IV CITA COA HISTORIA DE AS PONTES

A boa climatoloxía acompañou á cuarta edición do evento histórico pontés

692

O casco vello da vila de As Pontes volveu a encherse de numerosos ponteses e forasteiros vidos de diversos lugares de Galicia, que por momentos (sobre todo ó mediodía e á tardiña), ateigaron as rúas Real, Igrexa (nesta ocasión convertida na rúa dos oficios) e San Xoán para participar e presenciar na cuarta edición da Cita coa Historia das Pontes, que un ano máis foi referida á época da invasión romana.

A organización deste evento histórico pontés contou coa colaboración da asociación Lembranza da Vila, baixo o patrocinio do Concello das Pontes e segundo información da concellería de Cultura, o máis salientable foi a gran afluencia de público en tres días de moito calor.

Comezou a cita coa apertura do mercado galaico-romano, seguido do pregón a cargo de Isabel B. O’Connor, vilega cun apelido máis ben de orixe irlandesa. Pregón no que foi contando a súas vivencias da infancia e xuventude no casco histórico da Vila, onde naceu.

Despois do pregón tivo lugar o espectáculo de rúa “Errantes”. Igualmente tiveron cabida na terceira cita coa historia exhibicións e demostracións de cetrería na praza do antigo cemiterio.

Tampouco faltou a música tradicional con pasarrúas a cargo dos grupos Os Feroces da Galgueira, Os do Xalo, A Vacaloura Vermella, Alfaia e Canavella. Na tarde do venres tamén se achegaron ó casco histórico os alumnos/as das distintas escolas municipais de música que celebraban a fin de curso. Na noite do sábado houbo un concerto folk á beira do río Eume coa actuación dos Tres Trebóns, Riobó e Tresporcatro.

Sen lugar a dúbidas, o espectáculo máis vistoso foron, durante os tres días, os desfiles marciais da Cohors III Lucensium da Legio VII Gemina, que naquela época se asentou en terras de Lugo.

As Pontes, 18 de xuño de 2017 (AF)

Nova cortesía de A.F.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios