SEGUNDA DIVISIÓN “B” DE FÚTBOL SALA: O ESTEO FS – CD UNIÓN ARROYO (8-5)

Claro triunfo do Esteo pontés que suma os seus tres primeiros puntos da tempada.

406

O Esteo pontés de fútbol sala sumou onte sábado a súa primeira vitoria da campaña, sendo un triunfo máis folgado do que indica o marcador ante o recén ascendido equipo de Valladolid.

No primeiro tempo os de Javi Saa marcharon cunha ventaxa de 3-0 ó descanso, e aínda puideron ser máis debido ós tiros ós postes de Martín por dúas ocasións e Juan Cruz.

Adiantábanse cedo os ponteses, pois apenas transcorridos trinta segundos, Gerardo pasalla a Martín, que chegando ó segundo pau bate a Edgar (1´). Logo é Pana o que rouba un balón e bate por baixo ó gardamallas visitante (8´), e Héctor tamén marca de tiro cruzado dende fóra da área (9´).

Na segunda parte semellaba sentenciar o Esteo cun tiro de Gerardo que desvía un defensa cara a súa porta facendo o 4-0, pero nun arreón dos visitantes, repetíndose a xogada do cuarto, pero na área contraria, dispara Diego, e no intento de despexe un xogador do Esteo introduce o balón na súa porta. Pouco despois Mario queda só, e bate a Jesús polo primeiro pau facendo o 4-2.

Tivo uns minutos de incertidume o cadro local, pero tres tantos consecutivos, un penalti feito a Ayala e tirado por Rober, e dous bos goles de Héctor, un moi axustado ó primeiro pau, e outro de tiro cruzado, poñían o 7-2 que sentenciaba o encontro, co hat trick do capitán.

A balón parado, nunha falta directa, e nun penalti no que Rober arriscou moito co balón e ó final Martín viuse obrigado a facer penalti, achegábanse no marcador os vallisoletanos por medio de dous tantos de Javier.

Nos últimos segundos chegaba o oitavo, tras un golazo de Pana que pica ante a saída do porteiro, e o quinto dos casteláns leoneses foi tras un forte disparo de Mario.

Con este 8-5, O Esteo xa escala ata á oitava praza cos seus tres primeiros puntos antes de visitar ó Cuéllar Cojalba, que ten un punto, pendente de xogar este domingo ante o Universidad de Valladolid.

FICHA DO PARTIDO
O ESTEO FS: Jesús, Martín, Gerardo, Rober Paz, Gago – cinco inicial – Héctor, Pana, Ayrton, Juan Cruz, Dani, Ayala.
CD UNIÓN ARROYO: Edgar, Fraile, Mario, Jorge, Ignacio –cinco inicial- Castro, Diego, Javier, Escudero.
ÁRBITROS: Roberto Amor Vizoso, Raquel Manteiga Rodríguez, Francisco Javier Prados Caamaño (Ferrol-A Coruña). Amarelas a Rober Paz, Ayrton e Mario.
GOLES: Min. 1 (1-0), Martín. Min. 8 (2-0), Pana. Min.9 (3-0), Héctor. Min. 21 (4-0), Gerardo. Min. 24 (4-1), Diego. Min.25 (4-2), Mario. Min. 27 (5-2), Rober Paz, de penalti. Min.28 (6-2), Héctor. Min. 31 (7-2), Héctor. Min.37 (7-3), Javier Min. 38 (7-4), Javier. Min.39 (8-4), Pana. Min.40 (8-5), Mario.

INCIDENCIAS: Pavillón da Fraga. Partido correspondente á terceira xornada de Liga, segunda na casa. Uns 200 espectadores. Antes do comezo do encontro, rendeuselle un homezaxe a Antón Ferreiro, habitual fotógrafo dos partidos do clube pontés, falecido hai dúas semanas.

Nova cortesía de Xose Ferreiro

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios