Seguen as manifestacións nas Pontes polo peche do Monte Caxado

Este luns houbo un maratón cultural no polideportivo do colexio

372

O polideportivo do colexio Monte Caxado foi un continuo desfile de nenos e nenas, profesores e numerosos veciños ponteses ó longo de 24 horas nun maratón cultural en protesta polo peche deste importante centro escolar pontés, que comezou ás nove da mañá deste luns.

Houbo actuacións musicais a cargo da banda xuvenil de música, do conservatorio, a Coral Endesa; música tradicional cos Feroces da Galgueira, as Pandeireteiras da Toca, Cantareiras de Alende, Silbarda da Capela, as Pandeireteiras da Tallería de Roupar.

O colectivo de poesía Alalá tamén tivo a súa representación, do que hai que resaltar un poema de Ofelia López feito nese mesmo día dende a visión dun neno ante o peche do seu colexio:

Choro polo meu colexio
É o mellor e máis ben feito
Está no sitio ideal
Para aprender e xogar
……………………………………..
Do meu colexio gusta todo
Dende a reixa ata o tellado,
Da clase ata biblioteca
Por iso non hei deixalo.

Vostede señor que manda
Eu penso que manda mal
Debería vir connosco
A este colexio a estudar

Daríase vostede conta
De que estas non son maneiras
Tería que ter falado
Con pais e profesorado
………………………………………

Tamén tivo cabida o deporte, con taekwondo, patinaxe, tiro con arco, demostracións de patinaxe artístico, mini tenis, ximnasia rítmica. Igualmente estivo Picariños, houbo desfile de cans, festival infantil e de primaria, contacontos, zumba, pachanga, chistes, lectura de cartas e unha morea de actividades, que foron transcorrendo de cada media hora ou quince minutos ata completar as 24 horas ás nove da mañá de hoxe.

Este maratón cultural contou coa visita dunha representación do colexio Emilio de Navasqües, de Outes, outro dos centros afectados, que se fusionará co CEIP Serra de Outes situado a uns catro quilómetros.

Tamén quixo amosar o seu apoio e solidariedade unha representante do instituto Terra de Trasancos, de Narón, que leu o poema “Educar” de Gabriel Celaya.

As reivindicacións continuarán este xoves cunha manifestación diante da consellería en Compostela ás once da mañá e que contará co apoio duns 150 camioneiros. Tamén acudirán os outros tres colexios afectados de Outes, O Porriño e Ribadavia.

As Pontes, 27 de xuño de 2017 (AF)

Nova cortesía de A.F.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios