NEVADA EN AS PONTES NA PRIMAVERA

Despois de varios meses cunha climatoloxía non acorde á estación e dun outono e un inverno sen apenas chuvias, este pasado luns comezaba oficialmente a primavera, pero dous días despois entrou polo noroeste unha fronte polar con moito frío, chuvia e neve.

552

Despois de varios meses cunha climatoloxía non acorde á estación e dun outono e un inverno sen apenas chuvias, este pasado luns comezaba oficialmente a primavera, pero dous días despois entrou polo noroeste unha fronte polar con moito frío, chuvia e neve.

Nevou en gran parte do país galego e o concello das Pontes non ía ser menos, pois ten alturas que chegan ós 757 metros no Pico do Caxado e moitas sobrepasan os 600, como a Veiga da Nata o Pico da Torre, a Carballeira, monte da parte leste que se asoma á Vila, que é a parte máis baixa cunha altura de 347 metros.

Durante a noite do 22 ó 23 nevou con intensidade, callando o elemento branco nas zonas elevadas do concello e en municipios limítrofes, como Xermade, Monfero, Mañón, A Capela, Somozas e San Sadurniño, suspendéndose as clases en varios colexios e o transporte escolar en tódolos concellos afectados.

Na vila pontesa por momentos caeu algo de neve que non chegou a callar debido as chuvias de días atrás e á humidade existente.

Moitos recordan a gran nevada de 1983, que durou máis de dez días, incluso a neve mantívose varios días en vilas e cidades costeiras de Galicia e Asturias.

Aquela gran nevarada foi a causante do derrube do pavillón de deportes da Fraga e a Feira do Grelo tivo que ser aprazada por dúas veces, chegando a celebrarse o 27 de febreiro cando o seu día era o domingo de Entroido.

Hai xente que tamén recorda as nevadas das décadas dos cincuenta, sesenta e setenta do século pasado.

As Pontes, 23 de Marzo de 2017 (AF)

Nova cortesía de A.F.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios