SEGUEN AS PROTESTAS NAS PONTES POLO PECHE DO COLEXIO MONTE CAXADO

Este martes concentráronse unhas 500 persoas na praza do Carme

628

A chuvia, intensa por momentos, non foi impedimento para preto de medio milleiro de ponteses se concentraran ás oito do serán na praza do Carme en protesta polo peche do colexio Monte Caxado.

Os presentes corearon varias consignas de protesta, como “non ó peche do Monte Caxado”, “non, non, non nos moverán”, “As Pontes unida xamais será vencida”, e un longo etc.

Unha nova moi ben acollida polos asistentes á concentración foi o anuncio que fixo un representante da anpa do colexio, quen deu a noticia de que media hora antes rexistrouse unha chamada no colexio para convocalos a unha reunión esta mañá, que os alí concentrados tomaron como a primeira vitoria, na espera de que o conselleiro rectifique e dea marcha atrás.

Segundo informacións, pola tarde houbo unha reunión de nais co conselleiro na capital galega, pero da que non saíu unha solución ó problema, xerado única e exclusivamente pola propia consellería sen falar e sen consensuar con ninguén. Para moitos, foi unha puñalada polas costas feita con nocturnidade e aleivosía.

As reivindicacións continuarán mañá xoves 29 cunha manifestación diante da consellería en Compostela ás once da mañá e que contará co apoio duns 150 camioneiros do carbón. Tamén acudirán os outros tres colexios afectados de Outes, O Porriño e Ribadavia.

As persoas interesadas en participar nesta concentración en Santiago deben inscribirse con antelación na anpa do colexio ou no propio concello de As Pontes.

Nova cortesía de A.F.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios