DEZ ANOS DA FINAL DA COPA DEPUTACIÓN

O As Pontes perdera na Malata ante o Racing de Ferrol no tempo de desconto

342

Este 19 de Agosto cumpríronse dez anos da famosa final da Copa Deputación que o CD As Pontes perdeu na Malata ante todo un Racing de Ferrol no tempo de desconto.

O As Pontes gañara este torneo en 1996, tras superar a Vizoño, Atletico Arteixo e Deportivo B, impoñéndose ó Betanzos 2-1 na gran final, en terreo betanceiro. Sen restar mérito, pois foi o único trofeo gañado nesta prestixiosa competición, aquel equipo era de Segunda División B, cun gran nivel.

Pero no torneo da edición de 2007, o CD As Pontes militaba na Preferente Norte, e nas primeiras roldas avanzou nas quendas de penaltis, ante o Montañeros coruñés (5-3), tras empatar a 2-2 no tempo regulamentario, e ante o Santiago (4-1), tras finalizar os 90 minutos tamén con igualada a 2-2.

Máis mérito tivo o equipo a partir dese momento, pois eliminou en cuartos de final 2-1 á histórica SD Compostela, cun gol de Pedro no último suspiro, e en semifinais 2-0 ó Narón BP, que daquela militaba nos postos altos da Terceira División, tantos de Suso Peña e Troncho.

Xa na gran final, enfrontaronse ó Racing de Ferrol, que viña de ascender esa tempada a Segunda División, nin máis nin menos, na Malata, ante máis de tres mil espectadores, moitos ponteses.

O habilidoso e miúdo dianteiro de Ares, Pedro, poñía a sorpresa no marcador, tras adiantar ós azuis, cun tiro cruzado a pouco do comezo batendo a Queco Piña. Pero pouco durou a ledicia, pois apenas uns minutos despois o francés Lamatina establecía o empate picando ante a saída do porteiro pontés.

No segundo tempo, despois dun tiro de Javi Rodríguez á cruceta, anotou Jonathan Martín de cabeza. Semellaba que estaba todo sentenciado ata que faltando un cuarto de hora, tras saque de córner, un xove Dani Fernández, que remataba ciclo xuvenil co ascenso a División de Honra, poñía a igualada.

Pero cando parecía que habería que recorrer á quenda de penaltis, no desconto, no minuto 94, tras un centro dende banda esquerda, remataba Javi Rodríguez de cabeza, impoñendo a lóxica, dando a copa ó equipo verde, a súa quinta, e última ata este ano, Copa Deputación, tras perder as finais de 2014, 2015 e 2016, quedando o As Pontes coma un máis que digno subcampión.

Nova cortesía de Xose Ferreiro

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios