CENTOS DE PONTESES MENIFÉSTARONSE NA CORUÑA POLO PECHE DO CPI MONTE CAXADO

Na convocatoria feita no Alovi, cheo ata a bandeira, decidiuse acudir en masa á concentración da Coruña

388

Nin as previsións máis optimistas facían presaxiar tan masiva afluencia de veciños das Pontes na manifestación realizada na mañá de hoxe na Coruña. Ata a capital da provincia achegáronse máis de 700 persoas, que tiveron que facer o desprazamento en coches particulares debido á folga do transporte convocada para estes días.

Mestres, profesores, alumnos e alumnas e anpas dos tres colexios, así como numerosos veciños e veciñas, acompañados polo alcalde da vila, Valentín González Formoso, manifestáronse polas rúas coruñesas nunha marcha que durou máis de dúas horas. En varios tramos do seu percorrido recibiron o aplauso dos coruñeses, que se amosaban atónitos por tan numerosa marcha verde e amarela das súas camisetas reivindicativas e os chalecos.

Unha marcha que se iniciou por etapas na mañá do domingo, pero houbo que variar a derradeira, xa que estaba previsto que os marchadores serían recibidos polo resto dos concentrados diante do edificio administrativo da Xunta en Monelos. A folga do transporte impediuno.

Ó longo do traxecto as consignas que máis se escoitaban eran as de “non ó peche do Monte Caxado”, “non, non, non nos moverán”, “As Pontes unida xamais será vencida”, “Román, menos corrupción e máis educación”. Tamén, os manifestantes fixeron tocar os chifres e tamén houbo música tradicional para amenizar a marcha, na que os manifestantes tiveron que aguantar o forte calor e  o bochorno que facía na capital herculina.

Ó final dúas alumnas leron un manifesto, que comezaba por “moitísimas grazas por achegarvos para mostrar o rechazo dunha vila contra a EXTINCIÓN DO CPI MONTE CAXADO”. A primeira moza leu despois “dixo unha vez un afamado psiquiatra e escritor que lo se le de a los niños, los niños lo devolverán a la sociedad’. Pensamos que é unha gran verdade e por iso non lle debemos ‘dar’ aos nosos rapaces esta concepción sobre a xestión da Educación Pública, non podemos permitir que se lles traslade que é unha cuestión onde só priman as cuestións económicas por riba da calidade, a estabilidade ou a atención a diversidade, en base a mal chamada ‘eficiencia no ámbito educativo’, término que está a amparar decisións irresponsables como o peche no CASTRO DA UZ”..

Rematou a outra alumna con estas palabras “Por iso nas Pontes, vila de valores, que coñece ben que sen educación non hai futuro, queremos transmitirlles aos nosos nenos e nenas, que podemos esperar por unha estrada ou que podemos renunciar a unha subvención para facer unha beirarrúa, pero que nunca renunciaremos que pense no que lles damos aos nosos nenos, que nunca renunciaremos á calidade no ensino público”. Finalizou con “Pedimos a Educación que se sente a dialogar coa comunidade educativa do Monte Caxado, A Magdalena e Moncho Valcarce. Que se lle escoite, que predomine de novo a razón sobre a imposición, que se poña en valor, por riba de todo, o futuro dos nenos e nenas”.

Logo dirixiuse ós presentes o alcalde pontés, agradecendo a presenza de todos. Agradeceu especialmente ás policías nacional e local, que acompañaron e tiveron un trato exquisito cos manifestantes. Finalmente, deu unha boa nova, que haberá unha nova reunión co delegado de Educación para falar deste espiñoso asunto que ten mobilizado á toda a vila pontesa .

Despois de escoitar un pouco de música tradicional, os concentrados iniciaron a viaxe de regreso a As Pontes.

Nova cortesía de A.F.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios