RIBADEUME CELEBROU AS FESTAS PATRONAIS DA ASUNCIÓN DE MARÍA E SAN ROQUE

A parroquia de Ribadeume celebrou as súas festas patronais na honra á Asunción de María e San Roque. A boa climatoloxía acompañou a estas tradicionais e antano populares festas ribadeumesas, que comezaron o venres 11 cunha verbena cos grupos Nueva Fuerza e Marbella.

1.031

A parroquia de Ribadeume celebrou as súas festas patronais na honra á Asunción de María e San Roque. A boa climatoloxía acompañou a estas tradicionais e antano populares festas ribadeumesas, que comezaron o venres 11 cunha verbena cos grupos Nueva Fuerza e Marbella.

O sábado, despois das bombas de palenque, celebrouse na honra da Asunción de María a misa cantada por alumnas do conservatorio municipal, seguida da procesión acompañada por parroquianos e o repique das campás da igrexa parroquial. Na sesión vermú actuou a orquestra Bambolea, que tamén estivo na verbena da noite xunto a Galilea.

Na derradeira xornada do domingo houbo a sesión vermú e antes a celebración da eucaristía acompañada da Rondalla Vila de As Pontes.

A PARROQUIA DE RIBADEUME (Santa María)

Ribadeume, ata 1983 parroquia do concello da Capela, recibe o seu nome pola súa situación sobre o Eume, río que rega o leste da parroquia, ademais do de Maciñeira e os regos do Castro, Porto do Liño e Pena de Traste. Ocupa uns catorce quilómetros cadrados de terreo montañoso, destacando o pico de Montouto (566 m), agás unha pequena meseta na parte norte que fai de atalaia cara o río e o val do Eume, onde viven á maior parte dos seus 193 habitantes, segundo o censo do 1 de xaneiro de 2017.

Comprende as aldeas das Seixas, O Cameleiro, Espá, A Folla Branca, A Fraga dos Cregos, As Gañidoiras, Pena de Traste, Roidiz, Alto das Seixas, Vilarmouro, Os Ucedos e O Campo, considerado como núcleo de poboación (con 137 habitantes), que agrupa os lugares da Villerma, A Carreira, O Cachopal, O Castiñeiro Dacó, O Castiñeiro Dacolá, O Cotillón, Os Castros, A Corredoira, O Petouto e A Pedra do Couto. Están deshabitados os lugares da Graña, O Raque e Viador.

É unha parroquia con abundancia de castros, os chamados de guarnición común moi abundantes na comarca. A igrexa parroquial tivo varias reformas e a súa espadana de dúas campás é do século XVIII. Á carón súa hai un cruceiro e un sartego paleocristián. Na praza principal do lugar hai un interesante cruceiro construído no ano 1863. É de plataforma, pedestal e capitel cadrangular e cruz octogonal, levando no anverso o Cristo crucificado e no reverso a Virxe en actitude de orar.

A PARROQUIA DE BERMUI (Santiago)

A parroquia de Santiago de Bermui está dende hai anos moi vencellada á de Ribadeume, da que é parroquia anexa e coa que comparte moitos aspectos sociais, culturais e veciñais.

Segundo a lenda, o nome de Bermui ven do rei Bermudo II, quen no ano 982 foi coroado en Santiago pola nobreza galega. Ante a chegada de Almanzor fuxiu cara Betanzos e despois a Oviedo pasando por As Pontes. Bermui, terra de castros, é hoxe unha próspera parroquia que vive principalmente da agricultura e gandería. Ten 85 habitantes repartidos nunha superficie de dez quilómetros cadrados (10,42), nos lugares habitados de Campoverde, O Carballo, O Castro, O Caxado, Os Currás, A Graña, A Ermida, Bermui-Igrexa, O Mariñao, Sesulfe, Sobrevila e A Torre. Están deshabitadas as aldeas do Cordal e Murazoso. É unha meseta duns catrocentos metros de altura, aínda que ó oeste supera os cincocentos, como no monte da Fonte Vella (521 m).

A Igrexa parroquial é de construción recente (1972). No lugar da Ermida está a capela de Santo Antón, que atópase en mal estado. Nesta parroquia hai unha fervenza situada no treito final do rego das Painceiras antes de chegar ó río Eume, cunha altura de preto de trinta metros.

SAN ROQUE E A ASUNCIÓN DE MARÍA

Roque de Montpellier, nado segundo a tradición en Montpellier cara a 1348 (outros historiadores sinalan a súa data de nacemento en 1295) e finado en Voghera (Italia) o 15 ou 16 de agosto de 1376 ou 1379 (outros din que na prisión de Montpellier en 1317), foi un peregrino francés que se dirixiu a Roma.

Percorreu a península Itálica curando infectados pola peste, e faleceu querido coma un santo. A súa devoción estendeuse rapidamente a partir do século XV. Desde Venecia propagouse o culto cara os pobos xermánicos e os Países Baixos. En 1477, por mor doutra epidemia de peste, fundouse en Venecia unha confraría baixo a súa advocación (Confraternità o Scuole di San Rocco), dedicada á hospedaxe de enfermos de peste. Esta agrupación fomentou a devoción ó santo construíndo capelas e máis centros de acollida por toda Italia. Unha das igrexas máis coñecidas dedicadas a este santo está en París, preto do museo do Louvre, ordenada edificar por Luís XIV en 1563. Actualmente a súa devoción esténdese por toda Europa e Latinoamérica.

O santoral da igrexa católica celebra o seu día o 16 de agosto. Santo protector ante a peste e epidemias, a súa intervención foi solicitada polos habitantes de moitas aldeas que, logo de desaparecer o mal, recoñecían a intervención do Santo, polo que era nomeado Santo patrón da localidade. Foi canonizado en 1584.

Represéntase vestido de peregrino (con bordón e cabaza), cunha ferida na perna e acompañado dun can que o auxiliaba. É patrón dos peregrinos, dos cans, dos contaxiados por epidemias (especialmente a peste e o cólera), dos falsamente acusados, dos inválidos e dos cirurxiáns.

Asunción de María ou Asunción da Virxe é a crenza, de acordo á tradición e teoloxía da Igrexa Católica, de que o corpo e alma da Virxe María foron levados ó ceo logo de terminar os seus días na terra. Este traslado é chamado Assumptio Beatæ Mariæ Virginis (Asunción da Bienaventurada Virxe María) polos católicos romanos, cuxa doutrina foi definida como dogma polo Papa Pío XII o 1 de novembro de 1950.

A Igrexa católica celebrou esta festa en honra da Virxe María en Oriente desde o século VI e en Roma desde o século VII, celebrándose o 15 de agosto. É patroa de numerosas localidades españolas (Elche, Peñafiel, Pinto, Níjar, Estepa, Pinos del Valle –Granada-) e hispanoamericanas (Asunción de Paraguai, Juigalpa en Nicaragua, Chacas en Perú, Guatemala).

Ribadeume, 13 de agosto de 2017 (AF)

Nova cortesía de A.F.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios