundo panel da iniciativa REALPE, que xirará sobre “Boas prácticas na recepción de refuxiados/as. Qué cooperación debe desenvolverse dende os concellos”. Esta parte será introducida polo eurodeputado Dimitrios Papadimoulis e será moderada pola europarlamentaria galega Lídia Senra. O obxectivo é facer fincapé en que en contra da campaña de odio e división fomentada por certas forzas gobernamentais e de extrema dereita en Europa, unha serie de accións encabezadas pola cidadanía, ONGs, organizacións sindicais e política e sociais están a ter lugar para apoiar ás persoas refuxiadas e migrantes e, nese contexto, os concellos están na liña da fronte para dar máis eficacia a estas iniciativas. No panel falarase destas políticas, amosando as diferentes cuestións e obstáculos para superar e abrir algunhas posibilidades de cooperación entre concellos de diferentes países de Europa.

O grupo de cargos municipais galegos regresarán de Bruxelas o xoves pola noite, despois das intensas xornadas de debate e intercambio de experiencias no Parlamento Europeo con persoas que tamén ocupan responsabilidades locais noutras partes da UE.

A viaxe é financiada polo Parlamento Europeo.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios